Venres 29 Marzo 2024

Un polémico decreto de investigación mobilizou á ciencia galega

O 11 de maio de 2017, despois dunha reunión do Consello da Xunta, o presidente Alberto Núñez Feijoo anunciaba a retirada do borrador do decreto de persoal laboral investigador, que estaba destinado a regular a contratación dos científicos adscritos a centros de investigación da Xunta.

A raíz do asunto estaba en marzo de 2016, cando a Consellería de Facenda anunciou a creación dunha normativa “pioneira” no Estado para regular a situación do persoal laboral investigador adscrito aos entes dependentes da Xunta, con especial fincapé nos eidos da saúde, a alimentación e a innovación.

Publicidade

Científicos galegos de relevancia internacional esixiron a Feijoo a retirada da norma

Non en tanto, unha vez coñecido o texto do borrador do decreto, o malestar dos investigadores comezou a facerse patente. Un grupo de científicos adscritos a algunhas das entidades incluídas no decreto (Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, Cesga, Intecmar, Fundación Rof Codina, EGAP, GAIN ou Amtega, entre outras) comezou a organizarse para esixir a “paralización inmediata” do decreto e a “resolución das deficiencias” que, segundo eles, contempla o novo regulamento.

O erro máis rechamante do texto, a ollos dos investigadores, era “a temporalidade e a precariedade” dos contratos. Sinalaban, coa regularización do persoal laboral investigador en Galicia, agardaban unha mellora da situación. Non en tanto, dicían que o novo decreto non resolvía o problema, senón que o agravaba.

O decreto contemplaba contratos cunha duración máxima de cinco anos

No texto non se contemplaban contratos indefinidos, e a duración máxima dos mesmos era de cinco anos. Por isto, os científicos alertaban de que a norma excluía “a posibilidade de que haxa investigadores estables na nosa Comunidade, o que introduce unha discriminación negativa” respecto ao resto do persoal laboral. Sinalaban, do mesmo xeito, que ese marco normativo “dificultaba” a posibilidade de “atraer e reter talento fóra do marco da Universidade”, “obstaculizaba a captación de recursos e persoal” e freaba “a capacidade de Galicia para avanzar, innovar e reverter beneficios á sociedade”.

Carracedo, Mascareñas, Loza, Figueras, Alonso e Diéguez, algúns dos asinantes da carta dirixida a Feijoo.
Carracedo, Mascareñas, Loza, Figueras, Alonso e Diéguez, algúns dos asinantes da carta dirixida a Feijoo.

A comezos de maio, decenas de científicos e científicas de referencia en Galicia, con relevancia internacional, fixeron pública unha carta dirixida a Alberto Núñez Feijoo na que pedían ao presidente da Xunta que paralizase o decreto. Entre os asinantes estaban o director da Fundación Pública de Medicina Xenómica de Galicia, Ángel Carracedo, os directores do CiQUS e o CiMUS, José Luis Mascareñas e Carlos Diéguez, o director do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Antonio Figueras, e varios decanos, como Juan Gestal(Medicina na USC), Moisés Canle (Ciencias da UDC), Antonio Segura (Bioloxía da USC), Luis Miguel Varela (Física da USC) e recoñecidas catedráticas como María José AlonsoLaura Sánchez Piñón ou Mabel Loza.

Só unha semana despois de que se fixera pública a carta dos científicos, Feijoo anunciaba a retirada da norma. “Mentres non haxa aproximación non imos aprobar este decreto”, dixo Alberto Núñez Feijoo, quen engadiu que avaliaría “as propostas trasladadas por investigadores e académicos” para redactar “unha norma axeitada”.

“O que buscaba este decreto era dar estabilidade, pero parece que ía producir o contrario”, recoñecía o presidente. Unha vez retirado o borrador, Xunta e científicos sentáronse de novo á mesa para traballar na redacción dunha nova norma que deixara máis satisfeitas a todas as partes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nanotecnoloxía galega contra o tumor cerebral máis común

Un estudo da USC abre a porta a unha nova aproximación terapéutica que podería posibilitar un ensaio clínico nun prazo de tres anos

Yolanda Prezado: “Coa protonterapia erradicamos o 83% dos tumores en estudos preclínicos”

A científica galega referente en París incorpórase ao CiMUS para impulsar a investigación en Galicia da terapia con protóns

José Tubío: “Os científicos deberían saír á rúa como antes facían os predicadores”

O investigador aposta por crear departamentos de divulgación científica, converter a España nun país sen fume e priorizar o cambio climático polo seu impacto na saúde

Pontevedra ensaia fármacos prometededores contra doenzas hepáticas: esta é a innovadora tecnoloxía que hai detrás

Pacientes con hepatite B e fígado graxo proban tratamentos baseados no ARN de interferencia, unha das terapias máis esperanzadoras