A mediados de século, os maiores de 65 anos serán o 37 por cento da poboación

A mediados de século, os maiores de 65 anos serán o 37 por cento da poboación

A calidade de vida dos nosos maiores, a exame

Galicia ocupa o posto 18 en Europa en envellecemento activo, segundo un novo índice desenvolvido na USC

España é o cuarto país máis envellecido do mundo, só por detrás de Xapón, Alemaña e Francia. E pronto podería convertirse no primeiro. Segundo cálculos do Ministerio de Sanidade, arredor do 37% da poboación española terá máis de 65 anos no ano 2050. O problema é especialmente preocupante en Galicia, unha das rexións máis envellecidas de Europa. Por iso, a atención aos nosos maiores e a súa calidade de vida é un tema central para diversos grupos de investigación, como o de Psicoloxía do Consumidor e Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC) que dirixe o catedrático Jesús Varela Mallou.

O catedrático da USC Jesús Varela Mallou

O catedrático da USC Jesús Varela Mallou. / USC.

Convidados por Nacións Unidas, o equipo de traballo da USC e a Subdirección Xeral de Planificación e Innovación da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia presentan o 17 de abril en Bruxelas os resultados dunha investigación na que se construíu unha nova ferramenta para medir a saúde física, o benestar e o estado de satisfacción persoal das persoas maiores, o que se entende como envellecemento activo. O estudo presentarase no seminario internacional organizado pola United Nations Economic Commission for Europe e a European Commission’s Directorate General for Employment, Social Affairs and Inclusion, informa a USC.

A metodoloxía tivo en conta as recomendacións do índice Active Ageing Index (AAI) desenvolvido por Nacións Unidas e presentado en 2013 para establecer unha clasificación de países. Sen embargo, ese índice non permite a análise desagregada de unidades ou territorios máis pequenos como poden ser as Comunidades Autónomas ou provincias. O traballo da USC supera ese problema permitindo a análise dunha única persoa e, polo tanto, calquera subpoboación definida sobre a que se implementase un programa social ou de promoción da saúde. Todo iso sen perder a comparabilidade co ránking europeo de países, que os investigadores toman como punto de partida.

Este exemplo de colaboración institucional entre a USC e a Xunta fai que na actualidade Galicia sexa o único territorio en Europa que conta con dous tipos de medidas do nivel de envellecemento activo, poboacional e persoal. “Mellórase así cualitativamente –apunta Varela Mallou– o coñecemento da problemática e as necesidades reais dos nosos maiores, permitindo adecuar as iniciativas sociosanitarias en función das áreas que requiren maior estímulo e adaptar os programas ás casuísticas concretas”.

Galicia, no posto 18

Os resultados obtidos sitúan Galicia no posto 18 da clasificación dos 28 países avaliados en Europa. Os dez primeiros son Suecia, Dinamarca, Irlanda, Reino Unido, Holanda, Finlandia, Chipre, Luxemburgo, Alemaña e Austria; mentres que os dez últimos son Lituania, Malta, Romanía, Eslovenia, Letonia, Bulgaria, Grecia, Hungría, Eslovaquia e Polonia. España sitúase no posto 17.

“Os maiores galegos teñen unha vida máis independente, saudable e segura que os de Reino Unido, Irlanda ou Francia”

O estudo indica ademais que en Galicia deben ser impulsados ámbitos como a ocupación parcial ou emprego e a participación social ou comunitaria dos maiores. “Pola contra, os nosos maiores presentan unha vida moi independente, saudable e segura ata o punto de situarnos por riba de países como o Reino Unido, Irlanda ou Francia”, sinala o profesor Varela. Ademais, para seguir mellorando en Galicia é preciso fomentar a vixilancia da saúde física e dental, promover o uso das TIC e incrementar a formación continua, así como atender o apoio sociofamiliar e a esfera emocional. Apunta tamén o catedrático da USC a necesidade de incrementar o esforzo nas mulleres co obxecto de fomentar a igualdade de oportunidades.

O grupo de investigación da USC, no marco da tese doutoral que está desenvolvendo Sara Marsillas, continúa traballando na optimización e mellora da medida persoal do nivel de envellecemento activo dunha forma rápida e individualizada, así como do establecemento dun sistema de información xeográfica capaz de monitorizar o territorio galego en función das diferentes actuacións que poña en marcha a Secretaría Xeral de Política Social.

O índice europeo

Co AAI obtense unha puntuación que cuantifica o nivel de envellecemento activo dos países da Unión Europea identificando ao mesmo tempo as áreas de mellora de cada nación. Desde unha perspectiva poboacional, posibilita a comparación internacional do grado de envellecemento dos países, situándoos nun ránking en función da porcentaxe de persoas maiores de 55 anos que cumpren unha serie de criterios referidos a catro dominios principais: emprego; participación social; vida independente saudable e segura; e capacidade para seguir envellecendo de maneira activa.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.