Dosi Veiga.

Dosi Veiga.

“Hai que concienciar á poboación do dereito a observar o ceo”

O divulgador científico Dosi Veiga, responsable do APOD galego, analiza a situación da astronomía en Galicia

Dosi Veiga é un recoñecido físico e divulgador científico galego, autor de numerosos proxectos no eido da astronomía, redactor na Astronomía Magazine e fundador dunha versión galega do Astronomical Picture Of the Day da NASA, na que publica espectaculares imaxes astronómicas comentadas. Veiga fai fincapé na necesidade de concienciar á poboación do dereito a observar o ceo nocturno e desenvolver normativas que a medio e longo prazo impidan a contaminación lumínica o ceo nocturno.

Existe unha afección destacable en Galicia cara ó ámbito da astronomía?

A verdade é que si. Contra a crenza do mal tempo que temos, hai un amplo colectivo de asociacións de afeccioados á astronomía. Hai uns anos eu mesmo cheguei a contabilizar unha ducia de asociacións á hora de organizar un encontro anual denominado AstroGalicia. Ben é certo que hoxe en día podemos considerar que hai seis asociacións moi actividade e posiblemente outras dúas que fan cousiñas en días sinalados.

Cómo é posible que unha comunidade como a galega, con medios escasos e ceos pouco claros, teña un oco na astronomía?

O primeiro é que non temos tan mal tempo como a fama do país. Sobre todo, no sur de Galicia. O segundo é que temos ceos bastante limpos no que se refire á polución luminosa. Ademais trátase dunha afección polo que ao final hai que con formarse co que hai. Por último, hoxe en día hai campos de investigación nos que incluso poden participar afeccionados nos que importa moito o lugar no que esteas. Por exemplo, para observar o posible paso dun asteroide ou dun novo planeta anano do cinto de Kuiper e poder afinar o tamaño do obxecto, convén que haxa unha ampla rede de observadores que poidan comprobar se o obxecto tapa ou non a estrela de referencia. Ao igual que para a detección de meteoros que penetran na atmosfera terrestre, onde a existencia de redes que cubran unha ampla parte do territorio é importante.

Nestes casos, ao estar Galicia nun extremo dun territorio e máis alá o océano, non hai quen observe estes fenómenos se non está en terra.

O tempo non é tan malo e os nosos ceos están libres de polución luminosa

En Galicia existen varios centros importantes que estudan este ámbito. Cal destacaría ? E por que?

Por tradición, historia e ata hai uns anos, o único que había, o Observatorio Ramón María Aller da USC. Nestes intres é a única instalación profesional adicada á astronomía do país. Outras iniciativas como o Observatorio de Forcarei da Fundación Ciencia, Ceo e Cultura están empezando a andar e faltan uns anos para que teñan a relevancia que seguro adquirirán. Máis recente é un pequeno observatorio dependente da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo situado no Campus de Ourense que ten un uso didáctico e divulgativo.

Que papel xogan as entidades privadas neste ámbito?

Por todo o país pode haber outros 6 observatorios astronómicos privados que realizan sobre todo actividades de observación propias e, algún deles, colabora de xeito puntual con algún programa científico profesional. Especialmente, na detección e seguemento de meteoros, asteroides, catalogación de estrelas dobres e outras medicións.

Por último, haberá uns 30 afeccionados con telescopios potentes que realizan observacións puntuais, desde a cidade ou desprazándose a lugares escuros. Ademais do pracer a simple observación do ceo, moitos realizan fotografía astronómica dunha calidade envexable e, incluso, colaboracións en diversos campos de investigación astronómica.

Na historia de Galicia existiron personaxes importantes no campo da astronomía. Cal destes personaxes cre vostede que contribuíu dunha maneira  máis destacable a “astronomía galega”?

Creo que estamos moi lonxe de poder falar de “astronomía galega” pois, á marxe do caso singular de Aller, na primeira metade do século XX, seguida por algúns dos seus discípulos como Enrique Abascal e, sobre todo, Antonia Ferrín. Na actualidade é significativo o traballo dos astrónomos do Observatorio da USC, en especial José Ángel Docobo e Josefina Ling. Ademais, sendos grupos na Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo dirixidos por Minia Manteiga e Ana Ulla respectivamente, que colaboran en diversos proxectos con outras universidades e institucións europeas danlle á astronomía galega unha presenza que non tiña anteriormente.

