Xoves 28 Marzo 2024

'A colaboración non suma: multiplica'

Reter o talento, máis colaboración entre centros investigadores e máis especialización son as principais conclusións do ciclo “Fórmulas de éxito da xestión da investigación en España. Ideas compartidas para a posta a punto da contorna galega”, organizado pola Secretaría Xeral de Universidades e celebrado ao longo deste mes de xuño no edificio CIMUS do Campus Vida da Universidade de Santiago de Compostela (USC). “A colaboración non suma, multiplica”, resumiu o conselleiro Román Rodríguez no acto de clausura.

As xornadas reuniron aos expertos en xestión de investigación.
As xornadas reuniron aos expertos en xestión de investigación.

A secretaria de Estado de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, Carmen Vela, asegurou que o Sistema Español de I+D está por riba da media europea en eficiencia e que os principais desafíos que se lle presentan son a crecente competencia internacional, a atracción e retención de talento, o impulso da especialización científica e técnica e o incremento da colaboración entre os axentes (grupos de investigación, centros tecnolóxicos, empresas, etc.).
Vela contextualizou o deseño dos programas de axudas do seu departamento no camiño cara a un ecosistema de excelencia. Neste sentido, especificou que o Programa de Apoio a Centros de Excelencia “Severo Ochoa” se creou en 2011 “non con base en illas de coñecemento, senón co espírito de promover nodos baseados no intercambio e a colaboración”. Como novidade asociada a este programa, destacou a creación en 2014 dun novo instrumento dirixido a estruturas máis pequenas que os centros, o “María de Maetzu”, orientado a financiar unidades de excelencia.
“En ambos os dous programas o único criterio de avaliación de propostas é a calidade científica”, explicou a secretaria de Estado de I+D+I, con base na capacidade de xestión e liderado científico, nas políticas de atracción e xeración de talento excelente e na participación en redes de colaboración. En total, entre os dous programas concedéronse ata o de agora axudas por un total de 92 millóns de euros a vinte centros e seis unidades de investigación.

‘Hai que xirar o sistema para atraer a Galicia investigadores de primeiro nivel’

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, avogou por adaptar o modelo galego de xestión da investigación pública ao contexto actual coa axuda de todos os axentes involucrados. “A xestión do talento é a base para lograr un sistema excelente, polo que o eixe sobre o que debe xirar o sistema é a atracción de investigadores de primeiro nivel con capacidade aglutinadora”, afirmou. Nesta liña, o conselleiro salientou o “esforzo” de Galicia neste eido, cun investimento de máis de 116 millóns de euros desde 2011 e a consolidación e apoio a investigadores a través de 690 contratos e becas.
“Con este ciclo quixemos explorar as mellores prácticas de éxito doutras comunidades, un proceso que estamos a completar analizando tanto as capacidades como as potencialidades do sistema universitario de investigación”, afirmou o conselleiro.
A xornada contou tamén coa achega de tres investigadores de referencia, en representación das tres universidades galegas, que explicaron a súa visión sobre a excelencia científica. A investigadora principal do Grupo Biofarma da USC, Mabel Loza, destacou que é fundamental crear un equipo cohesionado, superar o minifundismo intelectual mediante o establecemento de sinerxías, apoiarse en boa ciencia e examinar permanentemente a onde se quere chegar. No eido económico, destacou que para ter unha actividade sostible hai que buscar o autofinanciamento. “Non podemos deixar que os proxectos dependan dos fondos públicos, hai que buscar o compromiso das empresas. Segundo a nosa experiencia, a fórmula idónea é realizar unha xestión privada nunha contorna pública”, afirmou.

Publicidade

Os investigadores falan de autofinanciamento e de xerar recursos por transferencia

Hector Gómez, investigador do Grupo de Métodos Numéricos en Enxeñaría da Universidade da Coruña, estableceu como características do perfil dos científicos que convén atraer ás universidades galegas que sexan “coñecidos mundialmente pola súa investigación, excelentes docentes e mentores e capaces de xerar recursos económicos”. Polo que respecta ás institucións, para atraer ese talento excelente é necesario ofrecer boas condicións de traballo, estabilidade, posibilidades de crecemento e unha contorna que lles permita competir, con oportunidades de financiamento e unha carga lectiva e administrativa razoable.
Finalmente, Carlos Mosquera, investigador do Grupo de Teoría do Sinal e das Comunicacións da Universidade de Vigo, centrouse na transferencia de coñecemento. “O esforzo que lle supón aos investigadores achegar as súas ideas ao mercado é moi elevado, polo que moitos desisten de buscar fórmulas para atravesar ese val e céntranse en buscar a excelencia científica”, sinalou. Neste sentido, apuntou como fórmulas para mellorar esa traslación de resultados a modernización das oficinas de transferencia de resultados de investigación das universidades (OTRIs), reforzar os centros tecnolóxicos con máis financiamento estrutural e promover dunha maneira máis decidida as spin-off universitarias (empresas nacidas en grupos de investigación).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Artigo anterior
Seguinte artigo

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento