Osa con osezno no Alto Sil. Foto: G. Mucientes.

Osa con osezno no Alto Sil. Foto: G. Mucientes.

Os vídeos de osos e lobos en Galicia que amosan a súa recuperación

O grupo Ecoloxía Azul documenta a boa evolución destes grandes carnívoros en Galicia e no Cantábrico

A conservación dos grandes carnívoros tense convertido nun dos grandes retos para a conservación da biodiversidade ao longo e ancho do planeta, mesmo maior en áreas densamente poboadas como acontece no continente europeo. A prestixiosa revista Science publicou no 2014 un estudo onde se aprecia unha leve melloría no estado das poboacións destas especies predadoras (osos, lobos, etc.) na vella Europa (Chapron et al2014).

Nós mesmos tivemos a fortuna de rexistrar a actividade dalgunhas destas especies nos montes galegos, como no caso do lobo ibérico.

Os resultados do traballo en base a series históricas con datos sobre o oso pardo (Ursus arctos), o lince boreal (Lynx lynx), o lobo gris (Canis lupus), e o glotón (Gulo gulo) no vello continente, amosan que aproximadamente un terzo da Europa continental acolle polo menos unha especie de gran carnívoro, cunha abundancia estable ou en aumento na maioría dos casos. As razóns deste éxito xeral de conservación inclúen a lexislación sobre protección, a opinión pública a favor, e unha variedade de boas prácticas que fan posible a coexistencia entre grandes carnívoros e as persoas. A situación europea revela que estes e a xente poden compartir o mesmo territorio.

Oso pardo cantábrico no seu hábitat. Foto: G. Mucientes.

Oso pardo cantábrico no seu hábitat. Foto: G. Mucientes.

A nivel máis local, no noso país, os últimos censos de oso pardo cantábrico indican un incremento da subpoblación occidental, superando os 200 efectivos no último censo do 2016 ( datos Fundación Oso Pardo), onde se estima unha importante taxa de crecemento anual do 10,6% confirmando o bo momento reprodutivo e a tendencia demográfica positiva desde mediados dos anos noventa.

E como non, nós estivemos alí para comprobalo en primeira persoa.

No núcleo oriental cantábrico mantense unha poboación de 40 osos, que historicamente foi un pouco máis inestable, aínda que nos últimos anos estímase  unha taxa de crecemento anual do 6,3%.

Osa con osezno no Alto Sil. Foto: G. Mucientes.

Osa con osezno no Alto Sil. Foto: G. Mucientes.

A situación dos osos en Pireneos é totalmente diferente, onde a poboación autóctona está extinguida e os dous núcleos existentes mantéñense grazas a osos reintroducidos doutros países como Eslovenia, cunha subpoblación occidental de dous osos e outra oriental de 35-40 osos.

A conservación dos grandes carnívoros é crucial para o ecosistema en xeral, e en particular na regulación da súa estrutura trófica. Un espectacular exemplo disto é o efecto fervenza na cadea trófica que provocou no ecosistema a reintroducción dos lobos no famoso Parque Nacional de Yellowstone. A re-introdución do lobo gris en Yelowstone foi considerada pola National Geographic entre unha dos nos 46 maiores fitos na protección do medio ambiente.

Antes da chegada dos lobos, o número de wapitís (Cervus canadensis) disparouse. En consecuencia, a vexetación natural atopábase seriamente mermada. Os lobos empezaron a cazar wapitís o que desembocou nunha redución das poboacións destes ungulados; ademais dun cambio no seu comportamento. Atemorizados polo novo depredador, deixaron de frecuentar os lugares máis desprotexidos como os fondos de vales. E inmediatamente, nesas zonas comezou a rexenerarse a vexetación natural. Nalgúns sitios, a altura das árbores quintuplicouse en só 6 anos.

As beiras desforestadas dos ríos pronto se cubriron de vexetación. Detrás deles chegaron as aves forestais, e a biodiversidade incrementouse considerablemente. Desta maneira apareceron os castores, impulsores natos de presas que modifican o curso dos ríos. Os lobos estaban a modificar indirectamente a paisaxe. Ata tal punto que se reduciron os efectos da erosión, estreitado as canles, xerado lagoas e remansado rápidos. Esas presas dos castores e novos biotopos deron acubillo a peixes, anfibios, réptiles e mamíferos como a rata de auga ou a londra. Ao desaparecer os coiotes aumentaron os ratos e os coellos, oportunidade que souberon aproveitar aves rapaces, teixugos, raposos e mofetas. As poboacións de carroñeiras tamén se beneficiaron enormemente de todos eses restos animais deixados abandonados polos lobos. Incluso os osos, quen ademais da carroña tamén gozan dunha cantidade inusitada de froitos.

Todos estes efectos foron moi interesantes e inesperados. É así como un pequeno número de lobos non só logrou modificar o ecosistema dun espazo tan inmenso como Yellowstone, senón que mesmo foi capaz de cambiar a súa fisonomía.

Intimamente relacionado con este último exemplo, a revista Nature Communications publicou a confirmación experimental de que o medo aos depredadores apicales dun ecosistema poden provocar efectos en fervenza ao longo da cadea trófica (Suraci et al. 2016). Estes e outros resultados reforzan a necesidade de conservar os grandes carnívoros dado o ‘servizo medio-ambiental’ que estes levan a cabo.

Ecoloxía azul

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.