Sábado 20 Abril 2024

Alfredo Madrigal: “Tiven que colgar o vídeo para demostrar que non era Photoshop”

Alfredo Madrigal, ademais de ser profesor de fabricación mecánica en FP, leva máis de media vida coa cámara na man. Comezou cunha Minolta analóxica que lle pediu prestada ao seu tío, e foi aprendendo pouco a pouco. Tras uns anos parón, en 2010 mercou unha cámara dixital con motivo dunha viaxe a Andorra e comezou a achegarse a astronomía, “un mundo enteiro de posibilidades”. E así, acabou retratando o que ninguén conseguira retratar nunca en Galicia: o fuxidío raio azul do sol. Foi en Loiba, hai ano e medio, pero non o deu a coñecer ata hai uns días. Cóntao aquí:

– Como foi aquel día?

Publicidade

– Era o 27 de xuño do 2016. Ese día tiña comida de despedida de curso en Foz, e sobre as sete da tarde volvía cara Viveiro, onde vivía daquela, e xa vin que ía quedar un solpor bonito. Fun ata casa e collín o equipo. Era algo habitual, xa que ía moitas veces ata Loiba a gravar a posta de Sol. E xa conseguira tamén gravar o raio verde e outro vídeo cun barco transitando o Sol e xerando ilusións opticas co fume do barco. Fixen a gravación do solpor, e como facía unha noite estupenda, estiven facendo foto nocturna ata as 3 ou 4 da mañá, cando a humidade era xa moi intensa.

“Comenteillo a Dosi Veiga e díxome: Como diaños non o publicaches aínda?” 

O día seguinte xa vin o raio azul no ordenador, pero tampouco me impactou moito; pensaba en facelo outras veces e conseguilo en mellores condicións de tamaño e intensidade. Días despois tiven bastante ocupación no traballo: reunións, despedidas de compañeiros, a mudanza – xa que en verán volvo para Coruña e deixo o piso do ano escolar, etc.- E ademais despois marchei a Almería, ao observatorio astronómico de Calar Alto; tiña tres noites alí de invitado por ganar un concurso de timelapse, e ao volver cheguei con moitísimo material para procesar. E aí foi quedando a carpeta do famoso raio azul.

– E como non saíu á luz ata agora?

– O fenómeno xa o coñecía. De feito na viaxe a Namibia do 2016 falei do tema con Juan Carlos Casado, un maestro de maestros, e con Óscar Blanco. Falamos de que queriamos collelo coa lua chea poñéndose ou saíndo.

Hai un par de semanas abrín de novo o catálogo de astrofotos do 2016 e vin a carpeta do vídeo do raio azul. Volvín analizalo e vin que había posibilidades de publicalo na miña web e na web de ceosgalegos.com e darlle un punto de novidade. Comenteillo a Dosi Veiga e díxome: “Como diaños non o publicaches aínda?” E foi cando o fixemos público.

– Que sentiches cando se confirmou que era o raio azul?

O certo é que ata que falei con Dosi Veiga non lle dera moita importancia. Ata tiven que colgar o video orixinal sen modificacións para demostrarlle que non era cousa do Photoshop.

– Alén do raio azul, cales foron as experiencias máis fermosas como fotógrafo?

– Os últimos anos foron moi intensos. No 2017 fun a Islandia unha semana a facer fotos e timelapses das famosas auroras boreais, e podo dicir que foi unha autentica pasada. As noites alí foron moi impactantes. E o ano anterior fun fotografar os ceos do Sur a Namibia e tamén foi unha experiencia moi fermosa. Alí os ceos son escuros e transparentes como en ningún lugar do mundo e a foto nocturna é unha gozada. Ademais tivemos a sorte de pasar noites en lugares incribles e afastados de calquera contaminación lumínica das cidades. Tamén este ano pasado estiven nos Estados Unidos. Fun ver a eclipse total de Sol, unha experiencia incrible para un fotógrafo: nos dous minutos e pouco que dura en total, un non para de facer fotos con diferentes parámetros para obter os mellores resultados. Iso si que é unha contrarreloxo!

– Que aspectos da fotografía son os que máis che atraen?

– O que máis me apaixona son as paisaxes en formato panorámico. Case non son capaz de facer unha foto simple, sempre teño que ‘varrer’ a paisaxe para despois unilas no ordenador. E dende logo a fotografía nocturna en paisaxe, e tamén, por suposto, solpores e amenceres. E tamén a fotografía de ceo profundo, de nebulosas e galaxias.

– Como profesor, como intentas transmitirlle a paixón pola ciencia aos teus alumnos?

– En moitos módulos falamos de ciencia, principalmente ciencia de materiais. E sempre trato de rebater as lendas urbanas en moitas cousas do día a día, e proxectar en clase noticias de portais de ciencia. A ciencia está en todo.

Tamén podes ler:

fotonautas/raio-azul-galicia/

ciencia/ceos-galegos-dosi-veiga/

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Así varía a posición do Sol ao longo dun ano

As fotografías de David Couce permiten observar como o astro muda o lugar polo que se oculta en función do mes no que observemos o atardecer

Seis imaxes que cambiaron a historia da ciencia

https://theconversation.com/javascripts/lib/content_tracker_hook.js *Un artigo de O ser humano empregou primeiro o debuxo e...

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Un novo exoplaneta desafía as teorías clásicas de formación planetaria

Un equipo de astronónomos descobre LHS 3154b, cunha masa similar a Neptuno, orbitando preto dunha estrela anana de moi baixa masa