Venres 19 Abril 2024

Cadros e alfombras co noso ADN, agasallos para Reis

Un cadro cunha ampliación da secuencia de ADN do seu dono.
Un cadro cunha ampliación da secuencia de ADN do seu dono.

O “Apalpador” ou os Reis Magos van ter traballo a reo o vindeiro luns. Para aqueles que buscan ideas para agasallar, aquí vai unha chea de propostas relacionadas coa ciencia. A axencia SINC ven de elaborar un catálogo de obxectos singulares, como alfombras e cadros que reproducen o ADN do seu propietario como se fose un xel de electroforese. Ou dinosaurios que brillan na escuridade por mor de algas microscópicas. E mesmo a comida que consumen os astronautas da Estación Espacial Internacional. Aquí van as suxerencias da axencia SINC…

Porque cadros de ADN, dinosauros recheos de algas bioluminiscentes, materiais ‘máxicos’ e outros obxectos científicos son agasallos moito máis fascinantes que gravatas, perfumes e calcetíns. Hai empresas especializadas en artigos para apaixonados das estrelas, da bioloxía, das matemáticas, da física e da química, ou simplemente para alguén curioso e aberto ao descubrimento.

Publicidade

Se hai algo máis exclusivo que unha obra de arte, é unha obra de arte feita a partir do ADN dun mesmo. Isto é o que ofrecen varias empresas en todo o mundo, entre elas a española DecorADN, cuxo codirector da unidade de xenética, o biólogo Fernando Martínez Arribas, explica como traballan: “O procedemento que utilizamos é a amplificación de pequenos fragmentos de ADN do cliente mediante a técnica PCR, seguida dunha electroforese para separalos nun xel. Coa fotografía dixital dese xel creamos o cadro. Cada cadro é único e persoal, porque así é o noso ADN”.

Para asegurar esta exclusividade, as rexións que se amplifican son as máis polimórficas, é dicir, “aquelas que varían máis entre unhas persoas e outras, para que todos os patróns de bandas resulten diferentes,” matiza Martínez Arribas.

Antes de todo isto, o cliente recibe na súa casa un kit de toma de mostras que inclúe un bastonciño co que fregar a cara interna da meixela. A continuación, deberá reenvialo ao laboratorio, onde comezarán a traballar co material xenético.

DecorADN xurdiu dentro do Centro de Análises Sanitarias de Madrid. “Na unidade de xenética traballamos a diario con este tipo de imaxes para o diagnóstico de enfermidades hereditarias con base xenética. Sempre nos pareceu que estas imaxes tiñan un compoñente estético moi potente e decidimos trasladalas ao mundo artístico”, apunta Martínez Arribas.

A empresa ofrece tamén alfombras cosidas a man coa representación do ADN, aínda que o biólogo afirma que a imaxe se pode plasmar en calquera soporte: “Xa fixemos, por exemplo, un armario de cociña coa imaxe do ADN do cliente, e decoramos un portal completo nunha vivenda de luxo co ADN dos seus propietarios”.

Para os que rastrexan a través de vellos documentos co fin de completar o puzle do seu pasado familiar, algunhas empresas ofrecen a posibilidade de descubrir as súas orixes xenealóxicas mediante a análise xenética.

Bennett Greenspan, o fundador de Family Tree DNA, e un dos pioneiros neste campo, relata a SINC que decidiu crear a empresa cando intentaba comprobar que unhas persoas en Arxentina co apelido do seu bisavó eran familiares, xa que non o conseguiu a través do “rastro de papel”.

Greenspan explica que ofrecen tres tipos de probas: análise do cromosoma Y, para rastrexar a vía paterna, do ADN mitocondrial, para a materna, e análise autosómico. Con estas probas, o cliente pode responder distintas cuestións sobre os seus antecesores. O propio Greenspan afirma que agora sabe que os seus antepasados “vivían en España e probablemente se foron por culpa da Inquisición”.

O director da empresa asegura que reciben miles de peticións cada mes, e afirma que “centos dos seus kits estarán este nadal baixo a árbore de Nadal”.

