Alianza greco-galega para optimizar o uso do láser na conservación do patrimonio arquitectónico.

Alianza greco-galega para optimizar o uso do láser na conservación do patrimonio arquitectónico.

A UVigo lidera unha investigación para usar o láser na restauración de monumentos

Os científicos galegos contan coa participación do grupo grego Photonics For Cultural Heritage, referencia mundial na aplicación de láser

Algas, cianobacterias, fungos, liques e costras negras sulfatadas derivadas da deposición dos contaminantes procedentes da queima de combustibles fósiles, son algúns dos “inimigos” do patrimonio arquitectónico e arqueolóxico construído en granito e rochas afíns. Entre os métodos empregados para a restauración destas obras, a limpeza con láser preséntase como unha alternativa viable, naqueles casos que un estudo previo específico de carácter científico, levado a cabo entre o equipo restaurador e o investigador, así o recomende.

Se ben o acceso a esta técnica queda polo de agora restrinxida a grandes intervencións, que contan cun forte financiamento, a limpeza mediante láser de pátinas e costras desenvolvidas sobre granito e rochas afíns enfronta retos que precisan da investigación para darlle resposta. É neste ámbito no que se insire o traballo liderado pola docente e investigadora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo Teresa Rivas, que xunto ao tamén investigador do mesmo departamento Iago Pozo, e persoal do Laboratorio de Aplicacións Industriais de Láser da Universidade de A Coruña e do grupo Photonics for Cultural Heritage do Institute of Electronic Structure and Laser da Foundation for Research and Technology de Grecia, afondan na optimización da limpeza con láser de pátinas desenvolvidas sobre granitos e rochas afíns, aplicada á conservación do patrimonio.

A limpeza mediante láser de pátinas en granito é un dos eidos de investigación

“Coruñeses e gregos achegan o seu gran coñecemento sobre a interacción láser-materia, especialmente os materiais usados no patrimonio como rochas, policromías, cerámica; experiencia na optimización dos equipos láser para a limpeza e tamén o equipamento que posúen”, explica Teresa Rivas, que destaca que o grupo Photonics for Cultural Heritage, referente mundial no campo da aplicación do láser na conservación do patrimonio, decidiuse a participar neste proxecto ao centrarse na limpeza de granito, rocha moi pouco estudada por eles. Pola súa banda, o grupo de investigación da Universidade de Vigo achega a este traballo conxunto o coñecemento sobre as propiedades das rochas graníticas e o seu comportamento fronte a tratamentos de conservación e sobre procedementos de avaliación de eficacia de tratamentos.

Este proxecto de investigación, aprobado na convocatoria de Retos para la Sociedad del Ministerio de Economía y Competitividad e dotado con 108.900 euros, é a continuación doutro, liderado tamén por Teresa Rivas, no que se abordou con éxito a avaliación da eficacia dos métodos de limpeza convencionais de tipo químico e mecánico de pátinas bioxénicas, costras negras sulfatadas e grafitis que afectan ao granito, enfrontando por primeira vez para este tipo de rochas o estudo da eficacia da limpeza destas mesmas pátinas con láser. “No proxecto anterior, constatamos unha gran dificultade en eliminar a costra de xeso, o que quizais suxire a existencia dunha interacción entre a costra e o granito que complica o proceso de limpeza”, sinala Teresa Rivas, que ademais da confirmación desta interacción, sinala como outros obxectivos desta investigación a limpeza de liques crustosos, de difícil eliminación por métodos convencionais, e a optimización da limpeza de superficies rugosas co propósito de achegarse ás condicións reais de limpeza in situ.

 “Só as grandes intervencións con gran financiamento poden acceder a esta técnica”

En relación coa utilización do láser na limpeza do patrimonio, Teresa Rivas asegura que non é o método máis empregado na actualidade, porque só as grandes intervencións, que contan cun financiamento elevado, poden acceder a este tipo de técnica, aínda que explica que “as oportunidades de probar a eficacia do láser in situ, grazas á colaboración entre investigadores de universidades e centros de investigación e restauradores, cada vez é maior”. Sobre se o láser é a técnica máis recomendable para conservación do patrimonio galego, a investigadora do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente da Universidade de Vigo, asegura que a utilización deste ou doutro método só pode derivarse dun estudo previo específico, de carácter científico, “levado a cabo en estreita colaboración entre o equipo restaurador e o investigador”, porque en patrimonio a eficacia dun tratamento, sexa cal sexa, é diferente en función do material: rocha, policromía, madeira, metal; do que se queira eliminar: costra sulfatada, verdello, lique ou grafiti e das condicións que rodean ao ben.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.