Mar Capeáns foi a primeira muller española en converterse en persoal fixo da plantilla do CERN. Foto: R. Pan.

Mar Capeáns foi a primeira muller española en converterse en persoal fixo da plantilla do CERN. Foto: R. Pan.

Mar Capeáns: “Hai moitas oportunidades para traballar no CERN; hai que intentalo”

A física compostelá leva xa media vida no CERN, desde 1992, e dirixe o departamento de Tecnoloxía de Detectores

Mar Capeáns Garrido (Santiago de Compostela, 1967) cumpre este ano media vida no CERN. Chegou en 1992, despois de ler a súa tese de doutoramento en Física na USC, e xa quedou nas instalacións deste enorme proxecto, a cabalo entre Francia e Suíza. Foi unha das primeiras españolas en conseguir un posto fixo na plantilla, e hoxe dirixe o departamento de Tecnoloxía de Detectores, que está día a día á procura de novas ideas para mellorar o xeito de captar as colisións que se producen no interior do LHC.

– 25 anos no CERN. Que lle vén á cabeza ao mirar atrás?

-Pois que parece mentira que xa pasase tanto tempo (ri). Lembro que foi o ano dos Xogos Olímpicos de Barcelona, algo que xa parece que está lonxe, e lembro ben que tiña ganas de ir e non puidera por entrar a traballar aquí. Pero ben, vexo que foi e é xa a miña vida; saín de Santiago co doutoramento recén rematado e cheguei aquí xa para quedar.

– Como explicamos o traballo que fai Mar Capeáns?

-Eu son a responsable do departamento de Tecnoloxía de Detectores. Para explicalo, digamos que os detectores son como as cámaras de fotos que rexistran as colisións das partículas que inxectamos no LHC. Pois ben, os detectores teñen que ser os mellores, os máis precisos, para detectar todos eses movementos que se producen a escala subatómica, e obter así os resultados que nos levaron, por exemplo, a atopar o Bosón de Higgs.

“Unha das mellores cousas que ten o CERN é que é un traballo coral”

– Como se consegue facer un detector tan preciso?

-Unha das mellores cousas que ten o CERN é que é un traballo coral. Xente de moitísimos países, disciplinas, liñas de investigación, enfoques, etc. que aporta todo o seu coñecemento aquí. Quen interpreta os datos que nos dan os detectores son os físicos, e o seu traballo é fundamental, pero para conseguir construír algo tan grande como o LHC, nunhas condicións de temperatura e presión moi particulares, cunha precisión enorme, con estruturas con moitísimas pezas, cables, sensores, etc., precísanse tamén os mellores enxeñeiros, de todo tipo.

– Estase intentando descubrir de onde vimos. E en que punto estamos?

-O LHC está funcionando moi ben, e hai moitos datos que se están analizando. Tanto o acelerador como os detectores están nun proceso de mellora continua, co obxectivo de aumentar o número de colisións e por tanto a probabilidade de descubrimento e precisión. Estamos tamén preparando melloras importantes para o acelerador e os detectores, que se instalarán na próxima gran parada técnica, en 2019-2020.

– E cada vez con máis galegos traballando aquí.

-Nótase moito o cambio respecto aos primeiros anos. Cando cheguei era case imposible escoitar castelán aquí, e tanto a aportación como a participación de España no proxecto medrou moito desde entón. Os datos de 2017 respecto á presenza de españois no CERN son de 157 persoas na plantilla, 84 ‘fellows’ (contratos de formación), 17 doutorandos, 30 estudantes de posgrao ou máster e uns 400 usuarios de universidades e centros de investigación que empregan o CERN. E entre eles, tamén se nota cada vez máis a presenza de galegos.

– Supoñamos que unha estudante de Física, ou futura estudante, poida ler isto e lle entren ganas de traballar no CERN. Que lle diría?

-Hai moitas oportunidades para traballar no CERN, que abranguen ademais campos de traballo moi diversos. Como xa comentaba, o CERN é un laboratorio tecnolóxico onde precisamos continuamente novas ideas en enxeñaría mecánica, electrónica, civil, informática, etc. E hai programas para integrar o CERN a varios niveis, desde o grao ata profesionais con máis experiencie. A vantaxe de estar aquí é que che expón a campos moi diversos, nun ambiente de excelencia e moi internacional, polo que é fácil atopar o proxecto onde podes utilizar o teu talento da mellor forma. Hai que intentalo, e unha vez que estás aquí, coller responsabilidades sen medo e sen dúbidas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.