Juan Antonio Añel, na súa glosa de Baltasar Merino.

Juan Antonio Añel, na súa glosa de Baltasar Merino.

O Día da Ciencia en Galicia celebra a Baltasar Merino como mestre da botánica

A Real Academia Galega de Ciencias organizou o acto institucional no pazo de San Roque de Santiago

Representantes das institucións científicas, culturais e académicas de Galicia asistiron esta tarde á celebración do Día da Ciencia en Galicia, na que se homenaxeou ao botánico e meteorólogo Baltasar Merino, coincidindo co centenario do seu pasamento. O acto central, que tivo lugar no Pazo de San Roque en Santiago de Compostela, foi organizado pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) que, en paralelo, conta coa colaboración de diversas institucións para levar a cabo outras actividades divulgativas no marco desta celebración.

O acto celebrouse no pazo de San Roque.

O acto celebrouse no pazo de San Roque.

Logo da proxección dun vídeo no que se recolle a traxectoria do Padre Merino –que ademais de investigador exerceu como sacerdote pola Orde dos Xesuítas–, dous dos continuadores do seu legado expuxeron os aspectos máis destacados das súas dúas facetas científicas. Tanto Francisco Javier Silva Pando como Juan Antonio Añel coincidiron na capacidade de Merino para crear modelos que resultaron determinantes para a botánica e a meteoroloxía modernas e que en moitos aspectos teñen repercusión na ciencia actual.

Neste sentido, o presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, aproveitou o exemplo de Merino para ilustrar que “non se pode caer na simpleza e na miopía de mutilar a ciencia, pensando únicamente na investigación aplicada. A propia experiencia dinos que os avances tecnolóxicos máis importantes, os que transformaron o mundo nos últimos tempos, teñen a súa orixe na ciencia básica”. Na súa defensa do coñecemento como motor do progreso, Ríos asegurou que é necesaria unha sociedade científicamente culta “porque só a través da percepción social se poderá garantir que a ciencia ocupe en Galicia o papel preciso para o desenvolvemento e o benestar das galegas e dos galegos”. Nese contexto situou a exposición inaugurada hoxe no Pazo de San Roque sobre os dez científicos galegos homenaxeados ata agora con motivo do Día da Ciencia e a presentación da nova revista da RAGC, que dá un xiro cara o enfoque divulgativo.

Asistiron ao acto, entre outras personalidades, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey; os reitores das Universidades de Santiago de Compostela e Vigo, Juan Viaño e Salustiano Mato; o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; os secretarios xerais de Igualdade e de Política Lingüística, Susana López Abella e Valentín García; o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto; o coordinador institucional do CSIC, Eduardo Pardo de Guevara; o delegado territorial da Axencial Estatal de Meteoroloxía (AEMET), Francisco Infante; o alcalde da Guarda, Antonio Lomba; e o concelleiro de Educación do Concello de Santiago, Manuel Dios.

Os científicos encargados de facer a semblanza de Baltasar Merino a través de senllas conferencias destacaron o rigor e a homoxeneidade do seu traballo de investigación.

Os científicos Silva Pando e Juan Antonio Añel glosaron a figura de Baltasar Merino
Silva Pando, investigador do Centro de Investigacións Forestais de Lourizán e responsable do principal herbario de Merino, explicou que o xesuíta foi un modelo para a catalogación modena da flora porque “deseñou claves claras e concisas para a descrición e a catalogación das mostras, establecendo relacións non só desde as familias ata os xéneros, senón tamén ata as especies”, algo inédito ata daquela. Isto, segúndo resaltou, provocou que a ‘Flora descritpiva e ilustrada de Galicia’, principal obra de Merino, servira como modelo para outras floras rexionais posteriores.

Pola súa banda, Añel, investigador da Universidade de Vigo, destacou que os datos que Merino recolleu no seu observatorio meteorolóxico hai máis dun século son moi útiles actualmente para a investigación. “Seguramente, non prevía o cambio climático entón pero as medicións que nos deixou son moi importantes para poder falar deste tema hoxe. Hai moi poucos datos de cuberta nubosa de antes do século XX e os que el deixou, tomados con extremada precisión, son fundamentais para validar o efecto invernadoiro nos modelos climáticos”, expuxo.

Durante o acto, fíxose entrega do Premio Galicia de Xornalismo Científico 2017, convocado en segunda edición pola RAGC coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria. A directora da Axencia Galega de Innovacion (GAIN), Patricia Argerey, entregou o galardón, dotado con 4.000 euros, ao redactor de GCiencia Manuel Rey, pola reportaxe titulada “A ataxia SCA36, o mal sen cura da Costa da Morte”.

O acto de hoxe complétase coas iniciativas promovidas por entidades como a Fundación Barrié; o Consello da Cultura Galega; os Concello de Santiago, A Guarda e Lerma (Burgos); a Asociación Veciñal de Montes en Mancomún de Camposancos; a Organización de Palangreros Guardeses; e o Centro de Estudos Forestais de Lourizán, aos que Ríos agradeceu o seu compromiso na difusión da figura de Merino.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.