De esquerda a dereita, Pablo S. Otero, Manuel Pazos e Luís Taboada.

De esquerda a dereita, Pablo S. Otero, Manuel Pazos e Luís Taboada.

O CSIC incorpora a tres novos científicos galegos nos centros de Santiago e Vigo

Pablo Otero traballará no Instituto Padre Sarmiento, mentres que Manuel Pazos e Luís Taboada desenvolveran o seu labor no Instituto de Investigaciones Marinas

O Boletín Oficial del Estado vén de  publicar a incoroporación de tres novos científicos aos centros que o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) ten en Galicia. Son Pablo S. Otero Piñeyro Maseda (Lugo, 1979), Manuel Pazos Palmeiro (Vilalba, 1977) e Luís Taboada Antelo (Santiago de Compostela, 1977), que a partir de agora pasarán a ser parte dos funcionarios de carreira adscritos ao CSIC Galicia.

Pablo S. Otero traballará no Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, en Compostela. Otero, licenciado e doutor en Historia pola USC, con senllos premios extraordinarios, formará parte do grupo de Investigación “Historia Social del poder desde la Edad Media”. Acumula unha longa experiencia en programas como I3P, Ángeles Alvariño ou Juan de la Cierva, e estancias posdoutorais en Porto ou o Instituto de Historia do CCHS do CSIC. É autor de seis libros e case medio cento de artigos e capítulos de publicacións. As súas liñas de investigación céntranse na área das Ciencias e Técnicas Historiográficas e, en particular, na localización, identificación, análise e transcrición de fontes diplomáticas, epigráficas e heráldicas dos séculos XIII ao XVI para o estudo dos grupos de poder. Amais, é secretario do Cuaderno de Estudios Gallegos, vocal da Comisión de Heráldica da Xunta e membro titular da la Académie Internationale de Généalogie

Os outros dous investigadores desenvolverán o seu labor no Instituto de Investigaciones Marinas de Vigo. Manuel Pazos Palmeiro, que traballará no grupo “Química de Productos Marinos”, é licenciado e doutor en Química pola USC. Comezou a súa carreira investigadora no propio IIM con bolsas FPI e contratos JAE-Doc, Parga Pondal e Marie Curie. Realizou estancias posdoutorais en Cambridge, Copenhague e Córdoba. A súa tarefa investigadora céntrase no estudo dos mecanismos implicados na calidade e bioactividade dos lípidos poliinsaturados de orixe mariña e outros compoñentes dos produtos pesqueiros, principalmente na prevención do risco metabólico asociado á obesidade e a diabete.  Participou en 19 proxectos de investigación e asinou uns 60 artigos publicados en revistas de impacto e en libros académicos.

Pola súa parte, Luís Taboada, licenciado en Enxeñaría Química pola USC e doutor na mesma especialidade pola UVigo, comezou tamén a súa carreira no IIM, onde traballou con bolsas FPI e contratos Ángeles Alvariño ou Ramón y Cajal. Fixo estancias de investigación na universidade de Carnegie Melon (Estados Unidos). As súas investigacións céntranse na definición de perfís e políticas de control óptimo en diferentes procesos da industria alimentaria e transformadora para dar resposta ao grave problema medioambiental e socioeconómico dos descartes. Taboada, autor de máis de 30 artigos en revistas de alto impacto e capítulos de libros, aplicará estes coñecementos no grupo de “Ingeniería de Bioprocesos” do IIM.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.