E, persoalmente, creo que en canto empecen a cristalizar algunhas das moitas ideas e proxectos de afeccionados o protagonismo galego será moito maior. Nestes intres hai encontros e reunións entre afeccionados para poñer en marcha iniciativas interesante e punteiras.

Qué pode contar dos denominados espazos Starlight  adxudicados a Galicia?

Os dous supuxeron un traballo de moitos meses que quizais non se valore o suficiente. Non se trata de pagar só por unha certificación, que tamén. O complicado é realizar meses de medicións, reunións con institucións e veciños para explicar ben de que se trata e, sobre todo, desenvolver normativas que a medio e longo prazo impidan que se polucione luminicamente o ceo nocturno.

Persoalmente creo que, máis alá do simbólico das iniciativas, trátase de concienciar a toda a poboación do dereito a observación do ceo nocturno. Que desde as cidades se poidan observar as estrelas, desde un parque urbano, é algo moi sinxelo de conseguir a pouco que comprendamos que a mellora do alumeado público é unha vantaxe para todos. Esa labor de concienciación é a que ten que vir por tras da declaración Starlight de dous sitios singulares como é o caso (zona de Trevinca en Ourense e Parque Nacional das Illas Atlánticas en Pontevedra). No hai máis que ollar unha cidade desde unha distancia de 50 ou 100 quilómetros de distancia para comprender o irracional que supón ese bulbo de luz que sae por riba, enerxía eléctrica desperdiciada e que non beneficia a ninguén.

Starlight conciencia á poboación do dereito á observación do ceo nocturno

Que cre que lle aportan as súas publicacións no APOD galego ?  

O que máis valoro é o que me aporta persoalmente, pois creo que á comunidade aporta máis ben pouco. A min permíteme contribuír co meu gran de area á normalización da lingua nun campo singular e no que teño certo coñecemento. Tamén é un xeito de contribuír, en forma de traballo persoal e creación de contidos de calidade, á comunidade de internet da que eu tamén me aproveito noutros proxectos (Galipedia, foros…). Ben é certo que non son contidos orixinais, senón traducións de contidos da NASA. Se fose máis novo supoño que tamén me serviría para romper o xeo nun pub, fachendeando con calquera que me preguntara a que me adico respondendo “Pouca cousa, pero no meu tempo libre colaboro cun proxecto da NASA”  Aínda que sendo como é, algo voluntario e sen remuneración, non creo que o conto me valera para moito.

O máis relevante é que estou ao día na astronomía e sigo aprendendo dun dos campos científicos que máis me apaixoan.

Que valor teñen esas publicacións para a comunidade de lectores?

O valor do APOD galego para a comunidade creo que será algo que vaia adquirindo co paso dos anos, se consigo que o proxecto non dependa só como ata o de agora do meu esforzo profesional e se van engadindo máis tradutores. Tede en conta que falamos dunha páxina diaria de contido astronómico, moitas veces noticias de última hora, o que significa que ano a ano vanse amoreando centos e centos de páxinas de contido de alta calidade e que, ao través das súas ligazóns, permiten afondar na maior parte dos temas da astronomía e da astrofísica.

“O que máis valoro do APOD é estar ó día do campo que máis me apaixoa”

Cando colaboraba coa versión en castelán do mesmo proxecto é certo que ao redor se creara unha interesante comunidade de persoas que todos os días opinaban sobre as imaxes, consultaban dúbidas e xeraban debates interesantes. Días que nunha foto podía haber ata un cento de comentarios. Daquela época conservo algún moi bo amigo a pesares de que desapareceu toda esa actividade.

Na versión en galego non se xera apenas debate o cal, aínda que antes o botaba de menos, agora case o agradezo pois pouco tempo teño a diario para estar pendente da páxina. De aí que ás veces apareza algún día sen traducir ou a tradución se publique despois das 6 a.m. que sería a hora normal.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.