Juan Ramón Vidal Romaní recibiu a medalla do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma, do reitor Xosé Luis Armesto.

Juan Ramón Vidal Romaní recibiu a medalla do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma, do reitor Xosé Luis Armesto.

A Academia Galega de Ciencias segue sumando

O xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní é o primeiro dos seis novos académicos que este ano se incorporan á institución

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) continúa a súa renovación e dando novo pulo ás súas actividades. Proba desta nova etapa é o ingreso de Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático de Xeoloxía da Universidade da Coruña (UDC), que se incorpora á Sección de Química e Xeoloxía. A súa abre a rolda de incorporacións á institución ao longo deste ano, no que entrarán seis novos académicos de diversas áreas de coñecemento.

O discurso de ingreso do novo académico da RAGC titulouse “A Xeoloxía de Galicia. Como armar un quebracabezas”. Logo de pronuncialo, recibíu a medalla de mans do presidente da RAGC, Miguel Ángel Ríos, e o diploma de académico foille entregado polo reitor da UDC, Xosé Luis Armesto.

Juan Ramón Vidal Romaní (1946, Tarragona) é catedrático de Xeodinámica Externa na UDC e director do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal desde 1986. O seu ámbito de traballo está centrado no Cuaternario de Galicia, nas rocas graníticas, nos niveis mariños, no glaciarismo, na xemorfoloxía e nos depósitos en ambientes graníticos. Ademais de en Galicia, Canarias e Madrid, traballou en Madagascar, Arxentina, Australia, Suecia e Portugal.

Experto no Cuaternario en Galicia, os seus estudos teñen gran recoñecemento internacional

Publicou 100 libros e capítulos de libros, ademais de 37 mapas xeomorfolóxicos e máis de 150 traballos en revistas especializadas, nas que tamén exerce como revisor científico. É membro fundador da Asociación Española de Estudio del Cuaternario, vinculada á Sociedad Española de Geomorfología, na que ocupou os postos de presidente e vicepresidente entre 1994 e 1998.

Ademais do seu traballo académico e científico vén realizando un intenso labor de divulgación da xeoloxía na escola, en colaboración coa Asociación Española para el Estudio de Ciencias de la Tierra (AEPECT), e participa desde hai anos na organización do evento Geolodías. O seu ingreso na RAGC débese ao recoñecemento internacional do traballo científico que vén realizando desde hai décadas nun campo de coñecemento de gran relevancia para Galicia, que ata o de agora presentaba un baleiro na Academia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.