Venres 29 Marzo 2024

Descubrindo as ‘cidades cemiterio’ da Galicia sueva

Nunha contorna de numerosos xacementos arqueolóxicos, ao pé ermida de San Salvador das Rozas, no concello ourensá de Monterrei, sitúase a necrópole de Medeiros, da que son visibles varios sartegos monolíticos antropomorfos e as correspondentes lousas ou tampas de cubrición, algunhas delas decoradas e con epígrafes. O enclave, explica o arqueólogo da Universidade de Vigo Fermín Pérez, intúese como “un dos mellores xacementos galegos para afondar no coñecemento arqueohistórico dunha etapa especialmente escura da historia de Galicia, a época suevo-visigótica, de transición entre a Antigüidade e o Medievo”. A pesar deste potencial, desde que foi descuberta accidentalmente en 1984 non se ten realizado ningún proxecto arqueolóxico nela. Co obxectivo de avanzar na restauración e coñecemento deste espazo e quizais atopar resposta “á pregunta do millón” da datación desta e das demais “cidades cemiterio” similares que hai en Galicia, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio GEAAT, realizará un proxecto de intervención arqueolóxica na necrópole de Medeiros.

medeiros 2

O proxecto foi presentado este martes no campus de Ourense trala sinatura entre o Concello de Monterrei e a Universidade de Vigo dun convenio marco de colaboración e un convenio específico para a realización da intervención arqueolóxica. Esta colaboración, salientou trala sinatura dos convenios Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, forma parte do compromiso da institución académica por “achegar as nosas capacidades aos concellos da provincia, territorio ao que nos debemos e no que queremos estar presentes activamente”. O acordo acadado, subliñou José Luís Suárez, alcalde de Monterrei, permite iniciar “o camiño que queremos emprender de recuperación de toda a nosa historia e da nosa riqueza patrimonial”.

Publicidade

A dirección do proxecto corre a cargo de Fermín Pérez, profesor de Arqueoloxía da Facultade de Historia e investigador principal do grupo GEAAT, e a dirección da intervención será de Patricia Valle, investigadora da Universidade de Vigo que está a realizar a súa tese de doutoramento sobre as necrópoles galegas. As actuacións e traballos previstos dentro do proxecto consisten na documentación fotogramétrica dos sartegos e laudas, na escavación de sondaxes valorativas no adro da igrexa e na realización de actividades de difusión e dinamización cultural. Con elas búscase incrementar o coñecemento arqueohistórico desta etapa e desta necrópole, da que só existe un artigo feito por Antonio Rodríguez Colmenero; conseguir datar e caracterizar as necrópoles deste período mediante a escavación arqueolóxica, a análise estratigráfica e o estudo de materiais, e a difusión dos resultados da intervención.

Os arqueólogos califican a datación da necrópole como ‘a pregunta do millón’

En primeiro lugar, levarase a cabo o estudo, rexistro e documentación das pezas arqueolóxicas actualmente existentes no xacemento: cinco sartegos monolíticos, nove laudas decoradas (completas ou fragmentadas), catro fragmentos de tampas lisas e outros catro fragmentos de fustes graníticos. Os labores de conservación-restauración consistirán na limpeza das pezas, a consolidación de superficies onde sexa necesario e no pegado de pezas fragmentadas mediante pernos metálicos e resinas sintéticas. Tamén se procederá ao seu rexistro minucioso e exhaustivo mediante fotogrametría 3D para obter imaxes tridimensionais ultraprecisas. Posteriormente tamén se procederá ao estudio convencional das pezas (tipoloxía, motivos decorativos, epígrafes e material de soporte) na procura de coñecer a súa cronoloxía, significado simbólico, talleres de produción, etc.). Unha vez rematada a intervención, as pezas serán trasladados á caseta tellada construída na banda norte da igrexa para a custodia e exhibición dos mesmos. Deste xeito, quérese asegurar a súa protección fronte ás inclemencias meteorolóxicas e, sobre todo, aos roubos acontecidos. A instalación das pezas na caseta irá acompañada dun equipamento expositivo.

fermín pérez patricia valle
Patricia Valle e Fermín Pérez.

A escavación arqueolóxica consistirá en varias sondaxes valorativas no adro da igrexa. Segundo explicaron os responsables do proxecto, están previstas cinco sondaxes nunha superficie total de 33 metros cadrados escavados. A ubicación das mesmas a carón da igrexa ten como obxectivo valorar a relación das tumbas coas cimentacións visibles, pertencentes presumiblemente ao orixinario oratorio ou capela paleocristiana. En caso de atopar algunha tumba especialmente significativa, moi ben conservada e intacta, efectuaríase a ampliación da escavación da zona afectada, procedéndose á exhumación e rexistro minucioso do seu interior. En principio, sinalan os arqueólogos, non se prevé a extracción de ningunha estrutura inmoble (sartego ou tampa), que se rexistrarán e conservarán preferentemente in situ. Posteriormente, no laboratorio procederase ao estudo e interpretación de todos os datos obtidos. As sondaxes arqueolóxicas, unha vez rematadas, serán delimitadas e cubertas con xeotéxtil, procedéndose despois ao seu reenterramento coas terras procedentes da propia escavación, ata recuperar o nivel orixinario do terreo.

A campaña incluirá un estudo de campo por fotogrametría 3D

Complementariamente á realización do proxecto levaranse a cabo actividades de difusión e dinamización cultural. Coa política de “aberto por obras”, durante a intervención de campo haberá atención diaria e visita guiada gratuíta ao público visitante. Está prevista asemade unha visita guiada específica para os veciños de Medeiros durante o penúltimo día da intervención. Tamén haberá tres obradoiros didácticos para escolares da comarca. Por último, organizarase unha xornada monográfica divulgativa sobre o patrimonio arqueolóxico do Támega, destinada á presentación pública dos resultados das intervencións e proxectos arqueolóxicos acometidos.

A intervención de campo (documentación fotogramétrica e sondaxes arqueolóxicas) terá unha duración estimada de dúas semanas, do venres 10 de xuño ao xoves 23 de xuño de 2016. As actividades de difusión e dinamización cultural, o estudo de estruturas e materiais e a elaboración de informes e memorias da intervención durarán ata maio de 2017, data de remate do proxecto. O persoal da Universidade de Vigo que participa no proxecto está constituído, ademais por Fermín Pérez e Patricia Valle, por tres bolseiros de investigación/colaboración contratados con cargo ao proxecto, dous arqueólogos e unha conservadora-restauradora.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución