Mapa das anomalías de temperatura e precipitacións rexistradas en Galicia entre marzo e maio. Fonte: Aemet.

Mapa das anomalías de temperatura e precipitacións rexistradas en Galicia entre marzo e maio. Fonte: Aemet.

Un ano de preocupantes síntomas meteorolóxicos

Vagas de calor, secas e cifras históricas evidencian o avance do cambio climático tanto en Galicia como no conxunto do planeta

Galicia non é allea ao aceleramento do cambio climático que se vén facendo patente desde hai anos. Temperaturas máximas máis propias de zonas desérticas e períodos secos sen apenas precedentes amosaron que algo está mudando no planeta.

Así, as temperaturas medias mundiais en 2015 foron as máis calorosas desde que se teñen rexistros, segundo confirmou a NASA. Estes mesmos datos amosaban que a temperatura media do planeta aumentou 1ºC desde finais do século XIX, un cambio impulsado en gran medida polo aumento de dióxido de carbono e outras emisións provocadas pola actividade humana. A maior parte do quecemento ocorreu nos últimos 35 anos. Desde o 2001 se rexistraron 15 dos 16 anos máis quentes da historia coñecida.

En Galicia, o mes de abril de 2017 foi extremadamente seco e moi cálido. Segundo os datos de Meteogalicia, a media de precipitacións no país foi de 22 l/m2, un 83 por cento menos da media (120 l/m2) rexistrada entre os anos 1981-2010, que se emprega como período climático de referencia para realizar este estudo. Só en 1982 se acadaron valores tan baixos de chuvia. Amais, nunha data tan temperá como o 10 de abril rexistrouse no municipio de Arnoia unha temperatura de 34,3ºC.

E o maio de 2017 foi o máis cálido desde 1951. En gran parte das comarcas de Sarria, Ancares, Lemos, Quiroga, Caldelas, Trives e Valdeorras, os termómetros estiveron máis de 2,5ºC por riba da media da primavera. Entre os días 21 e 24 de maio, superáronse de xeito consecutivo os 30ºC en numerosos puntos do interior de Galicia.

Estas anomalías provocaron problemas moi pouco habituais en Galicia antes de rematar o verán. Así, en agosto xa comezaron as restriccións de abastacemento de auga en numerosos concellos do país, moitos deles na provincia de Ourense, especialmente afectada

As situacións atípicas tamén se estenderon á temperatura do mar. No mes de xuño, Portos do Estado rexistrou súa boia de Cabo Silleiro, pertencente a Rede de Boias de Augas Profundas, un máximo histórico de temperatura da auga: 19,9ºC, representando un incremento de ata 1,25ºC respecto ao ano anterior.

Algúns expertos galegos no cambio climático, como Juan Antonio Añel, amosan nos seus estudos evidencias preocupantes. Participou en varios traballos internacionais que apuntan que o incremento da temperatura da Terra dende 1950 ata a actualidade non ten precedentes. Amais, o nivel do mar aumentou nos últimos 150 anos a un ritmo maior que a media dos últimos dous milenios (entre 1901 e 2010 unha media de 19 centímetros) e as previsións din que pode chegar a un metro a finais do século XXI.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.