Venres 26 Abril 2024

O cambio climático duplicou en Compostela os días de verán desde 1950

Unha nova evidencia sobre o impacto do cambio climático en Galicia. Nun ano marcado polos incendios, a alerta por seca e as altas temperaturas, xorde un novo estudo científico que amosa un novo dato sobre o tema. Un traballo dos xeógrafos da USC Alberto Martí e Dominic Royé expón que desde 1950, en Santiago de Compostela duplicáronse os días de verán. De 33 xornadas estivais -entendidas como os días nos que os termómetros superan os 25ºC- de mediados do século XX, pasouse hoxe a máis de 60.

Martí e Royé analizaron diversos indicadores climáticos e bioclimáticos tomando Compostela como exemplo da análise dada a súa posición xeográfica central en Galicia. En cada década, o verán aumentou a un ritmo de 5,2 días. “Estes cambios percíbense tamén nas datas nas que se rexistran os primeiros e os últimos días de verán”, explican os investigadores.

Publicidade

Verán antes e máis tarde

Así, mentres que nas décadas de 50 e 60 os primeiros días de verán en Santiago non chegaban ata mediados de maio, a partir dos 70 foron adiantándose a razón de 7,1 días por década. Así, desde 2010 comezouse a percibir un notable adianto, xa que o calor chegaba durante a segunda semana de abril.

E pola outra banda, as altas temperaturas foron adentrándose cada vez máis no outono. Así, nos datos analizados vese que agora hai entre 2o e 25 días calorosos nos outonos de Santiago, fronte á media de 15 días dos anos 50 e 60.

As xeadas tamén minguaron, o que podería beneficiar á agricultura

 

Ademais, as xeadas minguaron. Nas comarcas do interior de Galicia, pasouse dunha media de 19 a 12 cada ano, e a súa aparición retrasouse unha media de 2,5 días por década, “de forma que se nos anos 50 esas primeiras xeadas tiñan lugar normalmente a mediados de novembro, nos últimos anos non soen rexistrarse ata comezos de decembro”, sinalan os autores do estudo. Unha situación que podería ter algúns beneficios “para moitos cultivos, que van vendo como diminúe o risco e o período no que poden producirse as xeadas”.

En xeral, Martí e Royé observaron que desde 1950 tense producido en outono un desprazamento das temperaturas medias cara valores máis altos. Un aumento con repercusións directas no benestar e a saúde das persoas,  en actividades económicas como a agrogandeira, a forestal ou o turismo, nos recursos hídricos ou no risco de incendios, que se caracterizan pola súa notable sensibilidade ante o cambio climático.

Por exemplo, sinalan, os efectos son positivos para o turismo. Pero ao mesmo tempo “o aumento das perdas de auga no solo e na vexetación por evapotranspiración pode supor un maior estrés hídrico negativo para as plantas nos períodos que coincidan cunha maior escaseza de precipitacións, ademais de favorecer unhas condicións ambientais que fan aumentar o risco e o período de incendios”, apuntan.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses