Serge Haroche.

Serge Haroche.

Visita Compostela Serge Haroche, o Nobel que capturou o minúsculo

Gañou o premio Nobel de Física no 2012 e estará en Santiago no programa ConCiencia que dirixe Jorge Mira

O 19 de xullo chega a Compostela o premio Nobel que observou as partículas minúsculas. O físico francés Serge Haroche conseguiu traballar a escala cuántica, medindo e manipulando fotóns, con orixinais sistemas para atrapalos con xogos de láseres e espellos. Polos seus traballos, recibiu o Nobel de Física no ano 2012.

Agora, o científico visita Santiago convidado polo programa ConCiencia, que dirixe o catedrático da USC Jorge Mira e que, dende o ano 2006, trae a Galicia a recoñecidos científicos galardoados co premio da Real Academia Sueca de Ciencias. Haroche dará unha conferencia o 19 de xullo no auditorio de Abanca, ás 20.00 horas, ademais de participar en encontros con científicos galegos.

Haroche gañou o Nobel “por innovadores métodos experimentais que permiten a medida e manipulación de sistemas cuánticos individuais”. Nado en Casablanca, trasladouse a Francia aos 12 anos e acabou vinculado aos dous centros máis representativos da elite científica francesa, o Collège de France e a École Normale Supérieure. Alí atopou ao que sería o seu director de tese de doutoramento, Claude Cohen-Tannoudji, Premio Nobel de Física 1997 e visitante do Programa ConCiencia en 2015.

Haroche foi discípulo doutro Nobel: Cohen-Tannoudji, que tamén visitou Santiago

Cando nos achegamos ás compoñentes máis minúsculas do noso universo, empeza a fallar o xeito no que entendemos o mundo, e fanse patentes novas regras que nos parecen sorprendentes. Nese momento entramos no reino da física cuántica. Unha desas normas indica que a mera observación dun sistema cuántico individual altera o seu comportamento. Nos anos 80, Serge Haroche marcouse como obxectivo algo que parecía imposible: observar directamente partículas cuánticas individuais sen destruílas. Conseguiuno deseñando enxeñosos experimentos con láseres para estudar fenómenos cuánticos cando a luz interacciona coa materia. Deu capturado fotóns usando unha trampa formada por dous espellos, entre os cales os rebotan fotóns. Deste xeito, Haroche estudounos facendo pasar átomos a través desa trampa.

A través do seu traballo na chamada óptica cuántica non só puido observar estados cuánticos fráxiles (algo considerado ata entón inexpugnable) senón tamén controlalos. Isto supón un dos primeiros pasos para a construción de computadores extraordinariamente rápidos baseados en física cuántica.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.