A Agrupación Aeroespacial asina un contrato coa ESA para a misión que en 2021 impactará contra un planetoide

A misión combinada da ESA e da NASA busca impactar co asteroide e desvialo.

A UVigo participará nun proxecto para desviar un asteroide da súa órbita

A Agrupación Aeroespacial asina un contrato coa ESA para traballar na misión que en 2021 impactará contra un planetoide

Novo feito histórico para a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo. O equipo coordinado polo profesor Fernando Aguado acaba de asinar un contrato coa Axencia Espacial Europea (ESA) para formar parte de AIM (Asteroid Impact Mission), o primeiro programa sobre defensa espacial da ESA. Trátase dunha misión tecnolóxica ideada para poñer a proba unha técnica de desviación dun asteroide coñecida como impactador cinético e para levar a cabo tarefas de investigación do propio planetoide. En outubro de 2020 lanzarase un pequeno satélite para estudar de preto o asteroide binario Didymos. Con 700 quilos de peso, levará no seu interior dous pequenos satélites de tres unidades de cubesat e varios experimentos para realizar mapas en 3D, incluído un cun sistema que se posará na superficie da lúa do asteroide para tomar mostras e fotografías da superficie, o MASCOT-2.

Enxeñeiros da Agrupación Aeroespacial controlan o paso do Serpens en órbita sobre Galicia.

Enxeñeiros da Agrupación Aeroespacial controlan o paso do Serpens en órbita sobre Galicia.

Trátase da primeira parte dunha misión espacial denominada AIDA que completará a NASA co lanzamento en xullo de 2021 dunha sonda que choque contra esa lúa para tentar modificar a traxectoria da órbita do asteroide e construír modelos de impacto que poidan servir para desviar nun futuro corpos que se dirixan cara a Terra.

O papel da Universidade de Vigo será desenvolver un dos catro conceptos de operación que inclúan tecnoloxía propia do consorcio que deberá levar ante a ESA, que elixirá para a seguinte fase a dous dos proxectos presentados ou integrará diferentes partes dos catro en función da análise das solucións propostas. O proxecto presentado pola Universidade de Vigo denomínase DustCube, un cubesat que se situará a unha distancia de entre 2 e 4 quilómetros do asteroide e que se encargará de analizar os fragmentos de po e rochas que se desprendan tras a colisión (tamaño, forma, densidade…) e a composición mineral dos fragmentos, o que lle dará aos científicos moita información sobre a orixe do asteroide, idade… O envío deste satélite tamén permitirá medir a degradación das comunicacións ópticas entre a nave AIM e a Terra provocadas pola nube de po, así como probar un sistema de comunicación entre satélites, xa que o tamaño dos cubesats obriga a enviar a sinal ao AIM para que este o derive a unha estación terrestre.

A Universidade de Vigo traballará xunto á de Boloña e a empresa suíza Micos

Nesta nova aventura a Agrupación Aeroespacial contará con dous parceiros cunha gran traxectoria: a empresa suíza Micos, especializada en óptica e que se encargará da parte máis científica do proxecto, e a Universidade de Boloña, que se responsabilizará da parte de propulsión do satélite. A Universidade de Vigo sería a encargada de desenvolver a plataforma dun satélite 3U de tamaño similar ao recentemente lanzado Serpens (estrutura, potencia e ordenador de abordo para procesado de datos, protocolos de comunicación), das operacións, de dirixir o proxecto e de coordinar toda a misión.

O consorcio formado por estas tres entidades tivo que competir con outras institucións privadas e centros de investigación europeos para ser escollidos pola ESA para desenvolver a Fase 0 e Fase A desta misión. Tívose en conta o alto nivel científico da proposta enviada xa o pasado mes de marzo e as importantes garantías tecnolóxicas que dá ter ás súas costas tres misións de éxito con satélites feitos segundo os estándares da Axencia Espacial Europea.

Esquema da misión espacial ata o asteroide.

Esquema da misión espacial ata o asteroide.

AIDA, da que forman parte AIM e DART, trátase dunha misión histórica, xa que é a primeira vez que un cubesat orbitará arredor dun asteroide e que o ser humano tentará desviar da súa órbita a un corpo do sistema solar, un ensaio para ter toda a tecnoloxía necesaria xa dispoñible en caso de que nun futuro a Terra estivera en perigo polo posible choque dun asteroide. Tamén será a primeira vez que se lancen estes satélites para desempeñar unha misión de espazo profundo a un asteroide comunicándose entre os pequenos satélites e a nave ‘nai’ e a primeira vez que se fagan comunicacións ópticas en misións interplanetarias. Para a Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo a súa participación neste proxecto “supón o recoñecemento por parte da ESA ao noso traballo”, como salientou o seu responsable, Fernando Aguado. “Que confíen en nós como unha das cinco institucións participantes nesta misión é un acicate para continuar co traballo desenvolvido na Universidade e co que seguiremos a realizar no Centro de Innovación Aeroespacial de Galicia”, subliña.

O asteoride Didymos ten 1,5 quilómetros de diámetro cunha lúa de 170 metros

Así como o lanzamento do primeiro satélite supuxo un antes e un despois na Agrupación Aeroespacial, este novo proxecto supón un paso á fronte de elevadísima importancia para o grupo de oito enxeñeiros da Universidade de Vigo que participarán no proxecto xunto con dous expertos en propulsión da Universidade de Boloña e dous en óptica da empresa suíza Micos. “Supón un paso máis aló a nivel científico para o noso equipo, xa que o tipo de enxeñaría e ciencia que imos desenvolver é algo novo que pode ter moita repercusión científica”, recoñece un dos investigadores, Franco Pérez, para quen “afrontar un proxecto desta envergadura, traballando nun equipo con científicos e enxeñeiros de moita relevancia internacional é moi motivador”.

Didymos é un asteroide composto por un corpo principal duns 1,5 quilómetros de diámetro e unha lúa duns 170 metros de diámetro, Didymoon, que orbita a 1,2 km arredor, e que será a que reciba o impacto para tentar modificar o seu período orbital. A data de lanzamento, outubro de 2020, foi a escollida polos enxeñeiros e científicos da ESA tendo en conta o que tarda en chegar o satélite e os meses que deberá estar orbitando para levar a diante con éxito a misión, xa que cando o satélite chegue ao asteroide este estará no seu punto máis próximo á Terra, 11 millóns de quilómetros, “unha distancia similar a 40 viaxes á Lúa”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.