David Posada, catedrático da Universidade de Vigo.

David Posada, catedrático da Universidade de Vigo.

David Posada cumpre 15 anos entre os científicos máis citados do mundo

O investigador da UVigo repite na lista dos investigadores máis referenciados do planeta

O seu nome apareceu nesta lista por primeira vez no 2001 e, dende entón, non deixou de facelo. Un ano máis, e xa van máis de quince, o catedrático da Universidade de Vigo David Posada volve figurar na lista de científicos e científicas máis citados do mundo que publica a axencia internacional Thomson Reuters. “A nivel persoal supón un orgullo seguir estando aí, como un deportista que segue participando nas olimpíadas e ganando medallas”, admite Posada, ao tempo que fai fincapé en que detrás do traballo individual sempre hai un labor de grupo e este é tamén un recoñecemento a todo o persoal que forma parte do seu equipo. “Por aquí van pasando estudantes que entran e saen e tanto eles como todos os meus compañeiros contribúen a isto”, subliñou o investigador.

A lista de 2016 céntrase na investigación realizada nos últimos anos e para a súa elaboración avaliáronse os artigos publicados en revistas científicas e de ciencias sociais indexados na web Science Core Collection entre os anos 2004 e 2014. Só se consideraron aqueles artigos que están entre o 1% dos máis citados por campo e ano, os denominados highly cited papers. “Sempre supón unha satisfacción e unha recompensa saber que o teu traballo continúa mantendo uns estándares”, apunta o investigador vigués que, pese a admitir que a ilusión non é a mesma ca que sentiu cando viu o seu nome reflectido por primeira vez nesta clasificación, “por suposto, segue estando aí”, recalca.

O catedrático da UVigo David Posada.

O catedrático da UVigo David Posada.

Na lista aparecen os 3000 investigadores e investigadoras máis citados do mundo de 21 campos da ciencia e as ciencias sociais, que van desde a medicina clínica e as neurociencias, ata a agricultura, a economía ou o medio ambiente. Deles 54 traballan en institucións españolas, tres deles nas universidades galegas, xa que, ademais de Posada, aparecen tamén os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Rosana Rodríguez e Juan Nieto, integrantes ambos do Departamento de Análise Matemática. Vinculado tamén ao SUG e, máis concretamente á propia Universidade de Vigo aparece tamén –en dúas categorías distintas- o profesor Luis Liz Marzán, quen durante 17 anos dirixiu o Grupo de Química Coloidal da institución académica viguesa e que na actualidade exerce como director científico do centro de investigación CIC biomaGUNE (Center for Cooperative Research in Biomaterials) do País Vasco.

A pesar de valorar como moi positiva esta presenza de galegos na lista, Posada considera que a situación “pode mellorar”, e para logralo “hai que mirar sempre cara adiante e intentar que a nosa visibilidade sexa a máxima posible, tanto en Vigo como nas outras dúas universidades galegas. “Cantos máis aparezamos na lista, mellor”, recalca, ao que engade que “para acadalo temos que traballar, sobre todo, en crear investigación de alto impacto”. Nesta liña valora como “moi positivas” as últimas incorporacións ao cadro de persoal investigador da Universidade de Vigo, dos Starting Grant José Tubío e Elena Ojea, así como do persoal seleccionado a través de programas como os Ramón y Cajal ou ou europeo Fellowsea.

David Posada, ano tras ano, segue a ser cos seus artigos unha autoridade internacional 

“Oxalá estes investigadores que agora se están a contratar aparezan co tempo nesta lista. Todo o que sexa contratar persoal de excelencia de convocatorias competitivas que avalíen a excelencia investigadora como son os FellowSea, os Ramón y Cajal ou os ERC e ir polo bo camiño”, engade Posada, quen lembrou que a súa inclusión nesta lista beneficia tamén á propia Universidade de Vigo, pois esta clasificación é un dos seis indicadores que se empregan na elaboración do prestixioso Ranking de Shanghai. “É un ranking que ofrece visibilidade, non só a nivel nacional, senón tamén para estudantes doutros países e doutros continentes, que se fixan neste tipo de listas para elixir as súas universidades, polo que axudar á Universidade a subir nesta clasificación tamén é importante”, recalcou.

O director do Laboratorio de Filoxenómica da Universidade de Vigo Phylogenomics Lab e investigador de Cinbio, Centro de Investigación Biomédica, foi o primeiro investigador galego en acadar una bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación, ERC, e en 2014 acadou unha axuda Consolidator Grant, tamén do ERC, dotada con dous millóns de euros para financiar o seu proxecto sobre a evolución somática das células canceríxenas. “Levamos un ano e medio de cinco dun proxecto moi complicado no que traballamos con simulación de datos e non hai resultados máis aló de pequenos éxitos técnicos, que en si mesmos non teñen valor para o público en xeral. Só ao final se verá se temos capacidade de identificar procesos de evolución do cancro, que é unha célula que quere vivir máis que outras, medrar máis, alimentarse máis … é parte da vida, o prezo da vida”, explicaba Posada sobre o seu proxecto o pasado mes de maio, data na que recibía a distinción de Biólogo do Ano, distinción outorgada polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.