Venres 29 Marzo 2024

A historia das pioneiras da ciencia galega, na biblioteca Concepción Arenal

Ata o 8 de marzo de 1910 a lexislación española non lle recoñecía ás mulleres o dereito a matricularse libremente na carreira universitaria que desexaran. Manuela Barreiro Pico, a primeira matriculada (1896) e primeira licenciada da Universidade de Santiago (1900), debeu solicitar “permiso” non só para matricularse en Farmacia senón tamén para exercer a súa profesión. No seu escrito, dirixido ao ministro de Instrución Pública e Belas Artes, indicaba con valentía que os estudos realizados debían habilitarlle “para el ejercicio de una profesión que siempre creyó propia a su sexo y en la que pretende hallar ocupación útil para sí y para la sociedad”. O permiso foille concedido finalmente, converténdose así na primeira farmacéutica galega.

A historia de Manuela Barreiro non difire demasiado do resto de mulleres que na época desexaban ser científicas e que agora a USC, da man da investigadora Xoana Pintos, lle pon cara e nomes nunha mostra que dende este venres 10 e ata o día 24 pode visitarse na Biblioteca Concepción Arenal. Coa exposición ‘Mulleres no laboratorio: primeiras científicas da USC’ a Universidade de Santiago, a través da súa Oficina de Igualdade de Xénero, súmase á conmemoración do Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia este 11 de febreiro.

Publicidade

Entre esas científicas pioneiras destaca polo seu perfil máis internacional Ángeles Alvariño González, que remata a carreira de Ciencias na USC en 1941. Esta destacada oceanógrafa foi a primeira científica a bordo dun barco de investigación británico, e os seus traballos derivaron no descubrimento de 22 novas especies mariñas dos océanos Pacífico e Atlántico. Hoxe, dúas especies mariñas de plancto réndenlle homenaxe levando o seu apelido, o quetognato Aidanosagitta alvarioae e a augamar Lizzia alvarinoae.

A USC tamén colabora nunha xornada que se celebra o sábado no Muncyt da Coruña

Lugar destacado ocupan tamén as primeiras licenciadas en Medicina, as xemelgas Elisa e Jimena Fernández de la Vega, e a licenciada en Ciencias, na sección de Química en 1923, Eugenia Pereira Rodríguez, a primeira licenciada galega que gozou dunha bolsa da Facultade de Ciencias da USC para ampliar estudos no estranxeiro, en concreto en Bordeos e no eido da mellora dos procesos de vinificación, con aplicación a Galicia. Xa en Barcelona esta muller dirixiría unha farmacia e un laboratorio propio que sería o primeiro fabricante de deterxente líquido.

A primeira muller galega licenciada en Medicina, Olimpia Valencia López, quería ser pneumóloga, pero naqueles tempos non se xulgaba “oportuno” que as mulleres tratasen como profesionais a pacientes varóns, así que os catedráticos recomendáronlle áreas relacionadas coa maternidade que a levaron a especializarse en Xinecoloxía. En 1928 estableceu a súa clínica en Vigo, non sen poucos atrancos debido á súa condición de muller e á súa implicación política de apoio aos candidatos galeguistas en 1931 e ao Estatuto Galego do 36.

No elenco de mulleres que pasaron polas aulas da institución compostelá merecen tamén unha lembranza Dolores Lorenzo Salgado, a primeira docente en Ciencias; a arquitecta Rita Fernández Queimadelos, primeira muller que exerceu profesionalmente de modo individual e independente; as odontólogas pioneiras Irene Lucía Álvarez Veras, María Coro Clavero Maestre e Ruth Selbmenn Kummer; a profesora adxunta da cátedra de Microbioloxía en 1956 Ramona Vaamonde Fernández, que en setembro de 1975 detectou prontamente a presenza do virus do cólera evitando así unha epidemia; ou Antonia Ferrín Moreiras, autora da primeira tese en Astronomía e que exercería como docente na Universidade Complutense durante vinte anos.

Ademais, para conmemorar o Día Internacional das Mulleres e as Nenas na Ciencia, a USC colabora este sábado nunha xornada no Muncyt da Coruña que contará con obradoiros gratuítos e dirixidos a nenas e nenos de 8 a 12 anos, como o titulado ‘Intelixencia artificial: o significado da intelixencia’ a cargo de María Jesús Taboada, profesora titular da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catorce investigadoras da USC, entre as científicas de España con maior influencia

María José Alonso, Alicia Estévez Toranzo, Azucena Mora e Victoria Lareu son algunhas das profesionais citadas no ránking DIH

Estas 23 científicas xa teñen nova páxina na Galipedia

A 'maratón' organizada pola USC e AMIT-Gal consegue visibilizar a vida e a traxectoria de máis dunha decena de investigadoras galegas

Unha páxina na Wikipedia para as científicas pioneiras en Galicia

A USC e Amit-Gal impulsan o martes 20 unha xornada de traballo para editar e mellorar os artigos da Wikipedia sobre as científicas galegas

Antonia Ferrín Moreiras, a primeira astrónoma galega

A investigadora ourensá, colaboradora de Ramón María Aller, foi a primeira muller en ler unha tese sobre astronomía en España