Venres 29 Marzo 2024

Ángel Carracedo: “Os meus avós non me ensinaron medicina, pero si a axudar aos demais”

Se un grupo de mozos e mozas en plena efervescencia xuvenil se presentan nun pregón portando unha pancarta que idolatra a un científico, é que aínda hai esperanza. Ángel Carracedo conseguiu, a base de traballo e xenerosidade, espertar unha admiración moitas veces malgastada en ídolos de vidro, ávidos de veneración para soster a fraxilidade que se agocha tras as súas supostas fazañas. Quen de verdade merece louvanzas non malgasta o seu tempo en estar pendente delas.

Se un concello coma Carballo decide ofrecerlle a un científico a honra de darlle a benvida ás súas festas, o momento máis importante do ano, tamén significa que hai esperanza. Horas despois de falar en Madrid, diante dos mellores científicos de España, Carracedo deu en Carballo o último pregón da súa vida. Non hai que preocuparse, é só unha cuestión de compromiso. “Os pregóns só se poden dar nos sitios aos que un quere, de onde un se sinte”.

Publicidade

“É o último pregón da miña vida, por que só se poden dar nos sitios que un quere”

E así, despois de Santa Comba, a súa vila natal, e Compostela, a súa cidade adoptiva, só lle quedaba Carballo, a terra dos seus avós, e un lugar onde el xa deixou unha fonda pegada. Tanta que, como dixemos, xa ten club xuvenil de fans, que seguiron o pregón en primeira fila, pancarta en man.  Ano tras ano, Carracedo apoia a Feira das Ciencias, unha actividade pioneira de divulgación que naceu no IES Alfredo Brañas desta vila, organizada desde hai xa un decenio por profesores e alumnos; e tamén ofrece vibrantes charlas aos estudantes todos os anos. E apoia xenerosamente, desde a Fundación de Medicina Xenómica, a loita de decenas de pais e nais da localidade para conseguir un futuro mellor para os seus fillos doentes.

Carracedo posa cos seus 'fans' estudantes de Carballo. Imaxe: Concello de Carballo.
Carracedo posa cos seus ‘fans’ estudantes de Carballo. Imaxe: Concello de Carballo.

Dixo Carracedo: “Os meus avós non me ensinaron Medicina, pero si que me ensinaron algo máis importante: axudar aos demais”. Lembrou como na súa casa “nunca faltaba un prato de comida” para quen pasase pola aldea e o necesitase. “Sempre había alguén de fóra sentado con nós a xantar; nunca se lle negou nada a ninguén”.

Tivo tamén palabras para a súa profesión; dixo que a única motivación do seu traballo é conseguir un mundo mellor para todos, “e investigando arreo, conseguirémolo”, sentenciou, antes de desexarlle a todos os presentes unhas felices festas de San Xoán. Abondou con escoitar a ovación pechada que lle brindou unha praza que se encheu para escoitalo para darse conta de que, con persoas como Ángel Carracedo, hai esperanza.

1 comentario

  1. Haberá esperanza na ensinanza, porque o que é a a plantilla de quen traballa pa él quizáis solo teña esperanza de ter un soldo digno do traballo que realizan algún día. “Investigar arreo” está ben, pagar en relación a iso xa non tanto.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Investigadoras galegas constatan que as mulleres autistas camuflan máis os seus síntomas

O enmascaramento provoca retrasos no diagnóstico e problemas de saúde mental derivados da presión social

Ángel Carracedo: “O Proxecto Xenoma Galicia é o máis ambicioso do mundo”

A iniciativa recompilará o ADN de 400.000 galegos para identificar variantes xenéticas de alto risco e para anticiparse ás enfermidades

Ángel Carracedo: “Divulgar na miña terra? Teño claro que en galego”

O xenetista fai un repaso da súa traxectoria como líder dun laboratorio que é referencia internacional en Ciencias Legais en Forenses

Identificadas 51 rexións xenómicas responsables da severidade da covid

O catedrático da USC Ángel Carracedo participa na actualización do mapa xenético do SARS-CoV-2, que engade 28 rexións ás detectadas en 2021