Edición da Galiciencia do 2014.

Edición da Galiciencia do 2014.

A Galiciencia bate records con 74 proxectos de estudantes

Equipos de Galicia, Euskadi e Cataluña asistirán no parque Tecnópole de Ourense á feira, que cumpre o seu décimo aniversario

Unha carrilana de tecnoloxía punta, unha plataforma de compravenda de produtos agrícolas sen intermediarios, un bastón robotizado para invidentes e un espantallo móbil para viñas son só algúns dos proxectos cos que a Galiciencia celebra este ano o seu décimo aniversario. Nesta edición especial expoñerase unha cifra récord de proxectos: un total de 74 investigacións e enxeños de equipos procedentes de toda Galicia, Euskadi e Cataluña. Con esta edición superaranse os 20.000 visitantes e acadaranse os 500 proxectos expostos en total ao longo da traxectoria do evento.

Unha das demonstracións da Galiciencia 2014.

Unha das demonstracións da Galiciencia 2014.

Durante os días 18, 19 e 20 de novembro a entidade organizadora, Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole, reforza a organización de actividades paralelas e consolida a experiencia piloto testada o ano pasado para dar entrada a proxectos de Primaria. É así como a carpa na que os equipos participantes mostrarán ao público os seus proxectos científicos e de innovación lle dará cabida a 52 proxectos de Secundaria e 22 de Primaria, estes últimos fóra de competición.

A previsión de visitas de grupos escolares de toda Galicia supera as 2000, ás que se sumarán as persoas que acudan pola súa conta, xa que a feira é de entrada libre para particulares e familias polas tardes. A exposición de proxectos permanecerá aberta de 10 a 13 horas pola mañá e de 15 a 18 horas pola tarde.

No evento, que conta coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, os participantes competirán por situarse entre os tres finalistas e o que consiga a maior puntuación levará o primeiro premio, dotado con 1000 euros para financiar a súa participación na maior feira científica a nivel estatal, a Exporecerca 2016.

Con esta edición van superarse os 20.000 visitantes e os 500 proxectos presentados

A Galiciencia chega á súa décima edición cunha oferta de actividades paralelas á exposición de proxectos máis ampla que nunca, que inclúe a conmemoración do Ano Internacional da Luz e das Tecnoloxías baseadas na Luz a través de catro talleres orientados a diferentes idades. Neles, os participantes descubrirán os fundamentos e as propiedades da luz, das cores e do láser a través de espectaculares experimentos. Esta será tamén a temática da exposición instalada polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e da charla que poderá seguirse online desde calquera centro educativo de Galicia grazas á súa retransmisión en streaming.

Os máis pequenos terán a ocasión de mergullarse no mundo da robótica a través doutro obradoiro e todos os que visiten a Galiciencia poderán percorrer os dez anos do evento a través dunha exposición de fotografía na que se recollen os mellores momentos. De novo, a Galiciencia contará cun equipo de reporteiros audiovisuais formado por participantes na feira que gravarán todo o que aconteza na exposición de proxectos e nos talleres e espectáculos para editar o vídeo oficial do evento coas mellores imaxes.

Ademais, o certame volverá montar a súa propia redacción de xornalistas, formada por estudantes previamente adestrados como reporteiros para cubrir o evento e elaborar entre todos a revista oficial, que será distribuída entre os asistentes á entrega de premios o último día. Durante a clausura, ademais da entrega de premios aos mellores proxectos e ao gañador do concurso de fotografía científica convocado no marco do certame, todos os participantes soprarán as candeas dunha gran tarta para festexar o décimo aniversario da Galiciencia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.