Pedra formosa no castro de Briteiros e proxección do pentágono.

Pedra formosa no castro de Briteiros e proxección do pentágono.

Pitágoras na Gallaecia

O arqueólogo Manuel Santos-Estévez amosa neste artigo como os antigos galaicos dominaban a xeometría sen usar números

As primeiras evidencias sobre coñecementos complexos en matemáticas e xeometría documéntase nas primeiras culturas con escritura, Sumeria, Exipto, Grecia, etc. Estes coñecementos chegan ata nós en forma de táboas con escritura cuneiforme, xeroglífica ou alfabética. Mais, como podemos estudar estes mesmos coñecementos en sociedades que descoñecían a escritura?

Lonxe de certos postulados que quixeron ver nos galaicos un pobo primitivo, a existencia de coñecementos en xeometría de certa complexidade está constatada entre os pobos da Idade do Ferro. O trazado dalgúns baixorrelevos, evidencian a aplicación de cálculos que unicamente poderían ser explicados cun desenvolvemento social e cultural que permitise a existencia de especialistas con saberes teóricos e técnicos destacables.

Proxección xeométrica dun pentágono como a feita en Briteiros.

Proxección xeométrica dun pentágono como a feita en Briteiros.

O gusto pola decoración xeométrica entre os celtas é ben coñecida e observable na arte da Idade do Ferro na Europa Occidental. No campo das artes plásticas destaca especialmente a antiga Gallaecia e, concretamente, aquela zona onde a escultura atinxiu o seu maior grado de desenvolvemento hai máis de 2.000 anos; refírome ao sur da Gallaecia, no actual noroeste de Portugal.

Pedra formosa no castro de Briteiros.

Pedra formosa no castro de Briteiros.

Unha das visitas obrigadas para os interesados na arqueoloxía dos castros galaicos é sen dúvida o Castro de Briteiros, cercano ás cidades de Braga e Guimarães. Alí foron localizados dous grandes relevos coñecidos como Pedra Formosas, cuxa finalidade sería a de formar parte dunha construción arquitectónica destinada a baños rituais. Unha destas pedras formosas de Briteiros foi trasladada ao Museo Martim Sarmento mentres que, a que require da nosa atención, permanece no seu sitio orixinal.

A decoración desta pedra é unha proba palpable da existencia de coñecementos de xeometría certamente desenvolvidos. Se superpoñemos un pentágono regular sobre a decoración do relevo de Briteiros, observaremos como ésta aparece perfectamente enmarcada pola figura xeométrica, a excepción dos dous trísceles laterais, que son divididos por dúas metades exactas. Esta precisión na distribución das figuras nun espazo pentagonal presenta unha dificultade engadida se temos en conta que, na Idade do Ferro, os galaicos eran ágrafos e, por tanto, non usaban números gráficos, o cal dificultaría cálculos matemáticos de certa complexidade. Entón cabe preguntarse como foi posible o trazado da decoración do relevo de Briteiros.

Os galegos non tiñan números: como puideron decorar o relevo de Briteiros?

Para comprender o deseño deste relevo debemos buscar algunha forma de trazar un pentágono regular sen recurrir a cálculos núméricos. Precisamente é o método para deseñar un pentágono regular o que vai proporcionar a chave para entender a decoración desta pedra formosa. O método para o deseño dun pentágono regular usando unicamente regra e compás é coñecido desde a antigüidade clásica. En primeiro lugar trázase un círculo, o cal se divide en catro partes mediante unha cruz inscrita tal e como se ilustra na imaxe. En segundo lugar, trázase unha recta desde P pasando por M, que é o punto medio do radio. En terceiro lugar, con centro en M, trazamos un círculo cun diámetro equivalente ao radio do círculo maior. En cuarto lugar, con centro en P, trazamos un arco cun radio PS. Deste xeito obteremos os ángulos do pentágono, por último trazamos os lados do pentágono.

Se comparamos a decoración de Briteiros co deseño do pentágono realizado segundo o método descrito, veremos como a decoración da pedra parece estar inspirada nese mesmo método. O arco superior e o inferior da decoración teñen o mesmo trazado que o que aparece no deseño do pentágono regular. Deste modo non só certificamos o uso do pentágono regular para distribuir a decoración de Briteiros, senón que tamén se evidencia que, os artífices desta pedra formosa, quixeron deixar constancia dos seus coñecementos de xeometría na forma da decoración.

É pouco probable que Pitágoras estivese algunha vez na antiga Gallaecia, mais, podemos afirmar que os habitantes dos castros, como os antigos gregos, posuían destacables coñecementos en xeometría.

Unha resposta a “Pitágoras na Gallaecia

  1. Pedro

    Non existe, nin nos petroglifos nada casual, cando o ser humano prefigura unha idea, planifica, establece un método, mesmo de proba e erro, ata convertilo nuha lei de funcionamento. Non esquezamos que os exemplos sumerios, pero sobretodo exipcios por dimensión, tiñan trazados os coñecementos xeométricos, Pitágoras foi o primeiro espía industrial. A cultura como se coñece hoxe non pode supoñer que hai 3000 anos tiveran os ancestros capacidade de pensamento. A xeometría é unha resposta máis coma a astronomía e tantos saberes descoñecidos por esta prepotente sociedade da tecnoloxía. Unha cousa máis, a xeometría relaciona como ningures a abstracción e a concreción. Números inconmensurables, solo poden ser debuxados: raíz de dous, pi,…
    Grazas

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.