Recreación artística do planeta Proxima b.

Recreación artística do planeta Proxima b.

Atopan un planeta como a Terra na estrela máis próxima ao Sol

A revista Nature fai público o importante achado deste mundo, que orbita a anana vermella Próxima Centauri

Despois de moito buscar, un equipo internacional de astrónomos liderado por científicos españois atopou o exoplaneta máis próximo á Terra. Chámase Próxima b, presenta unha masa similar, vira cada once días ao redor da veciña estrela Próxima Centauri e está situado na zona de habitabilidade, é dicir, que podería albergar auga líquida e, potencialmente, vida.

A estrela Próxima Centauri, denominada así por ser a máis próxima ao Sol e situarse na constelación Centaurus, está a tan só 4,2 anos luz da Terra. Trátase dunha fría anana vermella, demasiado débil para observala doadamente, aínda que veciña dun sistema estelar moito máis brillante e popular: Alfa Centauri, ao que seguramente pertence.

O planeta foi bautizado Proxima b e só está a 4,2 anos luz da Terra

Agora, un equipo de astrónomos atopou evidencias claras da presenza dun planeta similar á Terra orbitando ao redor de Próxima Centauri, o que o converte no máis próximo ao noso fóra do sistema solar. Ademais, atópase na zona de habitabilidade, a rexión ao redor dunha estrela onde as condicións de temperatura permiten a existencia de auga líquida e, por tanto, é un candidato para buscar vida.

Este mundo, que os astrónomos levaban buscando intensamente desde hai anos, bautizouse co nome de Próxima b. Tras uns días de rumores e filtracións en varios medios estranxeiros, o seu descubrimento é portada esta semana na revista Nature, onde os autores describen os detalles do exoplaneta.

Infografía que compara as órbitas da Terra e de Proxima b coas súas estrelas.

Infografía que compara as órbitas da Terra e de Proxima b coas súas estrelas.

“Dedicamos dous anos a deseñar esta campaña, que observou Próxima Centauri desde xaneiro ata marzo deste ano con telescopios de catro observatorios. Aínda que o sinal era prometedor desde o principio, revisamos a súa consistencia cada noite: é verdadeiramente emocionante saber que hai un planeta parecido á Terra ao redor da estrela máis próxima a nós”, destaca Guillem Anglada, investigador español que encabeza o estudo desde a Universidade Queen Mary de Londres.

A pesar disto, algúns expertos consideran que as condicións na súa superficie se poderían ver moi afectadas polas labaradas de raios X e de radiación ultravioleta que emite a súa estrela, moito máis intensas que as que experimenta a Terra respecto ao Sol. A posibilidade de que exista vida nos planetas ao redor das estrelas ananas vermellas actualmente é obxecto de debate entre a comunidade científica.

En calquera caso, Próxima b constitúe o candidato idóneo para estudar as características dos planetas ao redor de ananas vermellas e, por extensión, para a procura de trazas que poidan indicar a existencia de vida. De feito, o sistema Alfa Centauri (ao que moitos astrofísicos consideran que pertence Próxima) é tamén o obxectivo do primeiro intento da Humanidade de viaxar a outro sistema solar: o proxecto StarShot apadriñado por Stephen Hawking, que propón o envío alí dunha frota de naves minúsculas en busca de mundos potencialmente habitables.

Aquí podes ler
o artigo publicado na revista Nature

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.