Sábado 20 Abril 2024

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías recibe a acreditación de Excelencia

O reitor Juan Viaño recibiu este martes de mans da secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela, a acreditación do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC como Unidade de Excelencia María de Maetzu. O IGFAE convértese así no primeiro centro en Galicia en obter esta distinción, que concede a Axencia Estatal de Investigación e que supón un financiamento de 2 millóns de euros durante os próximos catro anos e oito contratos predoutorais.

O reitor Juan Viaño mostrou a súa satisfacción por este logro “que permite a achega desde Galicia a avances científicos de relevancia” e destacou a importancia da cooperación no ámbito da investigación, agradecendo a todas as persoas e institucións implicadas neste recoñecemento “o seu bo facer”.

Publicidade

Os seis centros distinguidos nesta convocatoria co María de Maetzu foron seleccionados polos seus resultados científicos e os seus programas estratéxicos tras unha rigorosa avaliación na que participaron máis dun cento de científicos internacionais de recoñecido prestixio. No caso do IGFAE, trátase dun recoñecemento á súa traxectoria investigadora e á relevancia da estratexia de futuro presentada, que incide especialmente en dúas variables: un incremento na cantidade e calidade dos seus investigadores e unha definición estratéxica de áreas científicas onde se identifican tamén novas posibles liñas de investigación.

Retención de talento
Un dos piares do plan do IGFAE, que agrupa 41 investigadores dos cales 30 son profesores da USC, é a atracción e retención de talento, especialmente co perfil adecuado para os proxectos do European Research Council. Para iso defínense accións que inciden nas fases iniciais da carreira científica, onde os investigadores poden optar a Starting ou Consolidator Grants (ata a data, dous investigadores do Instituto acadaron unha Starting Grant). A formación de novos científicos, tanto na fase de doutoramento como o comezo do posdoutoramento, é outra das bases na estratexia de talento.

O instituto da USC ten grupos de investigación moi recoñecidos internacionalmente

A análise das liñas científicas do instituto revela un número de grupos recoñecidos internacionalmente nos seus ámbitos de actuación con boa masa crítica. O plan trata de fortalecer estas liñas xa existentes e, ao tempo, abrir outras novas, coherentes coa estratexia científica marcada, en áreas como a Cosmoloxía, a Física dentro ou alén do Modelo Standard e a Instrumentación científica. “Esta estruturación estratéxica é indispensable para a planificación a longo prazo en colaboracións internacionais, que poden ter un percorrido de máis de 20 anos e que están en constante revisión pola comunidade internacional”, explica o seu director, Carlos Salgado.

A investigación que produce o IGFAE, un instituto mixto de investigación dependente da USC e da Xunta de Galicia creado en 1999, está orientada á ciencia básica dirixida a mellorar a comprensión da estrutura da materia e o Universo, como as súas aplicacións tecnolóxicas en campos moi diversos que inclúen a instrumentación científica avanzada, a tecnoloxía GRID, a microelectrónica, a enerxía solar, etc.

A estratexia de futuro proposta identifica tamén áreas onde o instituto pretende ter unha incidencia directa e inmediata na nosa contorna máis próxima. Neste senso, Salgado destaca que será potenciada a transferencia de coñecemento, especialmente en temas relacionados coa saúde, “así como a comunicación da ciencia á sociedade, tanto no eido da divulgación xeral como no da educación non universitaria”.

Tanto as acreditacións María de Maeztu como as Severo Ochoa –que tamén se entregaron hoxe– foron seleccionadas pola súa traxectoria nos últimos cinco anos e os seus programas estratéxicos tras unha rigorosa avaliación na que participaron 115 investigadores internacionais de primeiro nivel e recoñecido prestixio. Na actualidade existen 25 centros Severo Ochoa e 16 unidades María de Maeztu.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos detectan dunha colisión entre dous obxectos a 650 millóns de anos luz

A observación das ondas gravitacionais destes elementos cósmicos fai sospeitar que o máis lixeiro é unha estrela de neutróns e o máis pesado un burato negro

A USC contribúe nunha nova técnica para estudar reaccións nucleares en explosións estelares

O investigador Yassid Ayyad desenvolveu parte da análise neste traballo internacional que se publica na revista ‘Physical Review Letters’

Científicos galegos afondarán na conformación do Universo nun experimento con neutrinos

O IGFAE participará no deseño dun detector que interceptará feixes destas partículas para intentar explicar a asimetría entre materia a antimateria

O Shazam das ondas gravitacionais ten acento galego

Un traballo liderado por Juan Calderón "dálle a volta á tortilla" aos complexos cálculos necesarios para obter información destes eventos