Xoves 25 Abril 2024

A Toxa acolle un congreso de electroquímica sen precedentes en España

Pasou por Francia, Estados Unidos, Bélxica, Italia, Brasil, Xapón… pero nunca antes se celebrara en España. Falamos do X Simposio Internacional sobre Espectroscopía de Impedancia Electroquímica (EIS), unha cita na que se reunirán arredor de 120 expertos chegados de diferentes puntos do planeta para falar dunha disciplina que, pese á complexidade do seu nome, afecta a múltiples campos da vida diaria, desde a medicina (todo o relacionado co desenvolvemento de biosensores para a detección e tratamento non invasivo de enfermidades) ao sector industrial (corrosión, baterías, enerxía solar, caracterización de materiais…)

Xosé Ramón Nóvoa: “Foi un recoñecemento enorme de toda a profesión”

Á fronte da organización do congreso, que se celebrará na illa da Toxa do 19 ao 24 de xuño, está o catedrático da Escola de Enxeñería Industrial, Xosé Ramón Nóvoa, investigador principal do grupo Encomat (Enxeñaría de Corrosión e Materiais), quen leva asistindo a esta reunión –que se celebra de xeito trianual – preto de trinta anos.“Levamos participando na organización do congreso practicamente desde os seus inicios e nunca se celebrara aquí, polo que algún ano nos tiña que tocar”, explica Nóvoa, quen admite que a invitación a organizar o congreso supuxo “un recoñecemento enorme de toda a profesión” e tamén un xeito de pór en valor todo o traballo que se está a levar a cabo desde a Universidade de Vigo neste campo.

Publicidade

“Trátase de xuntarnos todos os que empregamos estas técnicas para pornos ao día sobre os desenvolvementos nas distintas áreas nas que se aplica a impedancia electroquímica”, apunta Nóvoa, quen explica que este tipo de técnicas estudan a resposta dun material cando se fai circular por el unha corrente eléctrica de frecuencia variable. “Con iso podemos coñecer dende o grao de humidade dunha barra de pan ata a carga que hai nunha batería, a velocidade de corrosión dun material ou o transporte de medicamentos nas células”, engadiu.

Xosé Ramón Nóvoa, investigador principal do Encomat.
Xosé Ramón Nóvoa, de Encomat.

Durante o congreso presentaranse traballos en distintos campos, tantos como liñas temáticas ten o congreso: corrosión, sensores, superficies funcionais, baterías, pilas de combustible e unha sesión xeral sobre teoría da impedancia e de novas técnicas experimentais. Trataranse, segundo explican desde Encomat, cuestións moi prácticas, desde as últimas novidades en sensores empregados no ámbito sanitario “por exemplo para a detección de glicosa ou osíxeno en sangue”, ata todo o relacionado co coche eléctrico e novos métodos para previr a corrosión de materiais.

Na cita estará Digby MacDonald, candidato ao Nobel de Química en 2011

Entre os participantes estarán os investigadores máis punteiros neste eido da ciencia a nivel internacional. Entre eles, desde a organización destacan os autores que se farán cargo das sesións plenarias: Digby Macdonald, da Universidade de California, candidato ao Premio Nobel de Química en 2011 e autor de preto de mil artigos sobre investigación electroquímica; Juan Bisquert, da Jaume I de Castellón, “unha primeira autoridade mundial na conversión electroquímica da enerxía solar, as coñecidas como fotocélulas”; o británico Christopher Brett, da Universidade de Coimbra, e todo unha autoridade no campo dos sensores electroquímicos; o italiano Marco Musiani, secretario executivo da Sociedade Internacional de Electroquímica, e Vicent Vivier, da Universidade Pierre e Marie Curie de Paris, especialista en microelectroquímica.

Ademais de ser a primeira vez que se celebra o simposio en España, esta será tamén a primeira vez que se reúnan nel máis de media ducia de representantes españois, algo que desde a organización xustifican polo feito non só do elevado grao de especialización, “senón tamén e sobre todo” pola reducida presenza dos estudos de electroquímica a nivel nacional. “É algo que non está no currículo dos estudos en xeral, é como unha subparte da Química Física e apenas está presente nos plans de estudo, nin en química, nin en física nin en enxeñaría”, recalca Nóvoa, ao tempo que puntualiza que “hai temas de importancia vital para a industria como é a corrosión e non se toca en ningún currículo (en Vigo desapareceu co plan de vello de Enxeñaría de Minas), unha razón histórica que pasa en España e que non acontece a nivel internacional, onde a electroquímica ten moito máis presenza e relevancia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos