Venres 29 Marzo 2024

Científicos galegos usan ouro para crear reaccións artificiais nas células

Un equipo de científicos galegos acaba de presentar “a primeira demostración de que un catalizador de ouro pode funcionar en células vivas”. Así explica o científico do CSIC Fernando López, adscrito ao CiQUS de Santiago de Compostela, a importancia do artigo que acaban de publicar na revista Nature Communications. No traballo participaron tamén os investigadores posdoutorais Cristian Vidal e María Tomás, do Programa ‘Juan de la Cierva’ e o estudante de doutoramento Paolo Destito.

A investigación, dirixida por José Luis Mascareñas, describe un novo tipo de transformacións químicas inducidas por catalizadores de ouro. Un avance que multiplica as posibilidades de xerar novos tipos de produtos bioactivos dentro da célula de maneira totalmente controlada, xa que as reaccións teñen lugar unicamente en presenza do novo catalizador.

Publicidade

“Demos os primeiros pasos para a construción dun metabolismo artificial”, di Mascareñas

“Demos os primeiros pasos para a construción dun metabolismo artificial, compatible co metabolismo natural e, obviamente, inspirado na acción das encimas”, expón Mascareñas. Deste xeito, ábrese o camiño ao deseño de novos tratamentos baseados na xeración controlada e simultánea de varios fármacos, mesmo daqueles con actividade terapéutica distinta.

O estudo enmárcase dentro do proxecto Metbiocat, financiado por unha das axudas de excelencia Advanced Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). Anteriormente, o mesmo grupo xa demostrara a viabilidade dos catalizadores baseados en rutenio, cos que se chegou mesmo a controlar reaccións químicas a vontade en lugares específicos da célula, como a mitocondria. E estes avances previos serviron de pulo para estudar as propiedades do ouro como impulsor destas reaccións artificiais.

“Tan pronto como comprobamos que o novo catalizador de ouro funcionaba, o reto foi combinar a súa actividade coa doutros catalizadores baseados en rutenio que desenvolveramos con anterioridade”, apunta Cristian Vidal, primeiro autor do artigo. Un obxectivo que tamén se alcanzou ao longo do traballo, como confirma María Tomás: “Conseguimos que ambos poidan exercer a súa actividade de forma simultánea, sen interferir o un co outro, incluso dentro das mesmas células”, sinala a científica.

O papel destes catalizadores, capaces de producir reaccións que non existen de seu na natureza, abre un gran abano de posibilidades para controlar e comprender mellor o funcionamento do interior das nosas células. Sábese que moitas doenzas graves, como o cancro, teñen a sua orixe nos cambios que acontecen aquí. Mediante a creación de encimas artificiais sería posible, por tanto, desencadear reaccións ao antollo dos investigadores. Esta é unha das principais metas do equipo que dirixe Mascareñas no CiQUS.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas

Un equipo do CSIC logra controlar unha doenza causante da extinción dos anfibios

Os investigadores aplicaron un funxicida agrario sen observar trazas do produto nin efectos significativos na química e bioloxía da auga

Un equipo galego sinala os lípidos en sangue como biomarcadores de covid persistente

Investigadores do CiQUS ofrece unha nova perspectiva sobre a natureza desta enfermidade e abre a porta a diagnósticos e tratamentos máis específicos

Zendal lanza a primeira vacina de tecnoloxía ADN contra a leishmaniose canina

‘Neoleish’ reduce a presenza do parasito en máis dun 90% e mellora os signos clínicos da doenza