O botafumeiro, pendurado na catedral de Santiago. Foto: Juantiagues / Wikicommons.

O botafumeiro, pendurado na catedral de Santiago. Foto: Juantiagues / Wikicommons.

O galego que descubriu a física do Botafumeiro

O enxeñeiro Juan Ramón Sanmartín Losada, que traballou coa NASA e Harvard, explicou as dinámicas que fan posible o movemento do incensario compostelán

Juan Ramón Sanmartín Losada é unha eminencia no mundo da Física. Hoxe en día, con 76 anos, segue exercendo como catedrático emérito da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Aeronáuticos da Universidade Politécnica de Madrid. Nacido na Estrada, e sobriño do galeguista Antón Losada Diéguez, este enxeñeiro traballou ao longo da súa extensa carreira con institucións como a NASA, a Axencia Espacial Europea, o MIT ou Harvard.

Este mércores estivo en Ourense, onde impartiu unha charla na Escola de Enxeñaría Aeronáutica que recentemente botou a andar no campus. Falou da súa experiencia no desenvolvemento das correas electrodinámicas, tamén coñecidas como tethers, uns mecanismos que poderían contribuír no futuro á eliminación do lixo espacial e a exploración dos grandes planetas do sistema solar.

Sanmartín Losada deu unha charla este mércores en Ourense. Foto: Duvi.

Sanmartín Losada deu unha charla este mércores en Ourense. Foto: Duvi.

Mais na súa brillante traxectoria académica, tamén tivo oco para estudar o funcionamento dun dos obxectos máis celebres de Galicia: o botafumeiro da catedral de Santiago. En dous artigos de referencia, publicados en 1984 e 1990, Sanmartín Losada explicou por que é posible que o famoso incensario poida poñerse en marcha e desprazarse polo transepto do templo compostelán.

O botafumeiro funciona coma un péndulo. Nestes mecanismos, a gravidade loita por impulsar o corpo que está pendurado (neste caso, o recipiente co incenso) cara o chan. Pero o cable que o suxeita impídeo. Así, ao empurrar nalgunha dirección, a gravidade responderá intentando devolver ao botafumeiro ao lugar máis próximo ao chan, é dicir, á vertical da corda. Se non se exercera máis forza, ao cabo de pouco tempo, debido ás forzas de rozamento do aire, o botafumeiro acabaría deténdose totalmente xusto na vertical.

E aí entran en xogo os tiraboleiros. Tras o pequeno empurrón que fai o tiraboleiro maior sobre o altar, este súmase aos outros sete homes que agarran a corda. Xusto cando o botafumeiro pasa por ese punto máis próximo ao chan, e aproveitando a forza da gravidade, danlle un empurrón á corda (bombeo) que eleva o obxecto a case tres metros de altura.

Pouco a pouco, a forza de atracción que exerce a Terra e os empurróns dos tiraboleiros  vanse complementando e, deste xeito, incrementan o movemento e a velocidade do botafumeiro.

Na cúpula do cruceiro está outra das claves. Alí, unha armadura de ferro fixada nos catro piares sostén os tambores a través dos cales se enreda e desenreda a corda.

Así, o obxecto, que durante a súa historia oscilou entre os 50 e os 65 quilos de peso, voa a través do transepto durante 17 ciclos completos que duran arredor de 80 segundos, cunha velocidade máxima de 68 quilómetros por hora. A oscilación acada unha amplitude máxima de 82 graos.

Os traballos de Sanmartín Losada sobre o botafumeiro ofrecen explicacións ao detalle de todos os factores que inflúen no seu movemento. Foron factores que os encargados de facelo funcionar tiveron en conta ao longo dos séculos. Con todo, houbo tamén contratempos.

Os accidentes do botafumeiro

A tensión á que se ven sometidas a corda e as cadeas que sosteñen o botafumeiro provocou algún que outro susto. Segundo recolle Sanmartín dos textos sobre a historia da catedral, o 25 de xullo de 1499, día do Apóstolo, as cadeas romperon e provocaron que o incensario saíra disparado coma un proxectil por riba das cabezas dos presentes, ata bater contra unha das portas laterais. Máis tarde, no 1622, foi a corda a que rachou, e o botafumeiro caeu ao lado dos tiraboleiros. Ao longo da historia houbo algún que outro accidente máis

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.