Fragata F-102 Almirante Juan de Borbón, da Armada Española.

Fragata F-102 Almirante Juan de Borbón, da Armada Española.

A UVigo entrega á Armada Española un radar para buques e submarinos

A Escola de Telecomunicacións desenvolveu este dispositivo que analiza a vulnerabilidade de navíos de guerra

Tras varios anos de colaboración, intensificada no último ano e medio, a Universidade de Vigo entregou este mes á Armada Española un radar capaz de detectar a vulnerabilidade de barcos, submarinos e avións ante ameazas externas e que facilita a adopción de medidas que os fagan menos detectables. Bautizado co nome de DIAR, Demostrador Instrumental en Alta Resolución, o novo sistema, deseñado polo grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, permite obter medidas da capacidade dos buques para ser detectados polo radar. Este novo traballo da UVigo confirma a liña de investigación con fins militares que desenvolve a institución académica.

Foto de familia dos representantes da Armada Española e da Universidade de Vigo, na entrega do radar.

Foto de familia dos representantes da Armada Española e da UVigo, na entrega do radar.

“Este proxecto é unha continuación de diferentes traballos que xa temos levado a cabo dende que comezamos a traballar xuntos, aló polo ano 2000”, subliña José Luis Rodríguez, investigador principal do proxecto, xunto aos docentes Fernando Obelleiro e Inés García Tuñón. “Respecto ao que tiñamos antes, a principal novidade é que a composición deste equipo é modular, o que significa que podemos substituír distintos elementos e segue funcionando igual ou mellor”, explica Rodríguez, que fai fincapé en que isto permite ampliar capacidades e, ademais, o feito de que os módulos dos que se compón o equipo estean dispoñibles no mercado, “non hai nada construído a medida”, abarata de xeito considerable o mantemento. “Son equipos de mercado, pero con altas garantías de metroloxía, o que significa que a precisión de comportamento de cada un dos compoñentes que conforman o sistema está garantida, unha cuestión que eleva aínda máis a fiabilidade do sistema”, recalca o investigador.

O radar permite analizar se un buque é doadamente detectable por un radar inimigo

O obxectivo do programa era obter a capacidade de realizar medidas coa precisión suficiente para permitir a identificación individual dos elementos do buque máis facilmente detectables e facelo a unha velocidade que evite ter ao barco na zona de medidas moito tempo.

O DIAR permite a toma de datos en numerosas frecuencias simultaneamente e reduce o tempo de medida a pouco máis dunha hora. A calidade dos datos obtidos permite a identificación en tempo récord dos elementos do buque que máis eco radar presentan. Estes datos permitirán ás unidades actuais facerse máis discretas e obter conclusións para deseños futuros. “Este tipo de equipos non se empregan en misións de guerra, senón para avaliar a capacidade de detectar con un radar determinado calquera unidade da armada, para emular tamén os sinais radar doutros equipos e ver si son capaces de escoitalas a gran distancia, así como para comprobar a seguridade das contramedidas que terían que despregar no caso de sentírense ameazados”, recalca José Luis Rodríguez.

Fragata española Álvaro de Bazán.

Fragata española Álvaro de Bazán.

O sistema permite ademais un desprazamento e despregamento moi sinxelo ao ir instalado sobre un vehículo o que lle confire unha gran versatilidade para o seu uso na proximidade das bases das unidades, podéndose deste xeito obter facilmente datos de todas as unidades de interese.

O esforzo realizado permite, segundo indicaron desde a Armada, dar un salto xeracional sobre os sistemas que viñan utilizando para este tipo de medidas. Herda deles o coñecemento e experiencia adquiridos polo equipo Universidade-CEMEDEM desde o comezo da toma deste tipo de datos a comezos da década pasada, corrixe os puntos débiles e amplía de xeito rotundo as capacidades.

A colaboración do grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación coa Armada Española ampliarase nos vindeiros meses coa posta en marcha da segunda parte deste proxecto cun prazo de execución de tres anos. “Ademais no horizonte temos outros temas en mente, se ben polo momento aínda non hai nada en firme”, puntualizou Rodríguez.

Nova relacionada:
Universidade de vigo e Escola Naval de Marín colaborarán en investigación en Defensa

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.