Baltasar Merino, o xesuíta que namorou de Galicia a través das plantas

O home ao que se dedica o Día da Ciencia deste ano realizou unha inxente labor científica tanto na Botánica como na Meteoroloxía

O seu nome non é coñecido aínda polo gran público pero o certo é que calquera que bote unha ollada á vida do sacerdote xesuíta Baltasar Merino Román (1845-1917) atopará elementos máis que suficientes para escribir unha biografía apaixonante, ou mesmo o guion dunha película de aventuras. Merino foi un home tenaz que chegou a Galicia en 1880 –cando xa contaba 35 anos e recorrerá moito mundo– e que en pouco tempo converteuse nun científico feito a se mesmo, que investigaba en campos tan diversos como a meteoroloxía ou a botánica.

Naceu en 1845 na localidade burgalesa de Lerma e con 15 anos ingresou na Compañía de Xesús, onde formouse en Filosofía, Humanidades e Retórica e acabou por ordenarse como sacerdote. Sen dúbida que os primeiros anos de formación resultan fundamentais para explicar a traxectoria posterior de Merino e o seu afán continuo por incrementar os seus coñecementos e transmitilos aos demais. Iso sería unha constante que o acompañou durante boa parte da súa vida e explica moitas cousas sobre o legado que deixou.

Os primeiros anos de formación son fundamentais para explicar a súa traxectoria posterior

Cando apenas contaba 22 anos de idade, Merino foi enviado ao Colexio de Belén, en La Habana, onde estreou a súa condición de profesor que seguiría exercendo durante o resto da súa vida. Despois de tres anos na capital cubana, desprazouse a Estados Unidos. En Woodstock, preto de Baltimore, estudou Teoloxía e recibiu a ordenación sacerdotal. Tras pasar cinco anos en Norteamérica, volvería a Europa por un breve período (concretamente á localidade francesa de Larbey) para completar a súa formación relixiosa.Pouco tempo despois Merino volve a cruzar o charco. Esta vez o seu destino e San Juan de Puerto Rico, no colexio-seminario desta cidade pasaría outros catro anos exercendo como profesor. Algúns problemas de saúde fan que en 1879 volva definitivamente a España, despois de pasar unha ducia de anos recorrendo diversos países. Recalaría durante un ano no Colexio de Sevilla, onde daría clases de Física e Química.

En 1880 chega o que sería un punto de inflexión na súa vida, aínda que el non sospeitara que os seus días de trota-mundos ían concluír. O fundador e primeiro reitor do Colexio de Camposancos de A Guarda, o pai Tomás Gómez, abandonaba A Guarda e a presenza de Merino significaba un importante reforzo para atender a labor docente tanto no colexio como no Seminario e na sede de Estudos Universitarios que alí se atopaban.

Merino comezou con forza a súa nova etapa e exerceu como xefe de estudos no Seminario San José mentres impartía clases de inglés na sección universitaria. A actividade académica máis intensa a exercía no colexio onde en diversas etapas deu clases de Latín, Grego, Agricultura, Física e Química e Historia Natural. Entre os anos 1900 e 1910 foi deixando a actividade docente para dedicarse á preparación da que sería a obra culminante de súa vida, a Flora de Galicia, que foi publicada entre 1905 e 1909.

Merino foi director do observatorio meteorolóxico de Camposancos entre 1887 e 1905

Ademais de todo isto, foi director do observatorio meteorolóxico instalado no colexio entre 1887 e 1905, ocupación que serviulle para reforzar a súa inclinación pola ciencia experimental e para publicar algún traballo sobre o tema. Así en 1893 publicou o seu Estudo sobre as borrascas na costa occidental de Galicia. Preocupaballe moito que os patróns dos barcos puidensen predicir as borrascas para evitar accidentes e así acabaría por recomendar que levasen a bordo uns barómetros de pequeno tamaño para saber cando se aproximaba unha tormenta e volver ao porto.

Entre os seus innumerábeis alumnos durante estes anos gañou fama de home sabio pero ao mesmo tempo era unha persoa cálida, que chegaba a poñer alcumes simpáticos aos estudantes. Gustáballe dar clases no laboratorio e sempre intentaba dar un carácter experimental ás leccións. Algúns alumnos lembran a súa figura enxoita e cunha cabeza prematuramente branca. Camiñaba de presa e coa mirada algo perdida, seguramente porque a súa cabeza sempre fervía na procura de novos coñecementos.

Merino non quería quedarse nun simple transmisor de coñecementos, senón que trataba de exercer como un formador de homes inspirados no modelo evanxélico. Ao longo da súa vida compaxinou sen problemas a actividade sacerdotal coa científica. Durante anos foi confesor habitual dos alumnos, dos propios xesuítas e dos fieis que acudían á igrexa. Desempeñou o cargo de director espiritual dos seminaristas e o de director dunha “academia relixiosa” que tiñan os estudantes. Ensinaba o catecismo co mesmo entusiasmo que empregaba para o Inglés ou a Química.

