Peregrina Quintela. Foto: Anxo Iglesias.

Peregrina Quintela. Foto: Anxo Iglesias.

A matemática Peregrina Quintela gaña o premio Wonenburger

Catedrática da Universidade de Santiago, está especializada en matemática industrial

O xurado do Premio María Josefa Wonenburger Planells 2016 decidiu este venres concederllo á catedrática de Matemática Aplicada da USC Peregrina Quintela Estévez. O premio, que cumpre o seu décimo aniversario, convócao a Xunta de Galicia para destacar as traxectorias relevantes de mulleres nos eidos das ciencias e da tecnoloxía.

Peregrina Quintela está especializada en modelado matemático, análise matemática e simulación numérica en modelos de física, enxeñaría e ciencias aplicadas. Durante a súa carreira combinou a dedicación á ensinanza, investigación e a transferencia de coñecementos e a xestión. Na actualidade é ademais presidenta da Rede Española Matemática-Industria (math-in) e directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI).

O premio leva o nome da investigadora e matemática galega María Josefa Wonenburger, unha auténtica pioneira e referente feminino internacional no ámbito das ciencias. Dende a súa creación, foron merecedoras deste recoñecemento mulleres que souberon adiantarse ao seu tempo e que abriron e abrirán camiños a moitas outras. Dos dez premios conseguidos ata hoxe, cinco foron para profesoras da USC.

Os premios que recoñecen á muller en ciencia chegan á súa décima edición

A primeira premiada foi Inmaculada Paz Andrade, catedrática emérita de Física Aplicada da Universidade de Santiago; un ano despois recibiuno María Teresa Miras Portugal, catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular na Complutense de Madrid; e no ano 2009 Marisol Soengas González, directora do Grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas.

En 2010 a premiada foi Carmen Navarro Fernández-Balbuena, xefa do servizo de Anatomía Patolóxica no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo; en 2011 foi Ofelia Rey Castelao, catedrática de Historia Moderna da USC; e en 2012 María Tarsy Carballas Fernández, edafóloga, profesora da USC e investigadora do Consello Superior de Investigacións Científicas.

En 2013 a galardoada foi María José Alonso Fernández, catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC, e en 2014 o premio foi para a catedrática de Enxeñaría de Telecomunicación, Carmen García Mateo. Finalmente, o ano pasado a premiada foi a arquitecta Isabel Aguirre de Úrcola.

Aquí podes ler a recente entrevista que GCiencia fixemos a Peregrina Quintela:

‘En Santiago fomos pioneiros en matemática industrial’

Compostela acollerá entre o 13 e o 17 de xuño un acontecemento científico de transcendencia internacional coa celebración da 19 edición da Conferencia Europea de Matemáticas para a Industria (ECMI). O evento reunirá a preto de 350 poñentes, de 40 países e dos cinco continentes, para presentar e debater sobre os novos avances en investigación matemática e a súa aplicación aos procesos industriais.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.