Dinosaurios e algas luminiscentes

A empresa estadounidense Yonder Biology, que ata agora se dedicaba tamén á creación de cadros a partir de ADN, vende un dinosauro bioluminiscente. O Dino Pet, financiado grazas ao micromecenado, é unha figura transparente con forma de dinosauro que contén Pyrocystisfusiformis, unha especie de microorganismos dinoflagelados capaces de emitir luz.

Debe ser exposta á luz para que así durante a noite as pequenas algas mariñas emitan luz en resposta á axitación mecánica. O dinosauro pode ter unha vida indefinidamente longa, sempre e cando se renove cada certo tempo o medio de crecemento dos dinoflagelados.

Os creadores aseguran que o seu obxectivo era crear “un xoguete interactivo que ensine aos nenos que a maxia se atopa na comprensión do mundo que os rodea”, e esperan que o Dino Pet “inspire” ás mentes novas “para interesarse na bioloxía”.

O financiamento colectivo tamén permitiu o nacemento dos Little Robot Friends, da compañía canadense Aesthetec Studio. Son pequenos robots moi sinxelos que responden á luz, ao tacto e á voz, e que contan con dous pequenos led a xeito de ollos e un simple altofalante para “expresar o seu estado de ánimo”, segundo a web do produto. Os creadores aseguran que “cada robot ten seis trazos de personalidade cuxos valores poden cambiar, alterando a personalidade inicial do robot”.

Maxia versus Ciencia

Moitos dos trucos utilizados polos ilusionistas baséanse nas propiedades sorprendentes de certos materiais. O nitinol, por exemplo, é unha aliaxe de níquel e titanio que ten unha curiosa propiedade coñecida como memoria de forma. Cando este material sofre unha deformación, pode recuperar a súa forma inicial despois dun quentamento suave. Isto, ademais das múltiples aplicacións prácticas que pode ter -en medicina, odontoloxía, válvulas termostáticas-, permite facer experimentos espectaculares.

Space Food, comida para astronautas.
Space Food, comida para astronautas.

Outro material con propiedades fascinantes é o galio, un metal que non existe libre na natureza, senón que se crea artificialmente e que ten un punto de fusión baixo, duns 30º C. Por iso é doado facelo pasar de estado sólido a líquido manténdoo na man. Ademais, trátase dun metal con moi baixa toxicidade, a diferenza do mercurio, razón pola que se usa nos termómetros.

Comida para astronautas

Para contentar aos apaixonados da astronáutica pódese recorrer á tenda do Centro Espacial Kennedy da NASA, ou calquera outra tenda de produtos relacionados coas viaxes espaciais, onde se poden adquirir dende maquetas dos vehículos que saíron ao espazo ata traxes de astronauta ou, mesmo, comida espacial.

“A comida espacial é atractiva pola súa natureza evocadora. Gústanos imaxinarnos a nós mesmos en gravidade cero gozando coa comida dos deuses astronautas”, di a SINC Eric Lefcowitz, fundador de Retrofuture Products, empresa que volveu poñer no mercado unhas barras alimenticias para astronautas moi populares en EUA nos anos 70.

Estas barriñas comercializáronse para o público xeral como produto derivado dun alimento desenvolvido pola compañía Pillbury para a NASA, que chegou a utilizar o astronauta Scott Carpenter a bordo da cápsula Aurora 7, en 1962.

A empresa viu a oportunidade de aproveitar a febre espacial da época e creou este produto de consumo, ao que chamou Space Food Sticks. As barriñas vendéronse con notable éxito ata a súa desaparición nos anos 80.

En 2001, Lefcowitz fundou a Space Food Sticks Preservation Society, e en 2006 resucitou o alimento volvendo poñelo á venda. “Traxe de novo as Space Food Sticks ao mercado e agora véndense, por exemplo, no Centro Espacial Kennedy e o Museo Smithsonian. Co tempo diversificámonos e agora tamén vendemos xeado liofilizado para astronautas”, conclúe o empresario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Es zurdo? Descobren mutacións raras asociadas ao uso da man (e o pé) esquerdos

Un novo estudo explica como certas variantes xenéticas que alteran o xene TUBB4B están relacionadas co desenvolvemento desta condición

As mutacións do ADN mitocondrial poderían anunciar o inicio do párkinson

Un novo estudo sinala que as delecións prodúcense anos antes da aparición dos síntomas motores e cognitivos desta enfermidade

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades