Sábado 20 Abril 2024

Vigo acollerá en xullo un congreso de endocrinoloxía animal

A Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo será a sede este verán da undécima edición do congreso da Asociación Ibérica de Endocrinoloxía Comparada, un encontro internacional de científicas e científicos especializados no estudo dos sistemas endócrinos dos animais, tanto en vertebrados (peixes, anfibios, réptiles , aves…) como invertebrados (insectos, moluscos, crustáceos…). A cita está coordinada polo catedrático José Luis Soengas, director do Laboratorio de Fisioloxía Animal, que explica que os principais sectores nos que inciden os estudos da endocrinoloxía animal, son todos os relacionados coa produción, sobre todo a acuicultura de peixes, que é o eido no que traballan a maioría dos grupos de investigación, tanto de España como de Portugal, relacionados con estas cuestións.

O congreso celebrarase do 13 ao 15 de xullo e nel participarán arredor dun cento de especialistas que presentarán as investigacións máis recentes que se teñen acadado neste eido, tanto de universidades como de centros de investigación, mediante a presentación de múltiples comunicacións, tantos orais como en formato póster. “A maiores, celebraranse tamén tres sesións plenarias e outros tres relatorios ‘state of the art’ nos que recoñecidos especialistas poñerán ás persoas asistentes ao día en temáticas concretas”, explica o presidente do comité organizador, que apunta tamén que a lingua oficial do congreso é o inglés, “o que favorece a presentación de comunicacións por parte de investigadores estranxeiros”.

Publicidade

O equipo de organizadores do congreso, do que tamén forman parte o decano da facultade, Jesús Míguez, e o responsable de Calidade Ambiental da Ecimat, Antonio Villanueva, explican que a endocrinoloxía animal, como nos humanos, encárgase do estudo das hormonas. “Os animais teñen diferentes hormonas organizadas no que coñecemos como sistemas endócrinos que son, xunto co sistema nervioso, o seu mecanismo principal de regulación”, explica Soengas, que fai fincapé en que as hormonas/sistemas endócrinos participan na regulación do metabolismo, do crecemento, da reprodución, da osmorregulación… “Practicamente todos os procesos vitais nos animais están regulados dun xeito ou outro polas hormonas”, recalca o investigador, ao que engade que os primeiros animais nos que se estudaron os seus sistemas endócrinos foron os mamíferos, incluíndo a especie humana “e iso é do que se encarga a endocrinoloxía en xeral, con todas as súas implicacións médicas”, recalca o investigador.

A endocrinoloxía contribúe a mellorar o cultivo e produción de numerosas especies

No caso da endocrinoloxía animal comparada, afondar no funcionamento dos diferentes sistemas endócrinos dun animal permite coñecer e optimizar os diferentes procesos que ocorren no mesmo cara a optimizar o seu cultivo ou produción, “desde facer que medre máis ou que aproveite mellor o alimento ata que se reproduza nun momento determinado”, explica o coordinador do congreso. Nesta liña, Soengas salienta que os distintos grupos de animais obxecto de estudo na fisioloxía comparada son moi importantes no eido da produción animal, sobre todo na acuicultura, e dentro da mesma a produción de peixes -tanto de auga doce como a troita, a carpa ou a tilapia, como de auga de mar, caso do rodaballo, a dourada, a robaliza, etc. -; moluscos (ameixa, ostra, etc); crustáceos (lagostino, lagosta, etc), e tamén na avicultura (diferentes aves como galiñas, patos, pavos…), etc.

“En España e Portugal a maioría dos grupos de investigación relacionados coa endocrinoloxía animal comparada, incluíndo o noso laboratorio, traballan no eido da acuicultura de peixes abordando sistemas endócrinos implicados no control do crecemento, da reprodución, do metabolismo, da resposta de estrés, da pigmentación, da alimentación, da regulación iónica, etc.”, explica o responsable do congreso, ao tempo que fai referencia a que o coñecemento dos mecanismos endócrinos implicados na regulación deses procesos permite mellorar os procedementos que se empregan na industria acuícola.

Desde o Laboratorio de Fisioloxía Animal, explican que a acuicultura é hoxe en día a actividade económica con maior proxección no eido da produción animal, contribuíndo a xerar produtos de gran valor comercial e respondendo a novos retos da sociedade, como son a mellora na sostenibilidade dos recursos naturais e a obtención de alimentos sans e seguros. “Como prevé a FAO, debido á progresiva redución da pesca extractiva tradicional, a acuicultura é a única posibilidade de proporcionar, dun modo sostible, peixe para alimentación humana e actualmente supón aproximadamente a metade do pescado para consumo humano”, explica Soengas, que recalca o feito de que a forte relación entre endocrinoloxía comparada e acuicultura en España e Portugal fai que o congreso estea co-organizado polo Centro Singular Mariño-ECIMAT da Universidade de Vigo que ten dentro da súa estrutura unha unidade de Acuicultura á que pertence o seu grupo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un novo paso para mellorar e optimizar a alimentación na acuicultura

Un equipo do Centro de Investigación Mariña da UVigo presenta as conclusións dun proxecto sobre a regulación da inxesta dos peixes, desenvolvido entre 2017 e 2020

Como, cando e por que comen os peixes? Un proxecto da UVigo quere sabelo mellor

Investigadores da universidade viguesa, xunto á Complutense e o CSIC, afondarán nos mecanismos homeostáticos, circadianos e hedónicos da alimentación

Os avances na acuicultura centran o Congreso Ibérico de Endrocrinoloxía Comparada

A UVigo acolle este certame no que participan tamén científicos de Estados Unidos ou Xapón