Rolda de prensa de presentación de BioCultura  no Concello da Coruña. Imaxe: coruna.gal.

Rolda de prensa de presentación de BioCultura no Concello da Coruña. Imaxe: coruna.gal.

Outro gurú antivacinas na Coruña

O Concello da Coruña e a Xunta apoian unha feira na que falará Xavier Uriarte, que afirma que “a maior parte das vacinas non serven para nada"

Este martes, o Concello da Coruña acollía a presentación de BioCultura, unha feira que se celebrará en Expocoruña entre o 2 e o 4 de marzo. O evento abrangue un amplo abano de actividades centradas, na súa meirande parte, en fomentar a agricultura ecolóxica e o consumo responsable. Porén, entre as decenas de actividades programadas, hai algunhas que espertaron a alarma entre asociacións e movementos que combaten as pseudocienciaspola presenza de activistas antivacinas.

A “Xornada de reflexión sobre a vacinación sistemática”, prevista para o sábado 3, está organizada pola Liga pola Liberdade da Vacinación (LLV), un movemento encabezado por Xavier Uriarte. Este gurú, denunciado en reiteradas ocasións por movementos escépticos, sostiña nalgunhas entrevistas que “a maior parte das vacinas non serven para nada e crean problemas”, con “efectos adversos graves e frecuentes”. Na súa web, a LLV ten publicado un “Manifesto contra as vacinacións masivas”. Na Coruña, xunto a Xavier Uriarte, estará José Núñez, outra das cabezas visibles desta agrupación.

Este grupo antivacinas foi moi criticado no ano 2015, cando un neno de Olot (Girona) morreu con só seis anos tras ser diagnosticado de difteria. Era o primeiro caso rexistrado en España desde 1987 e non estaba vacinado. A LLV emitiu un controvertido comunicado ao desvelarse que o rapaz non fora inmunizado.

A feira tamén contará cun expositor e co apoio de Alkanatur, unha empresa galega que afirma poder tratar o cancro con auga da billa.

A Xunta ofrece descontos co Carné Xove

Os concelleiros de Medio Ambiente e Emprego da Coruña, María García e Alberto Lema, participaron este mércores na presentación de BioCultura. García sinalou que a feira, “”a máis importante do Estado español neste ámbito, veu para quedarse”. Lema subliñou a relevancia, tanto a nivel económico, turístico e de consumo, que supón para A Coruña acoller o evento, que tamén se celebra en Madrid, Barcelona, Sevilla e Bilbao. A feira espera acoller, segundo a Asociación Vida Sana, promotora do evento, a unhas 13.000 persoas.

A Dirección Xeral de Xuventude anuncia na súa web descontos para BioCultura.

A Dirección Xeral de Xuventude anuncia na súa web descontos para BioCultura.

Non en tanto, o Concello da Coruña non é a única institución que colabora con BioCultura. A Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Xuventude, ofrece na súa web un desconto do 50% no prezo da entrada á feira (4 euros) se se presenta o Carné Xove.

3 respostas a “Outro gurú antivacinas na Coruña”

  1. wilbur

    Se censuramos a posibilidade de contrapor visións diferentes do mundo: como podemos queixarnos dos ataques á liberdade de expresión por parte do poder que estamos a vivir?

    • Xose

      Claro, traiamos pois a un neonazi a falar da superioridade racial aria!!! Porque, que vai ser de nós se non promocionamos e lle concedemos un espazo a calquera colgao con gana de dar a nota e dicir parvadas?

      • wilbur

        Ningún problema en que alguén (quen sexa) diga parvadas nun espazo público no que o disenso sexa posíbel. Alén diso: a quen te refires cando falas de “nós”?

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.