Sábado 20 Abril 2024

A ciencia da cor, a debate en Ourense

Abrimos os ollos e todo o que vemos é cor, ou para ser máis precisos, percepcións visuais que se xeran no cerebro ao interpretar os sinais nerviosos que lle envían os fotorreceptores da retina que interpretan e distinguen as distintas lonxitudes de onda que captan da parte visible do espectro electromagnético. Detrás de algo tan presente na vida dos seres humanos está toda unha puxante ciencia, a ciencia da cor, que abrangue todo tipo de disciplinas, desde a alimentación á tecnoloxía. Desde este mércores e ata o venres arredor de 80 investigadores, estudosos e profesionais estatais e internacionais de diversas disciplinas danse cita no campus de Ourense no XI Congreso Nacional da Cor para afondar nos últimos avances nos seus respectivos campos de estudo relacionados con este eido.

A manipulación da cor en alimentación e a iluminación led, dous dos temas principais

Entre os temas destacados están a manipulación da cor en alimentación e a iluminación led. “A cor é un tema moi atractivo porque é algo moi transversal, de grande impacto en moitos sectores, de aí a importancia de desenvolver un foro coma este, no que os investigadores teñen a oportunidade de presentar os seus últimos traballos”, explica o catedrático de Óptica da Universidade de Vigo Humberto Michinel.

Publicidade

O XI Congreso Nacional da Cor está organizado polo Comité da Cor da Sociedade Española de Óptica e conta cun comité científico constituído por profesionais de diversas ramas, desde o mundo do ensino ata a expresión artística. Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense; Humberto Michinel, presidente do comité local organizador do congreso, e Francisco J. Heredia, presidente do Comité da Cor, foron os encargados de inaugurar a cita destacando a relevancia dos seus participantes e contidos.

José Federico Echávarri falou sobre a modificación da cor no viño.
José Federico Echávarri falou sobre a modificación da cor no viño.

Poñendo o aceno na “riqueza da cor” e da ciencia que a abrangue en todo tipo de sectores, Heredia destacou como nesta cita o comité que preside “cumpre 50 anos, unha boa cifra para recoñecer a súa traxectoria”. Do congreso, Virxilio Rodríguez subliñou que “para o campus é un luxo acoller un evento deste nivel” e Jesús Vázquez “a gran potencialidade” que ten, animando ás universidades a “ser vangarda en investigación” tamén neste eido do coñecemento.

Durante a celebración do evento presentarase un total de 33 comunicacións e 15 pósters. As sesións comezaron este mércores cunha conferencia plenaria a cargo da profesora Sophie Wuerger, da Universidade de Liverpool, que falou sobre a percepción da cor. O resto da xornada estivo dedicada á presentación de investigacións arredor da cor e a alimentación. Para comezar, José Federico Echávarri expuxo o traballo dun grupo de investigadores do Instituto Ciencias de la Vid y el Vino, da Universidade de La Rioja, sobre a evolución da cor e a composición antociánica de viños tintos durante a etapa de envellecemento en botella e o efecto de distintas concentracións de osíxeno.

Presentouse un estudo sobre a evolución da cor no viño

O experto presentou un estudo levado a cabo con 16 viños tintos españois de seis denominacións de orixe diferentes, aos que se lles aplicou diferentes doses de osíxeno para analizar a súa evolución. “A primeira avaliación que o consumir realiza é a da aparencia, na cal a cor xoga un papel moi importante”, explicou o experto. A xestión do osíxeno durante o envellecemento en botella considérase, indicou, un factor clave que inflúe no desenvolvemento da cor e das características sensoriais do viño pero a pesar desta relevancia, apuntou, o envellecemento en botella aínda hoxe en día resulta difícil de controlar e predicir.

