Car Sharing ten alternativas en galego.

Car Sharing ten alternativas en galego.

Precisamos o inglés para compartir vehículos?

Xusto Rodríguez propón alternativas en galego para falar na Semana Europea da Mobilidade

Aproveitando que estes días se celebra a Semana Europea da Mobilidade, artellada arredor do lema “Mobilidade limpa, compartida e intelixente”, imos fixarnos en dous conceptos que son esenciais para acadar o obxectivo que ese lema manifesta, e que (que sorpresa!) nomeamos con palabras en inglés.

O primeiro deles é o car pooling, é dicir, a práctica pola que varias persoas comparten un coche (normalmente privado) para desprazamentos periódicos ou viaxes longas, e acordan entre eles a forma de compartir os gastos que se xeran. En galego, sería preferible referirnos a compartición de coche ou a viaxes compartidas, da mesma forma que en portugués se recomenda boleia partilhada ou viagem en carro partilhado, en castelán vehículo compartido e en catalán cotxe compartit.

O segundo é o car sharing, un servizo de alugamento de automóbiles no que se pon ao dispor dos usuarios (que previamente se aboaron ao servizo) un vehículo para desprazamentos curtos ou ocasionais, por períodos de tempo que moitas veces non superan unha hora. En galego, formas como préstamo de coche, préstamo de vehículo ou coche multiusuario son moito máis transparentes e describen mellor o servizo, amais de relacionarse co préstamo de coche do castelán ou o cotxe multiusuari do catalán.

Non hai ningunha razón que xustique o uso desas palabras inglesas cando nos comunicamos en galego, máis alá do suposto prestixio que implica vestir un concepto con roupas dese idioma, como ben saben os que fan running ou power walking no canto de iren correr ou andaren á présa, participan en workshops e non asisten a talleres, ou fan scroll pola pantalla no canto de desprazala.

Por iso, empreguemos as viaxes compartidas e os préstamos de coche. Non só é bo para unha “mobilidade limpa, compartida e intelixente” senón tamén para a diversidade lingüística do mundo.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.