Venres 19 Abril 2024

O decreto de investigación da Xunta incumpriría as recomendacións da UE

O decreto “pioneiro co que a Xunta de Galicia pretendía regular a contratación do persoal laboral investigador podería nacer morto. Aínda se atopa en fase de anteproxecto, mais o malestar na comunidade científica galega é patente. Semanas despois de que un importante grupo de investigadores comezara a mobilizarse, máis de medio cento de persoeiros da ciencia e a investigación enviaron estes días unha carta dirixida ao presidente Alberto Núñez Feijoo na que esixen a paralización da normativa. Nos últimos días, na web de Transparencia da Xunta, o documento aparece de novo “en prazo de envío de suxestións“, despois de figurar durante un tempo como “pendente de aprobación“.

Non en tanto, e segundo apuntaron a GCiencia fontes do colectivo de investigadores, a normativa tamén entraría en conflito coas recomendacións da Unión Europea que se sinalan na Carta Europea do Investigador. Este documento non é vinculante para os países membros, aínda que si se enmarca dentro das liñas mestras que contribúen ao cumprimento dos principios da Unión.

Publicidade

A Carta Europea sostén que os empregadores deben velar pola “mellora da estabilidade” das condicións laborais

Así, no punto referente á estabilidade e permanencia no emprego da Carta Europea do Investigador, sinálase que “os empregadores e/ou financiadores deben velar porque o rendemento dos investigadores non se vexa socavado pola inestabilidade dos contratos, e deben por tanto comprometerse, na medida do posible, coa mellora da estabilidade das condicións laborais dos investigadores, aplicando e respectando as disposicións e principios establecidos na Directiva comunitaria relativa ao traballo de duración determinada“.

Nesa mencionada directiva, adoptada no ano 1999, e que instaba aos Estados membros a poñer en marcha as medidas lexislativas necesarias antes do 10 de xullo de 2001, apúntase que un dos obxectivos é “impedir que os empregados con contrato de duración determinada reciban un trato menos favorable que o reservado aos empregados con contrato de duración indeterminada en situacións comparables, así como evitar os abusos que se derivan da utilización de contratos de duración determinada sucesivos”, entre outros puntos.

Esta última é unha das carencias que denuncian os investigadores críticos co decreto. Lamentan que a nova normativa non solucionaría a precariedade e temporalidade de moitos investigadores. Algúns deles, con case dúas décadas de experiencia e unha acreditada excelencia investigadora, acumulan contratos temporais que condicionan o futuro da súa carreira.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“O noso país está á cabeza das situacións complicadas para a carreira investigadora”

O catedrático da USC Diego Peña vén de participar nun foro internacional que reuniu a algúns dos químicos máis prestixiosos de Europa

Por unha carreira estable e enteira: as reclamacións dos investigadores galegos a Feijóo

A precariedade do sector e a autonomía da figura do investigador foron algúns dos temas da primeira reunión entre InvestiGal e o presidente da Xunta

As investigadoras galegas esixen estabilidade no Congreso: “Aos 40 temos que deixalo ou emigrar”

Representantes de InvestiGal denuncian a precariedade na comisión para a reforma da Lei de Ciencia

Acordo na USC para pagar os trienios que reclamaban centos de investigadores

Universidade e sindicatos dan o paso para aboar a partir do 1 de setembro de 2021, e durante os vindeiros anos, os complementos de antigüidade