Xoves 25 Abril 2024

Un medicamento que reduce o dano da hemorraxia cerebral

As hemorraxias cerebrais, tamén coñecidas como ictus hemorráxicos, supoñen só entre un 15 e un 20% de todos os ictus – o resto adoitan ser obstrutivos -, pero de cada 10 persoas que as sofren, entre tres e catro falecen. Ademais, este accidente cerebrovascular é unha das principais causas de incapacidade grave nos adultos. Cómpre, por tanto, buscar camiños que reduzan os danos causados por esta doenza. Varios científicos do IDIS de Santiago (José Castillo, Tomás Sobrino, Esteban López, Alba Vieites e Francisco Campos) xunto a investigadores do Centro de Investigación Médica Aplicada (CIMA) da Universidade de Navarra, demostraron a eficacia dun novo composto, chamado CM352, para o tratamento da hemorraxia intracerebral.

Os resultados, xa confirmados en animais, foron en xuño publicados na revista Journal of the American Heart Association. Os investigadores explican que a molécula atopada reduce o dano neurolóxico e mellora a recuperación funcional tras a hemorraxia. “CM352 é un potente axente antihemorráxico cun mecanismo de acción seguro e efica. O traballo de investigación conxunto demostrou que detén o sangrado intracerebral e reduce a inflamación, o que conduce a unhas lesións cerebrais máis pequenas e a unha mellora da recuperación funcional”, explican os doutores Josune Orbe, investigadora do CIMA, e Tomás Sobrino.

Publicidade

Este achado pode supoñer un importante avance no tratamento da hemorraxia cerebral, xa que a pesar do seu impacto social e económico, non ten actualmente ningún tratamento eficaz e específico e o prognóstico destes pacientes non conseguiu mellorar significativamente nas últimas décadas. Así, o CM352 pode constituír unha nova estratexia contra o ictus hemorráxico. “A partir de agora, a investigación vai centrarse en analizar os factores que regulan a eficacia desta molécula en mostras de pacientes con hemorraxia intracerebral co fin de deseñar os futuros ensaios clínicos. O obxectivo final é a integración dos estudos preclínicos e clínicos que permita desenvolver un novo tratamento antihemorráxico nesta patoloxía”, conclúen os investigadores.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificada unha proteína clave na recuperación tralo ictus

En España, unha persona sofre un accidente cerebrovascular cada seis minutos

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade