Venres 19 Abril 2024

Eleuterio Toro: “Os científicos son considerados inimigos polas ditaduras”

Na vida e nas matemáticas hai veces en que a casualidade desencadea un acontecemento que cambia todo o que se realizou ata ese momento. Por coñecemento e experiencia o sabe moi ben o matemático chileno Eleuterio Toro que no ano 1975, cando era aínda moi novo, tivo que abandonar o seu país porque a ditadura do xeneral Pinochet o tiña no seu punto de mira, como a tantos outros universitarios chilenos.

Toro tivo máis sorte que moitos dos seus compatriotas e exiliouse en Inglaterra, un país que o acolleu moi ben e mesmo financiou os seus estudos ata chegar a converterse nun prestixioso matemático. No ano 2000 recibiu da raíña de Inglaterra a distinción de Cabaleiro do Imperio Británico, polas investigacións realizadas e que o levaron a realizar traballos para a NASA e para o consorcio que fabricou o Concorde, entre outros proxectos.

Publicidade

Eleuterio Toro. Foto: A. Iglesias
Eleuterio Toro. Foto: A. Iglesias

Despois de 27 anos de estancia en Inglaterra, Toro emigrou de novo (nesta ocasión por elección propia) a Italia onde exerce actualmente como profesor na Universidade de Trento. Mantén unha relación intensa coa Universidade de Santiago e xa estivo en diversas ocasións en Galicia.

Onte pronunciou unha conferencia na Facultade de Matemáticas da USC e proximamente volverá para falar sobre Ciencia e Migracións nunhas xornadas que se celebrarán en Santiago, en colaboración coa propia Facultade e o Consello da Cultura Galega. Neste evento participarán tamén algúns refuxiados sirios que chegaron nos últimos anos á USC.

Nunha entrevista con GCiencia, Toro sinala que os científicos e as persoas informadas en xeral son considerados como inimigos polas ditaduras porque se opoñen a elas. “Eu fun considerado como un adversario pola ditadura chilena polo feito de ser un líder estudiantil. Fun expulsado da universidade e tiven que marcharme a un país que me acolleu e me deu a oportunidade de continuar os meus estudos, pese a que entón eu non tiña nada que lles ofrecer”, explica o matemático.

Na súa opinión, aínda que o Brexit está a ser unha cuestión problemática, Gran Bretaña continuará a ser un país de acollida polo seu propio interese e pola actitude das clases dominantes. “Inglaterra segue sendo un país aberto, un dos máis abertos que coñezo e, curiosamente, os que son máis reticentes cara os que veñen de fóra son as clases máis pobres porque se senten desfavorecidos e cren que os que chegan non pertencen a súa comunidade”.

No que se refire ao ensino das matemáticas nos colexios, Toro considera necesario que se produza un cambio de enfoque para que deixen de consideralas como unha disciplina pouco atractiva e mesmo que infunde temor. “Isto acontece en todos os países e creo que unha das cousas que hai que cambiar é que os profesores de matemáticas teñan unha mellor formación pedagóxica e tamén que se difunda a idea de que non hai que ser un xenio das matemáticas pero si ter algunhas nocións básicas. O mesmo que todos podemos andar tamén podemos saber algo de matemáticas, aínda que no chegues a ser un experto”, explica Toro.

“A compoñente humana segue a ser fundamental nas matemáticas”

Como experto en Matemáticas Aplicadas, o profesor chileno indica que practicamente todos os fenómenos se poden explicar a partir dun modelo matemático. Isto ocorre por exemplo no campo da meteoroloxía ou na predición dos terremotos. “Cando fallan as previsión feitas cun modelo matemático o que aconteceu, na maioría das ocasións, é que non se tiveron en conta todos os factores que interviñan no fenómeno ou era imposible introducir todas as variables, como sucede no caso da predición meteorolóxica, por exemplo”.

Aínda que o uso da informática permitiu avanzar moito no tratamento de datos utilizados nos modelos matemáticos, Toro sinala que a compoñente humana segue a ser fundamental xa que “os modelos e as metodoloxías seguen a facelas os homes. As ecuacións non se resolven soas e é necesario que os matemáticos creen algoritmos que se introducen nos ordenadores para resolver os modelos”.

Toro salienta a importancia que segue a ter a investigación na área das  matemáticas e sinala ademais que neste disciplina resulta moi barata a investigación porque non é necesario contar con grandes infraestruturas nin materiais, a diferenza do que acontece noutras ciencias. “Un lapis e un papel e todo o que necesita alguén que queira investigar no terreo das matemáticas”, conclúe o matemático. Toro regresou a Chile cando a ditadura chilena chegou ao seu fin e recibiu os honores por un traballo que moi ben puidera desenvolver na súa propia terra se as circunstancias tiveran sido outras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un libro sobre Manuel Colmeiro pecha as homenaxes ao Científico Galego do Ano

Tamén colocan unha placa na súa memoria na facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC

Dez anos fomentando a curiosidade

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, felicita a Gciencia polo seu décimo aniversario

Cambiar de modelo forestal e outras medidas para frear a expansión do eucalipto en Galicia

O Consello da Cultura Galega publica un informe que analiza o impacto sobre o patrimonio cultural e natural das especies forestais de rápido crecemento

O Consello da Cultura Galega sobre os eólicos de Acibal: “Non se identificou o patrimonio a tempo de evitar os danos”

O informe emitido polo organismo salienta a insuficiencia tanto na identificación como na protección de elementos naturais e culturais