Manuel Megías, Manuel Ángel Pombal e Pilar Molist, responsables do Atlas. Foto: Duvi.

Manuel Megías, Manuel Ángel Pombal e Pilar Molist, responsables do Atlas. Foto: Duvi.

O Atlas Histiolóxico da UVigo cumpre dez anos con visitas de case 200 países

A ferramenta dixital, deseñada para o estudo sinxelo das células e os tecidos animais e vexetais, rexistrou no que vai de ano máis de 1.200.000 usuarios

A idea inicial coa que se publicaron as primeiras páxinas do Atlas Histiolóxico Virtual da Universidade de Vigo era crear un sitio web relacionado con diferentes materias da licenciatura en Bioloxía para axudar ao alumnado. Co tempo foi medrando en contidos e apartados, á vez que se ampliou o número, tipo e a nacionalidade dos usuarios e usuarias.

Este mes cumpre dez anos e celébrao convertido nunha ferramenta moito máis completa dirixida a calquera persoa interesada en estudar a célula e os tecidos animais e vexetais, con seguidores en preto de 200 países, sobre todo en Hispanoamérica, pero tamén en lugares como Estados Unidos ou a India. No que vai de ano o atlas rexistrou xa máis dun millón douscentos mil usuarios, unha media duns 9.000 usuarios por día.

Exemplo dalgún dos apartados do Atlas.

Exemplo dalgún dos apartados do Atlas.

“A idea inicial era tratar só a histoloxía animal e vexetal e o obxectivo eran os nosos propios estudantes, agora traballamos para unha audiencia moito máis ampla e diversa e o foco ampliouse e abrangue outros aspectos relacionados coa bioloxía celular, os órganos animais e vexetais e as técnicas de laboratorio”, explican os profesores Manuel Ángel Pombal, Pilar Molist e Manuel Megías, investigadores principais do grupo de investigación Neurolam da Universidade de Vigo en cuxo seo xurdiu esta iniciativa da que, dez anos despois, se seguen encargando.

O conxunto de seguidores do atlas proceden de 184 países, encabezando a lista de visitas México, de onde proceden o 24% dos usuarios e usuarias, seguido de Colombia (16%), España (9%) e, xa en menor medida, outros países tamén de fala hispana. Pola súa banda, o ránking de lugares non hispanos dos que proceden máis visitantes son Estados Unidos, Brasil e India. “Agora, a medida que imos avanzando na tradución ao inglés dos distintos apartados, medran tamén as porcentaxes de acceso non só desde países como Estados Unidos, senón tamén de Canadá, Malaisia, Indonesia ou Filipinas”, recalcan desde Neurolam.

Aínda que non se pode especificar un perfil de usuario típico, os responsables do atlas entenden que está sendo unha ferramenta empregada maioritariamente por estudantes, non só universitarios, senón tamén do ensino medio, así como gran número de profesionais e persoas interesadas no ámbito da citoloxía e a histoloxía. “Algúns destes perfís coñecémolos a través de mensaxes de correo electrónico dalgúns usuarios e usuarias, que nos comentan aspectos concretos do atlas”, comentan os responsables.

A versión en inglés do Atlas xa está dispoñible nalgúns dos apartados

O atlas tivo un crecemento continuo e máis ou menos constante ao longo destes anos. Conforme foi medrando engadíronse novos apartados sobre os tecidos (histoloxía) tanto animais como vexetais, tales como as seccións dedicadas ás células, aos órganos animais e vexetais, ou ás técnicas histolóxicas; actualmente tamén conta cunha sección de microscopía virtual e outra de descargas, na que ofrecen os contidos en formato mp3 e pdf, e engadíronse algúns vídeos. “Por outra parte cada vez estamos dando máis importancia aos exercicios de autoavaliación de cada un dos apartados para que os estudantes poidan comprobar os coñecementos adquiridos”, recalcan os docentes.

Outra das novidades foi iniciar a versión en inglés da web. Xa está dispoñible unha primeira versión dos apartados da célula e dos tecidos animais e vexetais e na actualidade traballan na sección dos órganos animais.

Detrás do nacemento do atlas está tamén a firme crenza dos seus impulsores de que o coñecemento e as ferramentas docentes, sexan as que sexan, deben estar dispoñibles para toda persoa que as precise, independentemente da súa nacionalidade ou status social e sen restrición algunha. “O que coñecemos hoxe en día acerca de nós mesmos e de todo o que nos rodea é o resultado dun esforzo colectivo ao longo do tempo. Por iso, todo o contido deste sitio atópase baixo unha licencia Creative commons”, explican os docentes.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.