Enxeñeiros da Agrupación Aeroespacial controlan o paso do Serpens en órbita sobre Galicia.

Enxeñeiros da Agrupación Aeroespacial controlan o paso do Serpens en órbita sobre Galicia.

A Universidade de Vigo xa recibe o sinal do satélite Serpens

A Agrupación Aeroespacial comeza a recibir datos nos 3 ou 4 pases diarios que fai en órbita o satélite sobre Galicia

Os investigadores da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo xa reciben o sinal do satélite Serpens. O venres, menos de 24 horas despois de que a Estación Espacial Internacional puxera en órbita o satélite, comezaron a chegar as primeiras comunicacións. Ás 06.41 horas chegou o primeiro pase do Serpens, o terceiro picosatélite lanzado ao espazo pola UVigo, e con el a confirmación “de que a recepción era correcta”, explico o profesor Fernando Aguado, responsable da agrupación, “moi moi contento con esta nova”.

Órbita do Serpens e zona de recepción do sinal en Galicia.

Órbita do Serpens e zona de recepción do sinal en Galicia.

O Serpens é un proxecto conxunto da Universidade de Vigo, xunto coa Axencia Espacial Brasileira, e as universidades de Brasilia, Minas Gerais, Federal de Santa Catarina e Federal do ABC, no Brasil, así como o Instituto Federal Fluminese, a Morehead State University e a California State Politechnic dos Estados Unidos, xunto coa universidade italiana da Sapienza.

Se ben o número de horas e pases sobre o campus serán moi variables. “O noso cálculo é que haxa unha media de entre tres e catro pases diarios”, apuntou o responsable da agrupación, que explicou tamén que durante esta primeira fase, que durará un par de semanas, o que se fai é analizar o estado do satélite, “revisando todos os datos, analizando o funcionamento das diferentes configuracións, así como axustando a planificación para as seguintes semanas”.

Con pouco máis de 20 anos Antón Vázquez entrou a formar parte da Agrupación Aeroespacial apenas un mes antes do lanzamento do Humsat-D, en novembro de 2013, e se daquela tivo xa a oportunidade de vivir en directo os nervios dunha experiencia coma esta, admite que nesta ocasión, co Serpens, a emoción foi aínda maior, pois neste caso participou en todo o proceso de construción e posta en marcha do satélite, incluída unha estadía en Brasil na que tivo, xunto a dous dos seus compañeiros, Diego Nodar e Alberto González, a oportunidade de participar na integración e test de todo o proxecto, incluídos os test ambientais e as auditorías de seguridade da Axencia Espacial Xaponesa XASA.

Tras as primeiras probas, o satélite monitorizará o clima da selva amazónica

“Teño que recoñecer que o primeiro pase do Humsat-D foi máis emocionante ca o de Serpens no sentido de que as incógnitas eran maiores”, subliñou o enxeñeiro, que explicou que no caso do primeiro satélite da constelación Humsat o lanzamento se fixo “desde terra, inserido noutro satélite e ambos dentro dun foguete, unha cadea moi delicada que provoca que se algún dos pasos falla se malogre todo o demais”.

Con outra visión, a de quen lle tocou colaborar na supervisión desde Vigo, o seu compañeiro de agrupación Bibiano Fernández-Arruti, comparte con Vázquez a sensación de que o Serpens é “un proxecto moi noso”. Participou en todas as probas realizadas en Vigo, tanto de montaxe como de comprobación do satélite enteiro, e “aínda que admito que me deu pena non poder ir a Brasil, estivemos en todo momento en contacto con eles, ao tempo que fomos avanzando no resto de proxectos da agrupación”.

Tras estes primeiros días, iníciase unha nova fase de verificación e probas na que o Serpens comezaría a recoller información de sensores de baixo custo instalados en diferentes zonas do planeta, que transmitiría tanto a Brasil como a Vigo e cos que se poderían comprobar as melloras realizadas ao sistema de comunicacións deseñado para o Humsat-D.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.