Begoña Vila.

Begoña Vila.

Begoña Vila, premio María Wonenburger, reivindica o papel da muller na historia da ciencia

A astrofísica viguesa da NASA recibiu este mércores o galardón, que recoñece a excelencia científica de mulleres galegas

Nas aulas de Física da Universidade de Santiago de Compostela dos anos 80 había pouca presenza feminina, pero o talento rebordaba. De aquelas aulas saíron persoas como Mar Capeáns, a primeira muller española en entrar no CERN, ou Begoña Vila, astrofísica que traballa na NASA, poñendo a punto o James Webb, o telescopio que sucederá en 2019 ao Hubble, e que será o maior instrumento deste tipo xamais levado ata o espazo.

Begoña Vila recibe o premio María Wonenburger. Foto: xunta.gal.

Begoña Vila recibe o premio María Wonenburger. Foto: xunta.gal.

Este mércores 27 de decembro, Begoña Vila Costas (Vigo, 1963) recibiu de mans do presidente da Xunta o premio María Wonenburger, que recoñece desde 2007 a traxectoria de mulleres galegas na ciencia e tecnoloxía, en homenaxe á matemática coruñesa finada en 2014. No seu discurso durante a entrega do premio, reivindicou o recoñecemento para as mulleres na historia da ciencia, das que dixo que “hai moitos exemplos” de figuras femininas que non foron valoradas “como debera” debido ao seu xénero. Por tanto, dixo, é preciso seguir avanzando para que as futuras xeracións “cheguen a ser o que queren ser“.

Tras comezar a estudar Física na USC, Begoña Vila especializouse en Astrofísica no Instituto de Astrofísica de Canarias e, máis tarde, realizou o seu doutoramento no centro Jodrell Bank de Manchester, onde investigou sobre galaxias espirais, e fixo o posdoutoramento na universidade de Cardiff.

Máis tarde mudouse a Canadá, desde onde empezou a traballar coa NASA no James Webb a través dunha empresa canadiana. Comezou como analista, ascendeu a enxeñeira de sistemas e, finalmente, foi designada como encargada técnica do Fine Guidance Sensor, o dispositivo que guiará a viaxe do gran telescopio, onde lidera a un equipo dun milleiro de persoas.

“Hai moitos exemplos” de figuras femininas pouco valoradas, dixo Vila no seu discurso

Alén do seu traballo, Begoña Vila tamén é moi activa en eventos de divulgación científica no marco da asociación ECUSA-DC, que engloba á comunidade científica española que traballa en Washington DC, Maryland e Virginia.
O seu traballo xa foi recoñecido en 2016 pola axencia estadounidense coas Exceptional Public Achievement Medals, que se lle entregan aos membros non funcionarios que contribuíron de forma significativa a algunha das misións da NASA.

Despois de recibir este galardón, nunha entrevista coa Axencia Sinc, Begoña Vila explicaba para que vai servir o James Webb. “Verá as primeiras luces do universo: a das primeiras estrelas e galaxias que se formaron tras o Big Bang fai 13.500 millóns de anos. Coa axuda do seu “poder” infravermello, tamén analizará como evolucionaron esas galaxias ata se converter nas espirais e elípticas actuais, como se forman as estrelas e os planetas, a composición atmosférica de afastados exoplanetas e pode que algún con metano e auga como a Terra, e mesmo novos descubrimentos sobre os do noso sistema solar. Ademais, poden xurdir achados inesperados que nos sorprendan a todos”.

O telescopio, que será lanzado entre marzo e xuño de 2019, sufriu varios atrancos desde a súa posta en marcha, en 1996. Lembraba Vila que “os orzamentos iniciais non foron moi realistas, nin tampouco a estimación da complexidade para o seu deseño, probas, etc.; de modo que a data do seu lanzamento foise atrasando e o custo disparando, ata tal punto que, efectivamente, o Congreso de Estados Unidos estivo a piques de cancelalo en 2011. Afortunadamente ao final permitiuse que continuase, xa que o 75% estaba acabado, pero impuxéronse controis máis estritos e certos límites marcados polo Congreso. Desde entón o JWST continuou ben, axustándose ao orzamento, uns 9.000 millóns de dólares ata agora”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.