Xoves 25 Abril 2024

O CSIC presenta o maior tratado mundial sobre leguminosas

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) presentou “Grain Legumes” (Leguminosas de Gran), obra publicada pola prestixiosa editorial Springer, de Nova York, e editada polo profesor de investigación do CSIC en Galicia Antonio De Ron Pedreira. De Ron destacou que a obra “constitúe o primeiro manual publicado a nivel internacional acerca da mellora xenética das leguminosas de gran, principal fonte de proteína vexetal en todo o mundo, e cuxo cultivo contribúe á mellora sustentable do medio ambiente debido á súa capacidade de fixación biolóxica de nitróxeno e os seus efectos sobre o chan”.

Antonio de Ron, editor da obra.
Antonio de Ron, editor da obra.

O coordinador do CSIC en Galicia, Eduardo Pardo de Guevara, incidiu “no labor, no campo da investigación sobre leguminosas, que vén desenvolvendo desde fai tres décadas a Misión Biolóxica de Galicia (MBG), o centro máis antigo do CSIC en Galicia, a través do grupo Bioloxía de Agrosistemas”.
“Grain Legumes” reúne, en 438 páxinas, o principal estado da cuestión acerca dos oito principais cultivos de leguminosas de gran, prestando especial atención aos aspectos fundamentais para a mellora xenética da especie. Os autores pertencen a organismos públicos de investigación, universidades públicas e entidades de 27 países de Europa, América, Australia e Asia. Por parte do CSIC colaborou, ademais de Antonio De Ron, persoal do grupo de Bioloxía de Agrosistemas da MBG.

Os oito cultivos de legumes de grao son a gran fonte mundial de proteína vexetal

Nun primeiro bloque a obra dedícase á orixe, evolución, biodiversidade, mellora xenética e principais características dos oito principais cultivos de leguminosas de gran: xudía, chícharo, garavanzo, lentella, faba, altramuces, caupí e pedrelo.
“A xudía chega a España desde América  e é a base da alimentación proteica en Asia e América; o chícharo emprégase moito como compoñente proteico en pensos para animais;  a produción de garavanzo en España baixou notablemente nos últimos anos; a lentella ten unha gran tradición culinaria en España; o consumo de caupí e faba está a ser substituído en España polo de xudía; os altramuces teñen un contido proteico moi elevado e o pedrelo, cuxo consumo é pouco frecuente en España, emprégase fundamentalmente para facer as gachas”, apunta  De Ron.

Publicidade

Antonio De Ron fundou en 1988 na MBG o grupo de Xenética e Mellora de Leguminosas

“Por tanto, algúns destes cultivos son moi populares e utilizados no noso país tanto para consumo humano como animal, e outros están infrautilizados. En xeral, todos teñen en común que son, debido ao alto contido de proteína das súas sementes, candidatos atractivos para a redución do déficit na produción da proteína vexetal en todo o mundo e que os factores que afectan o seu rendemento son o déficit hídrico e estreses abióticos, como frío ou salinidade, e bióticos, como enfermidades bacterianas e fúnxicas, e diversas pragas de insectos. Por elo, a comunidade científica debe avanzar, a través da mellora xenética, cara a unha produción e unha calidade máis estable e sustentable destas variedades”, destaca De Ron.
En 1988 Antonio De Ron  fundou na MBG o grupo de investigación Xenética e Mellora de Leguminosas, hoxe denominado ‘Bioloxía de Agrosistemas‘.O grupo desenvolve a liña de investigación de xenética e mellora de leguminosas. Na actualidade, o grupo traballa en tres proxectos e dous contratos con empresas, acerca de cuestións como a xenética e a mellora da xudía, produción de gran de xudías tipo ‘Pop’ para procesado industrial, e guisante bágoa. Por outra banda, promove reunións científicas sobree cultivos proteicos, e desenvolve un intenso labor no campo da cultura e a divulgación científica a través da organización de eventos e publicacións dirixidas ao público xeral.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte