Venres 29 Marzo 2024

Cova de Eirós, a Altamira do Noroeste

A Cova de Eirós, en Lugo, é a Altamira do Noroeste, con 84 pinturas e gravados que falan do eido artístico-relixioso dos habitantes desta terra hai 20.000 anos. Este recente achado de arte rupestre paleolítico no interior da gruta por un equipo da Universidade de Santiago (USC) está considerado como unha mostra de arte única e excepcional en Galicia. Ademáis, a caverna situada en Triacastela achega datos dos poboadores desta terra na última glaciación e da relación entre o home de neardental cos sapiens-sapiens, os humanos actuais.

Pintura dun animal na Cova de Eirós.
Pintura dun animal na Cova de Eirós.

A USC e a Consellaría de Cultura asinaron este luns un convenio para a realización dos traballos de escavación, investigación e documentación deste xacemento paleolítico, cunha aportación de 30.000 euros para este ano.
A achega económica destinarase á contratación de medios humanos, técnicos e materiais necesarios para facer unha campaña de investigación sobre o terreo, coordinados polo director do equipo de investiagación, Ramón Fábregas.
O estudo que se abordará sobre o material da cova a partir deste convenio é “un traballo transcendental” que dea fundamento a posteriores accións que favorezan a súa conservación, para que Cova Eirós siga sendo “un paraíso histórico” para os que veñan, segundo manifestou o reitor, Juan Viaño.
Dende o ano 2008 e ata 2014, un equipo do Departamento de Historia I coordina o xacemento paleolítico de Cova de Eirós, enclave que dende entón ten proporcionado achados de grande importancia para ampliar o coñecemento sobre a época prehistórica en Galicia. Os resultados acadados consolídana como un xacemento de referencia no norte peninsular para estudar as similitudes e diferenzas entre dúas especies de homínidos (homo sapiens e neandertal) nun mesmo contorno e xacemento.

Publicidade

Eirós é clave para estudar a sapiens e neardental nun mesmo xacemento

Os resultados de estudos preliminares aparecen agora recollidos no libro Cova Eirós. Primeras evidencias de arte rupestre Paleolítico en el Noroeste Peninsular, do que son editores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera. Os investigadores conclúen que os descubrimentos nesta cova son a primeira evidencia dun santuario paleolítico en Galicia, “unha área ata agora completamente allea ao coñecemento da arte rupestre peninsular” pero que abre a porta a novos achados non só en Galicia senón tamén en abrigos rochosos equiparables aos do interior da Península.
Trátase de dar a coñecer unha investigación que, a pesar do dispar estado de conservación do estudado, permite achegar o lector ao mundo simbólico dos grupos de cazadores recolectores que habitaron o noroeste peninsular hai tal vez uns 20.000 anos. Porque, como explican os autores, se ben as numerosas escavacións realizadas en Galicia permiten ter un coñecemento sólido sobre a cultura material dos grupos do paleolítico superior, “no rexistro galego non existían evidencias sobre a súa esfera simbólico-relixiosa agora recollidas”.

O equipo da USC, traballando na Cova de Eirós.
O equipo da USC, traballando na Cova de Eirós.

Ata a data, e a pesar do mal estado de conservación das imaxes debido en moitos casos á intervención humana, son 84 as unidades gráficas catalogadas, repartidas en once paneis. A metade dos motivos correspóndese con elementos pintados, seguido dos gravados (46,4%) e o uso de releves ou realces naturais da roca.
Un colgante atopado neste xacemento e elaborado a partir dun canino dun pequeno carnívoro pon de manifesto a presenza humana no noroeste peninsular desde hai uns 26.000 anos, en pleno período álxido da última glaciación. Ademais, entre outros achados encontrados nesta cova destaca a aparición de máis elementos de industria ósea nos niveis do Paleolítico superior, nomeadamente a presenza dunha azagaia decorada (unha lanza curta). Por outra banda, nos niveis do Paleolítico medio, cando a cova estaba ocupada por neandertais, foron recuperadas numerosas ferramentas líticas en seixo e cuarcita. Os traballos nesta escavación compleméntanse cos da Cova de Valdavara (Becerreá), onde os investigadores do GEPN da USC levan traballando desde 2007 nos seus tres xacementos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un bólido cruza a costa de Lugo ata caer no Cantábrico

A segunda bóla de lume visible dende Galicia en apenas dúas semanas procedía da chuvia de estrelas das delta-leónidas

Novos achados revelan o carácter funerario da ‘roda’ de Adai, un xacemento único en Galicia

A descuberta dunha ola que se conserva completa e de pé sobre unha lousa suxiren que servía para actos rituais fundacional

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Galicia e Portugal compartían no Paleolítico un corpus artístico que revela nexos culturais

Dúas investigacións descobren os paralelismos existentes entre representacións de máis de 9.000 anos de antigüidade en Cova Eirós e o val do Côa