Venres 19 Abril 2024

As viaxes a Marte pasan pola Coruña

Se tivera que responderlle a David Bowie se houbo vida en Marte, Alejandro Cardesín Moinelo non podería asegurar nada ao cento por cento, pero polo menos estaría orgulloso de dicir que están facendo todo o posible por descubrilo. Na gran maioría das cuestións sobre o planeta vermello, este enxeñeiro de telecomunicacións nacido na Coruña en 1980 pode contar moitas cousas, e moi interesantes. Leva xa preto de 10 anos traballando na Axencia Espacial Europea.

Está a pasar varios días na cidade. Hai algo máis dunha semana estivo no Día da Ciencia na Rúa (“foi moi bonito ver aos nenos xogando para aprender, como estaba eu tamén hai máis de 20 anos”, conta) e tamén falará nunha das charlas de Pint of Science. Por que tanto empeño en ir ata Marte? é o título da súa intervención. As razóns que responden á cuestión son moitas:

Publicidade

“En Marte podemos saber moitas cousas sobre nós mesmos e o noso propio planeta”

“É un laboratorio perfecto para estudar o pasado dos planetas. En Marte podemos saber moitas cousas sobre nós mesmos e o noso propio planeta, porque na Terra non temos ningunha posibilidade de atopar mostras directas de como era a superficie do planeta hai 3.000 millóns de anos, por exemplo, e en Marte si”.

A historia de Alejandro Cardesín é a dun soño cumprido. Cando estudaba en Vigo, Alejandro tivo a oportunidade de facer o proxecto de fin de carreira en Holanda, onde entrou en contacto co mundo do espazo. “Para min naquel momento era algo de ciencia ficción“, lembra. Conseguiu o primeiro contrato, e participou durante algo máis dun ano en varias misións no centro tecnolóxico da Axencia Espacial Europea en Holanda. Mudouse despois a Italia, onde fixo o doutoramento entre Roma e Padova, especializándose na observación da atmosfera de Venus. E máis tarde, conseguiu entrar no centro da Axencia Espacial Europea en Madrid, onde traballa dende hai case dez anos operando e coordinando varias misións internacionais.

Alejandro Cardesín estudou Enxeñaría de Telecomunicacións na UVigo.
Alejandro Cardesín estudou Enxeñaría de Telecomunicacións na UVigo.

Neste tempo participou nalgúns dos proxectos máis ambiciosos da ESA, como Mars Express, Exomars, Jupiter Icy Moons Explorer (Juice), Venus Express ou Rosetta. E desde 2017 coordina o grupo español de Ciencias Planetarias e Exploración do Sistema Solar, desde onde apoia e promove a colaboración entre as institucións de investigación e tecnoloxía e as empresas españolas.

Cardesín explica que o seu traballo actual está a medio camiño entre a ciencia e a tecnoloxía. “Coordinamos as dúas vertentes do traballo: por unha banda a máis centrada no estudo das condicións do planeta, a súa superficie, a atmósfera e todo o que se poida observar; e por outra, o deseño e desenvolvemento do propio satélite”. Grazas a isto, explica, obtén “unha visión global” da misión, necesaria para que exista un bo entendemento entre ambas partes.

“Estamos no momento máis interesante”

En 2016 produciuse un dos últimos fitos da ESA: o lanzamento do satélite TGO do programa Exomars, a segunda misión marciana da axencia despóis de Mars Express, hai case 15 anos. Nestes momentos, despois da viaxe e dos axustes precisos, os instrumentos científicos comezan a enviar datos desde o planeta vermello. “Agora estamos no momento máis interesante”, expón Alejandro. “A finais de abril, os aparellos comezaron a facer observacións, cunha instrumentación moi potente, que non se probara ata agora”. Estes datos, sumados aos da anterior misión, Mars Express, xeran grandes expectativas, xa que é a primeira vez que a ESA ten dous satélites arredor do planeta.

Sábese que en Marte “hai moita auga en forma de xeo e vapor, e que no pasado estivo líquida”

“Imos ter información sobre a atmosfera marciana cunha resolución moito maior; datos sobre os gases traza, como o metano, que nos van permitir reaxustar os modelos climáticos do planeta. Hai un montón de oportunidades, e en breve imos comezar a ter respostas”, explica o enxeñeiro galego.

E ata agora, que é o que sabemos e o que non sobre Marte? “Aprendemos moitas cousas, e as claves principais están na atmosfera, que inflúe en todo o que poida acontecer na superficie e no solo”, introduce Alejandro. Sábese, por exemplo, “que hai moita auga agora mesmo no planeta en forma de xeo e vapor e que no pasado estivo en forma líquida, correndo por ríos e lagos na superficie, pero non sabemos aínda o que sucedeu no planeta para que cambiara o clima tan drasticamente, pasando de ser un planeta húmido ao deserto frío que nos atopamos hoxe en día. Entender o clima é clave para entender a historia de Marte e descubrir se nalgún momento do pasado houbo condicións para que a vida puidese xurdir e se desenvolver como pasou na Terra”. Os datos destas misións espaciais permitirán “resolver o crebacabezas o que aconteceu no pasado; isto ten moitas implicacións na orixe da vida tal e como a coñecemos, e na formación dos planetas”.

Misións humanas a Marte?

A carreira espacial do século XX deixou pegada na sociedade. Unha das arelas das superpotencias foi levar ao ser humano á conquista do espazo, algo que hoxe en día, volve estar en boga polos novos desenvolvementos tecnolóxicos. Aínda así, polo de agora, isto está en segundo plano para a investigación científica espacial. “A comunidade científica non precisa de humanos agora mesmo para coñecer mellor Marte, e incluso podería ser contraproducente facelo demasiado pronto”, explica Alejandro Cardesín. “Unha misión tripulada ten moitos problemas que haberá que afrontar nun futuro próximo, non só tecnolóxicos, senón tamén en canto á contaminación da superficie marciana. Agora mesmo, o interese das axencias céntrase en continuar os programas de exploración e de desenvolvemento tecnolóxico para facer unha viaxe de ida e volta a Marte, e só despois poderemos falar de exploración humana, pero aínda faltan un par de décadas, e probablemente será unha decisión máis política ca científica“.

“Unha das cousas máis fermosas é ver a colaboración científica que hai” entre os diferentes países

E outro dos lastres que superou a investigación espacial foi o da competitividade. “Hoxe en día, unha das cousas máis fermosas do traballo é ver a colaboración científica que hai. Sexan de onde sexan os investigadores, de Estados Unidos, Europa, Rusia, China ou Xapón, hai moita máis colaboración que competición, e cada un achega o que pode para o ben común”.

E Galicia, segundo sinala Alejandro Cardesín, tampouco fica atrás nestes avances. “Estamos sumándonos ao tren da primeira división internacional. Ata hai uns anos, España estaba un chanzo por debaixo, pero nos últimos anos estanse facendo cousas moi importantes e temos participación en tódalas misións planetarias que se lanzan”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Como medir as estrelas para revelar os misterios da Vía Láctea

Os investigadores do CITIC Xabier Pérez e Lara Pallas participan na misión Gaia, que pretende crear o maior mapa 3D da nosa galaxia

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro