Martes 16 Abril 2024

A Academia de Ciencias premia dúas investigacións sobre nanopartículas

O traballo que proba a seguridade das nanopartículas metálicas de óxido de ferro con potenciais usos en biomedicina levou o Premio de Investigación Ernesto Viétez da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), dotado con 6.000 euros. O galardón, feito público esta mañá, recoñece as pescudas de Blanca Laffon, Gözde Kiliç, Eduardo Pásaro e Vanessa Valdiglesias, todos membros do grupo de investigación en Diagnóstico Condutual e Molecular aplicado á Saúde (Dicomosa) da Universidade da Coruña. Asimesmo, a RAGC concédelle o premio na categoría de investigadores mozos a Miguel Alexandre Ramos, químico da Universidade de Vigo.

Miguel Alexandre Ramos, químico da Universidade de Vigo
Miguel Alexandre Ramos, químico da Universidade de Vigo

O equipo da Universidade da Coruña centrouse na análise das nanopartículas de óxido de ferro, as máis utilizadas no ámbito biomédico pola súa capacidade para a liberación de fármacos e a destrucción dirixida de tecidos tumorais, entre outras características. Estas nanopartículas teñen que ir recubertas con outros materiais como o sílice para poder realizar ben as súas funcións e son biodegradables. Aínda que o ferro é esencial para o organismo humano, niveis elevados deste metal poden causar desequilibrios que inclúen danos no ADN ou procesos inflamatorios. O uso de nanopartículas, especialmente as de tipo metálico, para a liberación controlada de medicamentos, para o diagnóstico certeiro e temperán de doenzas e para o tratamento de enfermidades graves, especialmente o cancro e trastornos neurolóxicos coma o Parkinson, o Alzheimer e a esclerose múltiple, é cada vez máis común.

Publicidade

Máis os estudos sobre a toxicidade das nanopartículas de óxido de ferro sobre as células (citotoxicidade), o ADN (xenotoxicidade) e o sistema nervioso (neurotoxicidade) son moi escasos, polo que os investigadores galegos decidiron iniciar un proxecto científico exhaustivo para mellorar o coñecemento sobre os riscos que pode ter a introdución destes nanomateriais no organismo humano.

Os estudos sobre a toxicidade deste método para o transporte e liberación de fármacos son escasos

Cun nivel de profundidade sen precedentes a nivel científíco, o equipo da UDC realizou numerosas análises con diferentes variables das que concluíron unha baixa toxicidade xeral das nanopartículas sobre o organismo. A nivel celular e neurolóxico, só se atoparon resultados positivos en concentracións moi elevadas e tempos prolongados de exposición. Os danos no ADN, pouco probables, non chegarían a producir roturas de dobre cadea ou perda de cromosomas.

A nanotecnoloxía xurdiu hai pouco máis de tres décadas, pero o seu avance nos últimos anos está a ser exponencial. A investigación dos materiais a escala nanométrica permite hoxe aplicacións no aforro de enerxía para vehículos, na redución da contaminación, en produtos cosméticos e en prendas téxtis intelixentes, entre moitas outras. Dos 1.500 produtos baseados en nanotecnoloxía que actualmente se comercializan en todo o mundo, a maioría teñen utilidades na saúde e o benestar, como é o caso dos biomédicos.

Hai só unha década que se rexistraron os primeiros estudos sobre os posibles efectos adversos da exposición aos nanomateriais sobre a saúde humana. “Do mesmo xeito que o seu tamaño e as súas propiedades os convirten nunha excelente opción para acceder ao organismo a nivel celular para actuar de xeito beneficioso, estas mesmas características poden implicar efectos negativos, xa que é fácil a súa interacción con calquera compoñente celular podendo causar efectos tóxicos”, explica Blanca Laffon, investigadora do equipo premiado.

Os resultados obtidos neste traballo proporcionan unha mellor comprensión da interacción das nanopartículas de óxido de ferro cos sistemas celulares e tamén das súas posibles consecuencias no sistema nervioso. Ademais, segundo a coordinadora do equipo investigador, “os datos xerados poderán ser utilizados na avaliación de risco de exposición a estas nanopartículas e, polo tanto, como base para o establecemento de guías de boas prácticas sobre o manexo destes materiais. Isto permitirá garantir tanto a seguridade dos traballadores implicados na súa manufactura como a dos pacientes e dos consumidores finais dos produtos comercializados”.

O traballo premiado na categoría de investigadores mozos, outorgado ao químico da Universidade de Vigo Miguel Alexandre Ramos, consiste no deseño e obtención de nanopartículas octaédricas de monóxido de cobalto. No seu traballo descríbense procesos complexos como o que permite crear ocos dentro das nanopartículas, o que facilita a súa aplicación no transporte e liberación de fármacos, entre outros usos.

Ramos acaba de comezar a súa carreira investigadora e a obra premiada foi o seu traballo de fin de grao

“Aínda que soe a tópico, non o esperaba”, asegura Ramos, que hai sete meses enviou á RAGC o seu traballo Fin de Grao, ao que hoxe lle foi concedido o premio, dotado con 2000 euros. Graduado en Química pola Universidade de Vigo en 2014, Miguel Alexandre Barros está a cursar na actualidade o Máster in Biological Sciences, ao tempo que desenvolve desde hai dous anos o seu labor investigador no Grupo de Materiais Magnéticos que dirixe Verónica Salgueiriño. “Este premio é para min un recoñecemento moi importante, non só a nivel económico, senón tamén polo feito de que as institucións do país recoñezan o traballo dos investigadores propios está moi ben” , explica este mozo vigués de 23 anos, que lamenta a marcha de científicos e científicas galegas e españois ao estranxeiro para poder desenvolver o seu traballo. El mesmo, tras tres meses de estancia en Dinamarca, non desbotou esta posibilidade, aínda que finalmente optou por continuar a súa actividade na Universidade de Vigo.

“Nestre intre recoñezo que estou especialmente interesado nas aplicacións biomédicas das nanopartículas magnéticas e máis concretamente nas aplicacións que estas puideran ter nas enfermidades neurodexenerativas”, explica o químico vigués, que lonxe de aspirar a atopar unha cura para este tipo de patoloxías, si agarda poder colaborar co seu traballo ao desenvolvemento de métodos de detección que fagan posible frear a enfermidade antes de que se manifeste.

“Hai anos pensaba que investigar era un investimento de tempo moi grande para acadar poucos resultados”, recoñece, pero a participación un verán nun curso sobre nanopartículas fíxolle mudar de idea ata o punto que agora non dubida en animar a outros novos e novas investigadoras a seguir este camiño, xa que “é máis que emocionante ver que o que ti fas ten unha aplicación ou pode axudar a outros grupos de investigación a desenvolver o seu traballo”, asegura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un material libera nanopartículas para destruír células canceríxenas

Unha nova investigación da Universidade Autónoma de Barcelona desenvolveu gránulos que imitan o sistema endócrino humano

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor