A molécula de arino detectada polo CiQUS de Santiago en colaboración con IBM.

A molécula de arino detectada polo CiQUS de Santiago en colaboración con IBM.

Científicos do CIQUS demostran a existencia de moléculas efímeras

En colaboración coa multinacional IBM proban a existencia dos arinos, moléculas reactivas que foron suxeridas hai 113 anos

Un equipo mixto de investigadores do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela (CiQUS) e de IBM Research conseguiu demostrar a existencia dos arinos, unha familia de moléculas extremadamente reactivas e de vida curta que foron suxeridas por primeira vez hai 113 anos. A técnica desenvolvida para o seu achado podería ter aplicacións en ámbitos como a química e a electrónica sobre superficies, concretamente para a elaboración de nanofitas de grafeno ou dispositivos unimoleculares.

O investigador Diego Peña.

O investigador Diego Peña.

No Universo existen billóns de moléculas. Algunhas delas son o suficientemente estables para ser illadas e caracterizadas, pero moitas outras teñen un tempo de vida tan curto que só poden ser identificadas de xeito indirecto, estudando os produtos das súas reaccións ou a través de métodos espectroscópicos. Entre este grupo de moléculas atópanse os arinos, cuxa existencia foi proposta por primeira vez en 1902. Dende entón, a química de arinos foi clave na síntese dunha gran variedade de compostos moi útiles, como os fármacos ou os materiais moleculares. O reto que presentan estas moléculas radica en que existen unicamente durante uns milisegundos, algo que ata hoxe facía extremadamente difícil o seu estudo.

Agora, a prestixiosa revista Nature Chemistry publica a primeira imaxe dunha molécula individual de arino, froito do esforzo dun traballo conxunto realizado por investigadores do CiQUS da Universidade de Santiago (expertos na química de arinos) e científicos de IBM en Zürich, que desenvolveron unha técnica de microscopía con resolución atómica.

“Os arinos estúdanse nas materias de química orgánica en graos universitarios por todo o mundo. Polo tanto, é un alivio descubrir que estas moléculas existen en realidade”, afirma o profesor Diego Peña, químico na Universidade de Santiago de Compostela. “Devecemos por comprobar qué novos retos químicos se poden abordar mediante esta combinación entre a síntese orgánica e a Microscopía de Forza Atómica (AFM)”.

O descubrimento poderá empregarse na electrónica do grafeno

O proceso comezou coa preparación das moléculas precursoras dos arinos no CiQUS; posteriormente, os investigadores do IBM Research empregaron a punta dun Microscopio de Efecto Túnel (STM) para xerar arinos individuais a partir das moléculas precursoras, mediante manipulación atómica. Os experimentos realizáronse sobre unha fina capa de cloruro sódico a temperaturas próximas ao cero absoluto, co gallo de estabilizar os arinos. Unha vez que estas moléculas foron xeradas, os investigadores usaron a técnica AFM para medir as interaccións entre a punta do microscopio -que remata nunha única molécula de monóxido de carbono-, e a mostra, logrando deste xeito visualizar a estrutura molecular dos arinos. O resultado obtido foi unha imaxe con tal nitidez que os científicos puideron estudar a súa natureza química e as pequenas diferenzas entre os distintos enlaces.

Outra imaxe da molécula efímera arino.

Outra imaxe da molécula efímera arino.

“O equipo de IBM desenvolve dende 2009 varias técnicas punteiras que fixeron posible este logro”, di o doutor Niko Pavliek, físico no IBM Research. “No caso deste estudo foi esencial seleccionar unha superficie illante sobre a que se adsorbesen as moléculas, así como unha punta do microscopio axeitada que permitise visualizalas. Cremos que esta técnica terá moita relevancia no futuro da química e da electrónica”.

O traballo é resultado do proxecto europeo PAMS (Planar Atomic and Molecular Scale Devices), cuxo obxectivo consiste en desenvolver novos dispositivos electrónicos de tamaño nanométrico. Parte desta investigación está financiada por un proxecto Advanced Grant do European Research Council (ERC) concedido ao investigador de IBM Gerhard Meyer, quen é coautor do traballo. Estes prestixiosos proxectos financian os mellores investigadores que traballan nas fronteiras do coñecemento en Europa.

O STM e a súa técnica derivada AFM son as principais ferramentas de traballo na investigación a escala atómica e molecular. O STM, que foi inventado por Gerd Binnig e Heinrich Rohrer no IBM Research – Zürich en 1981, permitiu aos científicos visualizar por primeira vez átomos individuais sobre diferentes superficies. Este microscopio revolucionario, polo cal os dous científicos recibiron en 1986 o Premio Nobel de Física, expandiu as fronteiras do noso coñecemento, revelando as propiedades das superficies e das moléculas ou átomos adsorbidos sobre elas.

O CiQUS reúne en Santiago a 35 investigadores principais e 30 postdoutorais

Dende 2011, o CiQUS traballa na realización de investigación punteira e multidisciplinar na fronteira da química, a biomedicina e os materiais moleculares. Con 35 investigadores principais, preto de 30 investigadores posdoutorais e máis de 100 estudantes de doutoramento, as liñas de investigación deste centro singular da USC inclúen dende estudos básicos en química biomolecular e supramolecular, ata investigacións máis aplicadas para desenvolver novos materiais funcionais, con potenciais aplicacións tecnolóxicas ou biolóxicas.

Con 70 anos de historia e máis de 3.000 investigadores, repartidos en doce laboratorios situados en seis continentes, o IBM Research continúa definindo o futuro da tecnoloxía. Os avances de IBM Research contribuíron a que a compañía alcanzase o récord industrial de 7.534 patentes en 2014, facendo que IBM continúe a ser, despois de 22 anos consecutivos, o número un na lista de patentes rexistradas nos EEUU. Científicos de IBM Research foron galardoados con seis Premios Nobel, dez Medallas de Tecnoloxía de EEUU, cinco Medallas de Ciencia de EEUU, seis Premios Turing, 19 membros da Academia de Ciencias de EEUU e 20 membros do Hall of Fame dos investigadores en EEUU.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.