Porén, é moi probable que poucas cousas foran para el tan satisfactorias como a tarefa que comezou en torno ao ano 1890 e que remataría case vinte anos máis tarde coa publicación do último volume da Flora de Galicia. Resulta moi ilustrativa a lectura das súas crónicas tituladas “Viaxes de herborización”, na que combina o rigor científico cunha descrición chea de humanidade sobre as persoas, pobos e situacións que vive durante as súas viaxes.

Viaxou por toda a xeografía galega para recoller plantas e deixou poucos lugares sen visitar

Merino viaxou por toda a xeografía galega e foron moi poucos os puntos que deixou sen visitar. Dende a serra do Caurel ao Ribeiro, das illas Cíes ao litoral de San Ciprián ou dende os picos dos Ancares ao val do Támega recorreu case toda Galicia coa intención de recompilar a maior cantidade posible de plantas. O resultado final é un herbario colosal do que se conservan máis de 16.000 follas e que na actualidade está repartido en catro sedes diferentes.

O xesuíta utilizaba os seus contactos para aloxarse en casas de amigos durante as súas viaxes e os párrocos das aldeas remotas convertíanse en moitas ocasións nos mellores anfitrións e tamén en guías das zonas que visitaba. Pero, ademais da labor investigadora, non esquecía o estudo. A súa biblioteca de Botánica e Ciencias Naturais achegábase ao milleiro de exemplares, escritos en diversos idiomas. Por desgraza, perdeuse.

A partires do ano 1900 a actividade docente de Merino foi diminuíndo para dedicarse a preparar a edición da súa gran obra. A Flora de Galicia publicouse entre 1905 e 1909 en tres volumes pola Tipografía Galaica de Santiago. Posteriormente, a obra completaríase coas “Adiciones”, unha serie de artigos do propio Merino recollidos na revista Brotería, editada polos xesuítas portugueses entre 1912 e 1917. Ademais da Flora, deixou moitas colaboracións feitas en diversas revistas científicas e seis estudos monográficos de carácter meteorolóxico ou botánico.

Unha das grandes ensinanzas que deixa a súa traxectoria é que xa a finais do século XIX era posible que alguén coa iniciativa que tiña este xesuíta fose capaz de desenvolver unha importante tarefa científica, a pesares de atoparse moi lonxe dos centros neurálxicos de coñecemento da época. Merino atopou recursos para estar en contacto con persoas como o botánico valenciano Carlos Pau Español, co que mantivo unha intensa correspondencia (hai máis de 200 cartas conservadas).

Tamén mantivo contacto con outros naturalistas españois e europeos e incorporouse a entidades importantes como a Real Sociedad Española de Historia Natural (foi membro fundador da sección de Santiago en 1909) e a Academie Internationale de Geographie Botanique, da que foi elixido presidente no ano 1915. Foi o primeiro español que presidiu esta prestixiosa institución.

A súa figura é a dun galego ao revés, naceu en Castela e foi cativado pola natureza galega

A súa figura é en certo modo a dun galego ao revés. Naceu en Castela, viaxou polo mundo e acabou por converterse en galego xa na madurez, cando coñeceu unha terra que o cativaría pola súa beleza e á que acabaría dedicando a obra culminante da súa vida. Poucas persoas da historia da Ciencia en Galicia teñen a transcendencia deste home que non naceu aquí pero que demostrou un amor por este terra que soubo prolongar co seu legado.

É que a calor, a luz, o aire, harmonizándose nesta rexión por modo felicísimo, actúan tan favorablemente no reino vexetal que ata a planta de nacemento máis desamparado e mísero se vigoriza sostida e sustentada polas caricias e dádivas dunha atmosfera húmida e morna, que cambia de temperatura sen saltos bruscos, sen sacudidas prexudiciais, ao compás de como se van sucedendo as diferentes fases do desenvolvemento fitolóxico”, así expresaba o propio Merino a súa admiración polo entorno natural galego no prólogo da Flora.

Os últimos anos pasounos de xeito tranquilo, ocupado en ler, escribir e confesar. En 1916 o Colexio de Camposancos trasládase a Vigo, cidade na que falece o 3 de xullo de 1917, cando contaba 72 anos de idade. O seu corpo descansa no cemiterio de Pereiró, moi preto das plantas e flores ás que dedicou boa parte da súa vida. De seguro foi o mellor epílogo que puido ter un home que demostrou un amor sen límites pola natureza dunha terra allea que acabou sendo tamén a súa.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.