Traballos na Cova de Eirós (Triacastela). Foto: USC

Traballos na Cova de Eirós (Triacastela). Foto: USC

As excavacións na Cova de Eirós amosan a vida dos neardertais

A campaña da USC en Triacastela investiga pinturas rupestres, ferramentas e presas destes cazadores de hai 120.000 anos

A pasada semana concluíron os traballos de escavación no xacemento de Cova Eirós (Cancelo, Triacastela, Lugo), que arrancaron o pasado 5 de agosto ao abeiro do convenio asinado entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, que achega 30.000 euros para os traballos de escavación, investigación e documentación do xacemento.

Acumulacion de restos oseos e liticos do nivel 3 de Cova de Eirós.

Acumulacion de restos óseos e liticos do nivel 3 de Cova de Eirós.

Esta importante intervención está dirixida polo Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noreste (GEPN) da USC, en colaboración co Institut Català de Paleoecologia Humana i Evolució Social (IPHES) de Tarragona. O descubrimento de máis de dous mil restos arqueolóxicos axuda a botar luz sobre un dos períodos menos coñecidos da Prehistoria galega, o Paleolítico medio.

A Cova de Eirós é coñecida por ser un dos poucos xacementos que contén restos de ocupacións de dúas especies de homínidos diferentes, os neandertais e os Sapiens. Nas campañas que comezaron no ano 2008 escaváronse os niveis máis recentes de 30.000 anos, relacionados co H. sapiens, e onde saíron á luz varias evidencias de arte moble e arte rupestre.

A diferenza do que ocorre na maioría do territorio galego, onde os solos son moi ácidos, o emprazamento do xacemento nunha cavidade calcaria permite a conservación dos restos orgánicos. En Galicia, os xacementos da época dos neandertais son escasos e Cova Eirós é, ademais, o único para este período do Paleolítico onde achamos ferramentas e fauna asociada. Os restos óseos achegan moita información sobre a reconstrución da fauna que habitou no noroeste durante este período, así como das condicións ambientais nas que se desenvolveron as ocupacións.

Hai restos de osos cavernarios que ocuparon a cova durante varias épocas

Na campaña do presente ano os traballos centráronse na investigación dos dous niveis máis antigos, datados entre 84.000 e 120.000 anos. Na escavación arqueolóxica recuperáronse numerosos obxectos, a maioría restos de ferramentas líticas e de fauna correspondentes a varias especies. Polo tipo de restos atopados, as ocupacións neandertais do Nivel 3 poden relacionarse con estancias curtas e breves, enfocadas á caza e procesado das presas da contorna, ademais doutras actividades como a talla de cantos de seixo procurados nos ríos próximos ou o traballo de peles. Estas ocupacións poden relacionarse posiblemente con paradas durante o tránsito destes grupos de cazadores recolectores polos seus amplos territorios.

Comillo dun oso das cavernas atopado en Cova de Eirós.

Cabeiro dun oso das cavernas atopado en Cova de Eirós.

O máis salientable é o achado de numerosas puntas e lascas Levallois fabricadas nunha cuarcita de moi boa calidade que trouxeron con eles ao interior de Cova Eirós. A ausencia de núcleos ou restos relacionados coa talla deste material no xacemento indícanos que estas ferramentas foron fabricadas nos lugares onde se abasteceron desta materia prima, aínda por determinar, e logo levadas ao xacemento para ser usadas.

A fabricación destes elementos, algúns deles en seixo, amosa a complexidade tecnolóxica dos neandertais de Cova Eirós, xa que este método implica unha coidada planificación e predeterminación no proceso de talla dos cantos para a obtención de lascas con bos gumes cortantes e cunhas morfoloxías (algunhas de punta) e tamaños moi estandarizados.

Os restos de fauna recuperados amosan unha importante variedade: cervos, rebecos, cabras, así como rinoceronte e hiena. Os humanos alternaron o uso da cavidade con outros carnívoros, como amosan os numerosos restos de osos das cavernas atopados, que usaban esta cavidade como lugar de hibernación e cría dos seus cachorros.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.