Venres 19 Abril 2024

Clase de Física de Partículas para estudantes de Bacharelato con expertos da USC

Medio cento de estudantes de Bacharelato de Galicia poderán gozar o vindeiro 6 de abril dunha nova edición da clase maxistral de Física de Partículas impartidas por científicos do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da USC. A iniciativa, organizada ao abeiro do programa ‘International Masterclasses‘, que se celebra en 210 universidades e laboratorios de todo o mundo, xa ten aberto o seu prazo de inscrición ata o 16 de marzo.

Durante a xornada, o alumnado traballará na análise de datos reais tomados nas instalacións do CERN. O persoal do IGFAE explicaralles aos estudantes os pequenos bloques de construción do universo e o seu estudo a través dos aceleradores e detectores do gran experimento. A análise destes datos reais permitiralle aos estudantes coñecer de primeira man o funcionamento da investigación na Física moderna.

Publicidade

A xornada rematará cunha videoconferencia con persoal do CERN

“Intentamos dar unha idea do emocionante que pode chegar a resultar este mundo. Esta clase é unha experiencia moi enriquecedora tanto para o alumnado participante como para nós mesmos”, explica Beatriz García, estudante de doutoramento do Instituto da USC. Un dos principais atractivos da iniciativa é que o futuro alumnado universitario “está en contacto durante toda a xornada con persoal científico profesional e traballan con datos do LHC, converténdose eles mesmos en físicos de partículas por un día” engade Miriam Lucio, tamén alumna de doutoramento do IGFAE.

A idea da clase, segundo sinalan desde a USC, é fomentar que o estudantado traballe tanto como sexa posible como verdadeiros científicos, para o que catro experimentos do acelerador (Atlas, CMS, Alice e LHCb) proporcionaron datos reais para o seu uso didáctico. Máis alá da análise, a experiencia tamén permite ao alumnado abordar outras perspectivas, como por exemplo, “aprender como se reclama un descubrimento científico”, engade o investigador Marcos Seco.

A clase rematará coa celebración dunha videoconferencia con persoal do CERN, de Fermilab e TRIUMF así como con outros grupos de estudantes de todo o mundo para analizar de xeito conxunto os resultados alcanzados. “Na nosa colaboración, hai miles de científicos en todo o mundo traballando no mesmo experimento”, lembra a investigadora do IGFAE Veronika Chobanova quen engade que o proceso “require comunicación constante a través de videoconferencia. O obxectivo é que os estudantes poidan mergullarse no ambiente real de traballo científico”.

A inscrición pode formalizarse na web do IGFAE, nesta ligazón. As solicitudes serán atendidas por orde de chegada dándolle prioridade a centros que participen por vez primeira. Aquelas solicitudes que non poidan ser atendidas nesta ocasión serán consideradas para a seguinte. A organización farase cargo da manutención (xantar), pero non do transporte ata a facultade. O/a profesor/a acompañante poderá asistir e incluso participar activamente na xornada, se así o desexa. Deberá indicalo na solicitude.

Neste ano, as ‘International Masterclasses’ celebraranse do 15 de febreiro ao 6 de abril en máis de 50 países de todo o mundo. A participación mundial reflicte a colaboración internacional en Física de Partículas. Estas clases internacionais están organizadas polo IPPOG, un grupo internacional especializado na divulgación deste eido da Física formado por representantes dos países involucrados en investigación en CERN e noutros laboratorios punteiros. O obxectivo do grupo é facer que a física de partículas sexa máis accesible para o público.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo reivindica no Día Mundial da Auga a importancia do seu acceso universal

A universidade impulsa a concienciación través dunha serie de pódcast con nenos e nenas e dun concurso escolar de microrrelatos
00:03:09

As patacas teñen lingua propia: o vídeo dunha galega finalista nun certame de divulgación

A investigadora da Misión Biolóxica de Galicia Lucía Martín Cacheda presenta unha peza audiovidual sobre a comunicación química das plantas

A acidificación nas costas, un problema descoñecido que ataca os ecosistemas mariños

O proxecto ACID busca analizar o impacto biolóxico e social do incremento de CO2, incluíndo unha perspectiva de xénero

A eternidade por fin comeza un luns

Artigo gañador da VI edición do IGFAE C3, o concurso de comunicación científica do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías