Laqueusplana bocki.

Laqueusplana bocki.

Descuberta na ría de Arousa unha nova especie de verme mariño

Este novo animal, bautizado Laqueusplana bocki, non presenta tentáculos e ten dous tipos diferentes de ollos

O Grupo de Estudos do Medio Mariño (GEMM) anunciou en febreiro o descubrimento unha nova especie para a ciencia. Trátase dun verme plano, atopado en aguas da ría de Arousa “e que ademais, dadas as súas características especiais que a diferencian dos seus parentes próximas, deu lugar á creación dun novo xénero”, segundo concreta este grupo investigador.

O novo animal, bautizado como Laqueusplana bocki, é un verme plano que pode alcanzar unha lonxitude en movemento de 25 milímetros. O seu corpo, de forma alongada e consistencia carnosa, presenta unha parte anterior amplamente redondeada que se vai estreitando cara ao final.

Segundo explica a entidade, non presenta tentáculos e ten dous tipos diferentes de ollos. “O seu corpo é de cor beige pálido con manchas marróns escuras distribuídas uniformemente”, segundo engade o GEMM. O nome da especie fai honra a Sixten Bock, experto zoólogo sueco. O traballo foi publicado en ‘European Journal of Taxonomy‘ e supón, segundo destaca o GEMM, “unha continuación do intenso traballo de catalogación da fauna mariña que o GEMM leva realizando desde fai sete anos en colaboración con diversas institucións de gran relevancia científica”.

Os investigadores colaboraron neste estudo co Museo de Ciencias Naturais de Madrid. Por iso, o GEMM informa da posta en marcha dun novo proxecto no que se ofrecerá a posibilidade de apadriñar a un animal mariño. Con esta iniciativa este grupo pretende conseguir o apoio económico necesario “para seguir adiante co importante labor que realiza, ofrecendo a posibilidade a calquera persoa ou entidade privada, de contribuír economicamente a unha investigación concreta”.

“Haberá a posibilidade de asociar o nome do padriño a todos os documentos xerados na investigación, ata mesmo poder dar nome a unha nova especie”, segundo explicaron.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.