A sesión continuou coñecendo diversos proxectos, como un traballo sobre a obtención de extractos de carotenoides procedentes da microalga mariña Scenedesmus almeriensis para enriquecer diferentes aceites de oliva virxe ou a aplicación da cor para estimar o momento óptimo de recolección da cereixa Chelan. A potencialidade colorante de novas fontes de betalaínas; a mellora da predición de propiedades mecánicas de oliva verdial mediante análise colorimétrico de imaxen; a avaliación colorimetrica diferencial de antocianos de uva naturalmente copigmentados como alternativa a colorantes sintéticos ou a mellora das propiedades térmicas, mecánicas e ópticas dunha bioresina incorporando nanopigmento a partir de extracto de raíz de remolacha foron outros dos traballos presentados este mércores no campus. “En alimentación a cor ten un dobre xogo, por unha banda polo feito de ser un factor de preferencia visual para o consumidor e por outra por ser un indicativo dunha composición química e funcional. Intervén a estética e a funcionalidade”, apuntou Franscisco José Heredia.

Tamén se falará de ciencia, arte, industria ou arquitectura

Alén deste bloque dedicado á alimentación, o congreso adentrarase noutros cinco eidos. O segundo será o da arte e a arquitectura, podéndose escoitar este xoves comunicacións arredor de temas como as metodoloxías de estudos cromáticos aplicadas nos centros históricos ou a estratexia de aplicación da cor no deseño de produto. A percepción e análise da cor tamén terá un protagonismo propio neste encontro, con intervencións sobre aspectos como a variación da función de sensibilidade ao contraste cromático coa idade. Sobre a iluminación e a tecnoloxía led tamén haberá varias intervencións, que se achegarán a cuestións como os sistemas de iluminación e sinalización adaptados cromaticamente e a análise cromática de fontes OLEDs. O quinto dos bloques temáticos terá como eixe central as tecnoloxías industriais e o sexto a imaxe espectral e outros aspectos, con intervencións sobre a análise de lentes intraoculares mediante imaxes espectrais ou a avaliación do destello e do granulado en pinturas de vehículos mediante un sistema gonio-hiperespectral baseado en leds.

Entre as persoas que participarán nas vindeiras sesión estará Iván Moreno, da Universidade Autónoma de Zacatecas, en México, e referente internacional na investigación en tecnoloxía led. Durante a súa intervención afondará, entre outras cuestións, nos retos e desafíos desta tecnoloxía no que respecta á cor. Segundo adiantou este mércores, son varios os desafíos aos que se enfrontan os investigadores neste eido, dadas as múltiples aplicacións deste tipo de iluminación, tanto en interior como exterior, en todo tipo de soportes e para todo tipo de usos. “Non só o humano é o usuario deste tipo de iluminación, xa que por exemplo tamén se usa para o crecemento de plantas ou de peixes en piscifactorías”, explicou. No que respecta aos retos no caso da iluminación destinada ás persoas, o investigador apuntou que os desafíos actuais pasan por conseguir “crear unha luz cálida máis eficiente, cando menos igual de eficiente que a luz fría”, e mellorar as lámpadas para alumeado público, eliminando “un pico de luz azul” que actualmente teñen e que pode alterar algúns aspectos do ciclo do sono e os hábitos dalgúns animais nocturnos. Actualmente, comentou o investigador mexicano, traballa en proxecto relacionados con este eido como o desenvolvemento dun fósforo para iluminación led que en vez de cor amarela sexa transparente, co obxectivo de mellorar a súa eficiencia, e dun tipo de luz adaptativa a formas “libres”, que se adecúe ao trazado da zona que ilumine, por exemplo unha curva.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo de atlanTTic deseña antenas innovadoras para satélites xeoestacionarios

O proxecto da UVigo busca unha redución na masa e o volume da tecnoloxía, así como diminuír os custos

Un equipo da UVigo analiza en alta resolución o transporte de humidade no Atlántico norte

O grupo EphysLab investiga como se altera o ciclo hidrolóxico na rexión oceánica por procesos relacionados co cambio climático

As cinzas dos lumes de 2017 poden causar alteracións no plancto costeiro da Vigo

O estudo realizado por investigadores do CIM da Universidade de Vigo centra a súa investigación na escorredura posterior ás queimas

Os bioplásticos e polímeros sintéticos teñen realmente capacidade de biodegradación?

O proxecto Polbio nace para determinar se este proceso pode ter algún efecto tóxico en ambientes terrestres e acuáticos