Venres 29 Marzo 2024

Estudantes contra a chuvia aceda

O sistema de detección de chuvia aceda en solos e plantas e os métodos para contrarrestar os seus efectos ideados por Queila Bouza, Miguel Gómez e Jorge Cordero conquistaron ao xurado do maior certame científico escolar de España, a Exporecerca, celebrada esta pasada fin de semana en Barcelona. O proxecto, que participara na última edición da Galiciencia, foi desenvolvido no marco das Aulas Tecnópole, o programa de capacitación en habilidades científicas e innovadoras organizado polo Parque Tecnolóxico de Galicia e financiado pola Consellería de Economía e Industria.

Os gañadores, todos eles estudantes de 2º de Bacharelato, recibirán como premio a asistencia á Intel International Sciencie and Engineering Fair, unha das feiras máis grandes do mundo sobre traballos de ciencia e tecnoloxía a nivel preuniversitario, que terá lugar en Los Ángeles (EE UU) no mes de maio.

Publicidade

Con este traballo os estudantes marcáronse como obxectivo comprobar de primeira man os efectos da chuvia aceda sobre as plantas e os solos, construír un sistema que permita detectala e verificar a efectividade dos metais de sacrifico como o magnesio para contrarrestar os seus efectos.

O proxecto gañador detecta a chuvia aceda nos solos e propón métodos para contrarrestala

Queila, Miguel e Jorge comprobaron que o magnesio ten un alto potencial para protexer os tecidos vexetais diante dos efectos da chuvia aceda evitando a degradación das súas follas e talos. Tamén constataron que cando se aplica este metal sobre un substrato, nunha cantidade de un gramo por metro cadrado, evítase dunha forma eficaz a acidificación do chan e mellora a súa fertilidade. Os ensaios para chegar a estas conclusións foron realizados ao longo de todo o último ano.

Dous dos compoñentes deste equipo lograran xa un premio na Exporecerca do ano pasado grazas a un sistema de recuperación de solos queimados a causa de incendios forestais aplicando residuos orgánicos da pasta de papel producida na industria da celulosa.

A delegación enviada a Barcelona polo Parque Tecnolóxico de Galicia constou de alumnos e alumnas de segundo ciclo da ESO e Bacharelato, acompañados de dous profesores, que defenderon cinco proxectos desenvolvidos nas Aulas Tecnópole. Competían con traballos procedentes de Abu Dhabi, Azerbaiyán, Bélxica, Brasil, Eslovaquia, Italia, Perú e Turquía, ademáis de España.

Os galegos tamén idearon un antirroubo de mochilas e un estudo de lanzamento de conguitos

Ademais deste galardón especial, outro dos equipos das Aulas Tecnópole conseguiu o premio outorgado polos propios participantes na feira. O proxecto máis votado polos expositores foi o sistema antirroubo para mochilas mediante tecnoloxía RFID (radiofrecuencia), ideado por Alejandro González, Manuel González e Pablo Fortes, de 3º da ESO. Trátase dunha tecnoloxía capaz de bloquear a cremalleira dunha mochila mediante un sensor RFID para evitar que ninguén que non sexa o seu dono poida abrila. Para desbloqueala, o seu propietario non ten máis que pasar por diante do sensor unha tarxeta persoal que usa a mesma tecnoloxía.

Por último, Thomas Alan Loboy, Jorge Estévez e Óscar Páramo fixéronse cun accésit do Premio Ciència en Societat, outorgado no marco da Exporecerca pola Fundación Ciència en Societat de Barcelona. O recoñecemento foi para o seu divertido sistema de lanzamento e estudo do tiro parabólico de esferas de chocolate. Consiste en deseñar e construír un sistema electrónico programado e automatizado de lanzamento de esferas de chocolate (os populares conguitos) co obxectivo de axudar aos alumnos a entender o tiro parabólico dunha forma divertida.

As Aulas Tecnópole son unha iniciativa de impulso á divulgación científica do Parque Tecnolóxico de Galicia, coa colaboración da Consellería de Economía e Industria, orientada a espertar nos rapaces e rapazas a curiosidade e a inquietude que nun futuro os poden orientar cara a carreira científica ou cara a actitudes e aptitudes de emprendemento innovador.

Os estudantes trasládanse unha tarde por semana ao Parque Tecnolóxico de Galicia, onde levan a cabo os seus proxectos en equipo e axudados por un equipo de formadores con ampla experiencia docente e de desenvolvemento de programas destas características. Os estudantes, todos eles de segundo ciclo de Secundaria e Bacharelato, reciben deles formación sobre as pautas que debe seguir unha investigación científica rigorosa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Bolígrafos de tinta natural e mans biónicas: entre os 100 proxectos do alumnado en Galiciencia

A maior feira científica de Galicia conta con 4.800 participantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato

A Galiciencia, finalista nun premio mundial de Parques Tecnolóxicos

A feira científica que se celebra todos os anos na Tecnópole de Ourense compite con 10 proxectos de varios continentes no certame

Un plan de loita biolóxica contra a velutina gaña a Galiciencia

Un proxecto de loita biolóxica contra a avespa velutina desenvolvido por...

A Galiciencia reúne en Ourense a máis de 150 investigadores noveis

Este mércores 8 de maio bota a andar a Galiciencia, a...