Bragado, Mariño, Soutullo, Labranha e Vázquez, na presentación da colección. Foto: Xerais.

Bragado, Mariño, Soutullo, Labranha e Vázquez, na presentación da colección. Foto: Xerais.

Xerais abre a porta á divulgación científica en galego

A editorial presenta en Compostela os tres primeiros títulos da colección Básicos Ciencia

4.400 títulos e millóns de exemplares despois, tal e como destacaba Manuel Bragado, director da editorial, Xerais deu o paso para achegar ao gran público unha colección baseada na divulgación científica. O 14 de marzo presentouse na libraría Couceiro de Compostela Xerais Básicos Ciencia, que nace con intención de estenderse durante moito tempo, co obxectivo de fortalecer o galego como lingua de ciencia.

Os presentes coincidiron en sinalar que o xurdimento deste proxecto supón abrir unha nova porta para a lingua e para a ciencia en Galicia. “É un día de moita ledicia”, sinalou Bragado, engadindo que esta colección xurde cunha “clara intención normalizadora”. Estivo acompañado polo director da colección, Miguel Vázquez Freire, e polos tres autores que inauguraban esta nova nova andaina: Xurxo Mariño, Daniel Soutullo e Antom Labranha. Miguel Vázquez apuntou que o obxectivo de Xerais Básicos Ciencia é procurar que o público “desexe ler” divulgación científica.

Os tres primeiros libros (aos que sucederán dous ou tres títulos cada ano, segundo adiantou o director de Xerais) puxéronse á venda nas librarías. O primeiro autor en falar durante a presentación foi Daniel Soutullo, autor de Historia do ADN, un percorrido polos avances científicos que foron descubrindo a natureza desta estrutura, desde os avances de Watson e Crick ata o desenvolvemento do sistema CRISPR. Soutullo, profesor de Bioloxía e Xeoloxía, sinalou que o obxectivo é “divulgar sen empobrecer”, para evitar o “coñecemento falso” e a “deformación da natureza” do ADN.

Tomou a palabra a continuación Antom Labranha, que publica O universo matemático. Labranha, profesor e Doutor en Matemáticas, explica na súa obra os fundamentos, a evolución e o papel que os contidos matemáticos teñen na ciencia e na cultura. A carreira de Aquiles e a tartaruga, o voo de Ícaro, un paseo por Monforte ou unha aposta nunha lancha de Marín poden servir, segundo o autor, para explicar algúns dos contidos que teñen que aprender os estudantes de Bacharelato. “Quero que os lectores observen desde un novo punto de vista eses contidos”, sinalou Labranha.

Pechou a rolda de presentacións Xurxo Mariño, autor de Terra, un libro que mestura literatura de viaxes, antropoloxía, historia e, por suposto, ciencia. A obra é froito dunha viaxe de Mariño (doutor en Ciencias Biolóxicas, experto en Neurofisioloxía e coñecido divulgador) por todo o mundo. O autor remarcou que no mundo actual “é preciso ter coñecementos científicos para poder ser cidadáns, para saber separar o que é ciencia do que non o é”. Por iso é importante, como explicou Mariño, a necesidade de comunicar a ciencia para combater o descoñecemento.

A colección saíu á venda cunha primeira tirada de arredor de entre 600 e 1.500 exemplares, que tamén se repartirán por bibliotecas públicas e de centros  de ensino.

 

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.